Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
15/2/2010
Do xornal vasco Gara.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Entrevista a Miren Etxezarreta: «O Goberno español dá un paso máis na privatización das pensións públicas»

A reforma das pensións no Estado español supón avanzar no modelo de privatización. É unha concesión ao sistema financeiro privado. Miren Etxezarreta culpa o Goberno español de encartarse á elite económica, pero «ocorre a nivel mundial», e culpa os sindicatos maioritarios españois, CCOO e UGT, de colaboraren neste proceso que beneficia ao gran capital. Etxezarreta bota de menos unha resposta social contundente, «proporcional á que se nos vén encima».

- Coida que as pensións públicas están en perigo neste momento?

Non están en perigo. As predicións nunca hai que facelas en relación aos vellos, senón na relación de poboación activa sobre poboación pasiva. Resulta que os mozos están empezando a traballar aos 30 anos, entón a poboación pasiva crece, pero non só polos vellos.

- Quen propón as reformas están facendo trampas?

Primeiro, as predicións demográficas son dubidosas, pero aceptemos que fosen verdade. Ao meu ver, hai dúas trampas moi grandes. A primeira por que as pensións teñen que as pagar só os traballadores. Hai unha razón se queres histórica, no sentido de dicir, en que cada vez máis a produción é social, faise con todo. A produción non só chega coas empresas, faise coa infraestruturas, co coñecemento, coas relacións. Estánnolo dicindo todos estes sabios permanentemente.

- Daquela, por que teñen que pagar só os traballadores as pensións de toda a sociedade?

Esa é a trampa. Toda a sociedade debe pagar as pensións. Se a ten que pagar a sociedade e resulta que cada vez as sociedades cada vez son máis ricas, que non nos veñan con andrómenas dese problema, aínda que as crises sempre se sucederán.

- A segunda trampa cal é?

É máis gorda. O feito de que cada vez vai haber menos activos por pasivos, que é onde se apoian, non ten nada que ver, porque non depende do número de activos, senón da produción dos activos. Non depende do número de traballadores, senón da riqueza que eses traballadores producen. Iso non se menciona. Todo o tema son verdades a medias tramposas.

- Hai que cambiar o modelo?

Non creo que sexa xusta esa insistencia en que todo ten que ser como foi atá o de agora. Están falando de tecnoloxías, de cambios no mercado laboralo da flexibilidade. Todo o que lles convén pode cambiarse, pois que cambien o sistema de pensións. Por exemplo, que se financie a través dos impostos unha parte moi importante das pensións. Quen financia o Exército? Non está equilibrado, nin a Educación, nin a Casa Real, nin a presidencia do goberno. Por que o único tema que ten que estar equilibrado é a Seguridade Social?

- Quérese beneficiar a alguén?

En todas estas medidas aparece ao final que hai que impulsar as pensións privadas. Ese é o miolo da cuestión. O capital financeiro necesita cada vez máis e quere conseguir que as pensións públicas se privatice, porque saben que esas entradas de capital téñenas aseguradas durante máis de vinte anos e non se poden sacar. Para que queres mellor negocio.

- De feito, desde o Pacto de Toledo os fondos de pensións multiplicáronse por oito.

Porque a lei fixouse nesa dirección. No grupo Taifa estamos traballando sobre o que supón a crise no Estado español, e o aumento das pensións desde o ano 2000 multiplicouse por oito. Para os bancos é o maná do ceo.

- Xógase co medo?

Ten que quedar claro que non é problema do PSOE. Se estivese o PP sería tan malo como o PSOE. O problema destes días é que somos reféns do capitalismo mundial. Todas estas patadas que está dando Zapatero estes días é para lles demostrar que é bo mozo.

- É unha baixada de pantalóns acudir á City a dar explicacións sobre a política económica como fixo o Goberno?

Tivo que ir a Standards and Poor´s e «Financial Times». Quen son eses señores?. Non foi ao FMI, que dentro de todo, podería ter unha certa lóxica, non, foi ao capital privado. Hai outra cousa, non é só refén do capitalismo mundial e das súas propias opcións. Por que non fai unha reforma fiscal? A que fixo é conservadora e retrógrada. Por que non fai unha reforma de verdade? Vánselle ir os capitais? Para o que nos serven.

- Xa se van aos paraísos fiscais cando queren.

Terían que facer unha reforma fiscal potente. Cando ten 4,5 millóns de parados, se tes que pagar un pouco máis pola débeda pública, tes que o facer. Pero o que fixo é pegar o corte ao orzamento público de 50.000 millóns, o que anula as políticas anticrise, por malas que fosen. Teriamos que estar todos na rúa para romper este esquema neoliberal.

- Bota de menos a falta de resposta social?

Boto, si. Non facía falta resolver agora o tema das pensións. Ese tema é a moi longo prazo. Dinnos que a saída da crise, que non é verdade, está ao virar a esquina, entón por que non esperaron coa reforma de pensións?

- O Goberno español dixo hai un ano ou dous que as pensións estaban aseguradas até 2025. Por que tanta présa agora?

Esa é a clave. Os estudos máis pesimistas dicían que até 2023 estaba asegurada. Agora fánnolo con présa e aproveitándose da situación.

- Vostede cre que hai suficiente riqueza?

Ben, riqueza non hai tanto como a que estivemos vivindo. Viviuse un pouco dunha ilusión financeira a base do crédito e, efectivamente, logo vén o tío Paco coa rebaixa. Pero teríase que distribuír un xeito equitativo.

- Refírome aos fondos que hai depositados nos paraísos fiscal, á economía mergullada...

Si, si. Unha interpretación é que o ataque da elite económica non só se dirixe cara ao Estado español, senón que é un ataque ao euro. Os capitais están dicindo: ollo que a nós non nos ides a regular! Esta claro que unha vez pasado o máis urxente da crise financeira, sentíronse fortes. Estannos dicindo que non os van poder regular. O G7 xa dixo que de regular nada. A min unha cousa que me impresiona desta andrómena é o enorme poder do capital financeiro.

- E desde os gobernos cédese a ese poder?

Empezando polo español, pero todos. Francia e Alemaña, que son países máis ricos, aínda non lles están esixindo nada, pero ao resto si.

- Como o ve de cara ao futuro?

Véxoo moi mal. Teño a impresión que isto é unha operación a prazo medio e longo para rebaixar as condicións de vida da clase traballadora e as clases populares, para impulsar un capitalismo cada vez máis elitista, máis desigualdade na distribución da renda entre os países que se chaman ricos. Coido que a saída desta crise, xa sabe que cada saída supón un cambio, pois coido que o desta vai deteriorar seriamente e permanentemente as nosas vidas. Non estamos niso de dicir imos apertar o cinto un par de anos e imos adiante. Non, para min é un ataque máis permanente. É un pouco como retroceder bastantes anos.

- Todas as conquistas logradas con sangue, suor e bágoas se perderon nun par de anos? A elite non nos deixa nada?

Así é. Así de negativo o vexo para as clases populares, aquí tamén meto á clase media, que tampouco se salvará da agresión. Temos que espertar, que se nos acaba o tempo.

 

[Entrevista tirada do xornal vasco ‘Gara’, do 14 de febreiro de 2010]

cig.prensa@galizacig.com