Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
15/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: crise : : débeda : : economía : : Islandia : : referendo :
Como Islandia conxelou os seus acredores

O pequeno país foi un paraíso especulativo e viviu unha burbulla de riqueza que se picou coa crise mundial. Os seus bancos crebados tiñan 3.700 millóns de euros de clientes ingleses que os reclaman. O Parlamento aprobou pagarlles, pero un plebiscito dixo que “non” por moi ampla maioría.

Hai unha semana os islandeses decidiron non pagar a investidores de Gran Bretaña e Holanda uns 3.700 millóns de euros. Esa débeda, que o Parlamento aprobara honrar en votación dividida (33 a 30) foi desautorizada nun referendo polo 90 por cento do electorado. O 14 de outubro de 2008, cando se precipitou a crise -ese día a Bolsa caeu un 77 por cento-, este pobo de mansos pescadores pasou sen escalas de vivir unha especie de islandian way of life ao peor dos pesadelos. Súbditos das raíñas Isabel e Beatriz, moi ávidos buscadores de oportunidades, depositaron os seus diñeiros na banca desta illa dos guéiseres e perderon todo cando explotou a burbulla financeira. A abafadora maioría dos 320.000 islandeses que se inclinou polo “non” canalizou así o seu cansazo contra o mesmo sistema, agora desacralizado, que antes lles permitiu ter unha expectativa de vida de 80 anos e ocupar o ranking de sexta nación máis rica da OCDE.

Andri Snaer Magnason, un activista islandés, explica aquel pasado -non tan pasado- esplendoroso: “En 2002 o goberno decidiu dobrar a nosa produción de enerxía, o que provocou un boom inmobiliario e a chegada de moito diñeiro do estranxeiro á nosa economía”. É autor do libro Dreamland: un manual de autoaxuda para unha nación asustada, best-seller no seu país. “Antes da crise -di Magnason- o 80 por cento dos mozos islandeses aspiraba a converterse nun banqueiro millonario e agora iso xa non pasa”. Pola contra: mobilizáronse durante os últimos dous anos e aínda o fan todos os sábados fronte á sede do goberno, en Reykjavik, a capital. As súas protestas non se detiveron.

A saga dun par de magnates islandeses dá conta de como se esfarelou a bonanza económica desta nación con paisaxe lunar onde a propia Nasa envía os seus aspirantes a astronautas para aclimatárense. Un deles, Jon Asgeir Johannesson, en apenas un feixe de anos adquiriu varias das máis exclusivas tendas británicas e danesas, á fronte do grupo investidor Baugur. Outro, Bjorgolfur Gudmundsson, apropiouse con diñeiro fresco (en Islandia a moeda é a coroa) do club inglés West Ham...

O destacado xornalista Ezequiel Fernández Moores escribiu unha nota moi ilustrativa sobre o último tema en outubro de 2007. Coñece Islandia e recorda: “Naquel momento todos mandaban os seus fillos a estudar ao continente. Alí todos ou case todos se coñecen entre si, tiñan un estándar de vida medio, casas nórdicas sen grandes luxos e cada un facía o que lle petaba”. Iso xa non é posíbel. As longas e ininterrompidas noites que van de novembro a xaneiro, parecen terse estendido nun plano simbólico ao resto do ano. A segunda illa máis grande de Europa, que tiña un PBI semellante ao da provincia arxentina de Santa Fe, xa non é o que era. Pero intenta comezar a súa reconstrución sobre outras bases e outras voces.

Voces do Pobo se chama o movemento que encabeza un grupo de intelectuais e persoeiros da cultura que minaron o poder político da coalición conservadora-socialdemócrata, derrubada pola crise. Os seus integrantes bloquearon o Congreso, enfrontáronse coa policía e contan coa simpatía dos traballadores que, historicamente, sempre estiveron ligados aos socialdemócratas. Niklas Svensson, un autor de formación marxista, escribiu un artigo o ano pasado no que sostén: “A débeda externa de Islandia non a contraeu a poboación islandesa. A débeda non é o resultado de comprar automóbiles de luxo ou investir en servizos públicos. É o resultado da especulación dunha minúscula camarilla dentro da poboación, que agora foxe do país ás súas luxosas casas no estranxeiro”. Calquera semellanza con outras nacións do planeta é pura coincidencia.

Contra as débedas que pretenden cobrarlles os bancos que colapsaron (Kaupthing, Landsbanki e Glitnir), a falta de transparencia no sistema financeiro e a clase dirixente, os islandeses empezaron a agruparse. Primeiro foron uns centos, despois un par de miles e nas mobilizacións máis grandes, chegaron a reunir cinco mil persoas. Un número máis que respectábel se se ten en conta a poboación do país.

Coa súa posición inequívoca no referendo, decidiron desfacerse do lastre que lles causou pagar a débeda cos acredores ingleses e holandeses a razón de 40.000 euros por familia e en quince anos, a uns xuros do 5,5 por cento. A inminencia doutro problema -un eventual bloqueo de Inglaterra ao ingreso islandés á Unión Europea- aínda se discute nas rúas de Reykjavik. Aínda que parece que aos islandeses non os amedoña a moeda polo chan, a baixa do consumo e os curtocircuítos cos seus políticos. Non consideran que sexa xusto pagar pola creba que provocaron outros. A primeira ministra, Johanna Sigurdardotti, (ver aparte) dixo que o resultado da votación lle sairíalle “caro” ao país.

Parece a metáfora da máis coñecida película que transcorre en Islandia, 101 Reykjavik, que se centra na vida de Hlynur (Hilmir Snaer Gudnason), cuxa vida disipada só vira en gozar e ser irresponsábel. Pero o personaxe cambia cando se decata de que Berglind (Hanna Maria Karlsdottir), a súa nai, mantén unha relación íntima con Lola, unha profesora de flamenco (Vitoria Abril), da cal el tamén é o seu amante esporádico.

A explosión da burbulla capitalista sorprendeu os islandeses pola noite e entre sabas. Cando espertaron, decatáonse de que non querían repetir ese soño. Cambiaron como Hlynur, e instruídos como son (teñen a maior cantidade de libros publicados por cápita do planeta) e guiados pola forza dos seus volcáns e augas que xorden, decidiron que non pagarían a débeda contraída polos seus banqueiros.

[Artigo tirado do xornal arxentino ‘Página12’, do 14 de marzo de 2010]

cig.prensa@galizacig.com