marco
15/4/2009
Secretario confederal de Formación Sindical e Comunicación da Confederación Intersindical Galega (CIG).
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: Galiza : : historia :
Galiza nos escritos árabes

A historia do noso país, a súa importancia durante séculos no contexto europeo, está aínda en boa medida por escribir, xa que foi terxiversada polas clases dominantes e noxentos intereses imperialistas. Nun artigo fai uns meses facía referencia a que George Slocombe nun fascículo sobre Guillermo o Conquistador (de Inglaterra), publicado polo Centro Editor de América Latina (Arxentina), e utilizando bibliografía inglesa e francesa, afirma que a filla deste rei, Ágata, fora pedida en matrimonio “por Afonso rei de Galicia. O pedido fora atendido, e Ágata, acompañada por unha rica escolta de nobres e prelados, partira na longa viaxe deica España”. Pola data tratase de Afonso VI, que a historia oficial española nomea en troques como rei de León e Castela.

Fago referencia máis unha vez a este tema porque acabo de ler o libro de Ana María Carballeira Debasa “Galicia y los gallegos en las fuentes árabes medievales”, editado polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas, no que engade nova información sobre a importancia da nosa nación durante a Idade Media. Segundo a autora durante boa parte deste período a toda a área político-xeográfica do norte da península os árabes chámanlle Galiza; aínda que exclúen practicamente sempre desta denominación á zona oriental que consideran parte da marca franca (Ifranya), e os limites do territorio non son sempre os mesmos. Os árabes utilizan dúas variantes pra nomear a Galiza, Yilliquiya e Galisiya, aínda que en moitos máis casos a primeira pra denominar ao que foi aproximadamente a Gallaecia romana (con ou sen Castela) e a segunda pra facer referencia á Galiza propiamente dita (incluíndo por suposto a todo o norte do Portugal actual).

No libro analízanse detidamente a información dos escritores árabes da época sobre Galiza, entre esas referencias, por exemplo, a morte de “Afonso II, señor de Yilliquiya, en 842 e do ascenso ao trono de Ramiro I, rei dos galegos”. Asemade transcribe que Ibn Idari (historiador magrebí de Fez) informa que al-Muzaffar (1045-1063) acordou con Fernando, rei dos galegos, a entrega de cinco mil dinares desde o comezo da tregua”. A medida que avanza a Idade Media a denominación de Galiza, a esta extensa zona xeográfica do norte ocidental e central da península, será substituída progresivamente, aínda que a Galiza propiamente dita seguirá recibindo o nome de Galisiya. Agora ben, Ibn Jaldun (cronista tunesino morto en 1406) aínda indica que en tempos da revolta Trastamara “que Pedro I sucedeu a Afonso XI á fronte dos galegos”.

Non menos importantes son os comentarios que sobre os galegos fan os escritos árabes, así Ibn Jaldun salienta que os galegos nos combates “batan tambores, toquen gaitas e entonen cantos”. Pola súa banda Abu L-Fida (xeógrafo sirio, morto en 1331) di que “os galegos distínguense pola súa valentía a astucia, pois non admiten a fuxida no encontro militar e consideran apropiada a morte no seu posto. Por outra banda, tamén sinala que son traidores e de natureza vil, caracterizándose polos seus propios escrúpulos” (despois de todo falaba dos seus inimigos).

O libro fai un amplo percorrido das referencias árabes ao territorio e os seus habitantes, así como polos comentarios que realizan sobre aspectos etnográficos; tamén desenvolve especificamente cada un dos catro períodos nos que se pode dividir a historia política do Al-Andalus nos que existen comentarios encol de Galiza. En resumo, tratase dunha contribución importante pra un millor coñecemento da nosa historia nacional, tanto tempo ignorada ou terxiversada pola oficialidade. Non somos máis nen menos que calquera outro povo, porén con moitos séculos de historia; tivemos como todos, guerras gañadas e perdidas, con períodos de soberanía e prestixio, e outros de dependencia e sometemento colonial.