O Banco de España aprobou as estratexias de 13 entidades, entre elas de Novacaixagalicia, para poder cumprir cos rateos discriminatorios impostos polo Decreto de Privatización das Caixas de Aforros anunciado pola Ministra Salgado o 14 de xaneiro.
Poucos son os detalles públicos deses plans, que no caso de que precisen unha inxección parcial ou total de recursos públicos deberán ser aprobados pola Comisión Xestora do FROB, o Ministerio de Economía e a Comisión.
O obxectivo principal do Decreto está cumprido, as Caixas de Aforros desaparecerán transformadas en bancos. Nuns casos sairán a bolsa de xeito inmediato, noutras recorrerán a diñeiro público para gañar tempo cara á posterior entrada de accionistas.
Os clientes pasaran a ser clientes dun banco, moitos deles non notarán a diferenza debido ás políticas bancarizantes da última década, das políticas comerciais emprendidas polos xestores de caixas que en moitos casos avergoñarían aos avarentos banqueiros do século XVIII; os traballadores e traballadoras que sobrevivan á reestruturación que se aveciña serano dun banco; os orzamentos para a Obra Social serán recortados xa neste ano e no futuro a consecución das rendibilidades de dúas cifras que procuran os accionistas lastrarán aínda máis esa partida. Con este panorama algúns non entendemos que é iso de que o importante é que a Caixa controlará o novo Banco. Non sabemos quen é ese ente abstracto ao que chaman “Caixa” que non terá clientela, persoal e como moito fará unha minguada Obra Social.
Non queremos pensar que esa “Caixa” serán os Directivos, os responsables da desfeita que conseguiron un mandato “transitorio” por obra e gracia do PPSOE que será indefinido coa transformación en banco.
A CIG anunciou no ano 2007 que o sistema financeiro do Estado Español estaba gravemente afectado, non polas subprime, senón pola sobreexposición ao sector inmobiliario que ten unha maduración de máis longa duración. Banco de España e o Goberno Central mentiron a cidadanía e hoxe esta pagará novamente as consecuencias.
Algún plan presentado polas caixas prevé a saída a bolsa da parte saneada e a creación dun banco malo que aglutinaría a morosidade, prestamos dubidosos e o chan inmobiliario. O diñeiro público inxectado polo FROB1 alimentaría ese banco. Se pasado o prazo de sete anos ese diñeiro non é devolto ao Estado, este quedará cos bancos malos das antigas caixas.
O bo para os inversores privados e accionistas, o malo pagarémolo de novo a escote do erario público. En fin que PP e PSOE non só pactaron a privatización das Caixas, senón tamén o saneamento das mesmas con cargo aos orzamentos do Estado.
O déficit público é unha escusa para xustificar recortes sociais e laborais, pero non hai reparos en meternos outro calote para facernos pagar aos cidadáns os erros dos xestores, do Banco de España e do Ministerio de Economía, indignante.
[Artigo tirado do sitio web do ‘Xornal’, do 15 de abril de 2011]