Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
15/5/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
‘Wo is bilinguisme?’

O bilingüismo, que falsariamente se nos mostra como unha grande riqueza, constitúe só unha fase na substitución dun idioma por outro. Sabéndose o que se sabe hoxe do funcionamento das linguas, pódese afirmar que, cando unha lingua elimina outra non o fai nun período de horas, nin meses nin (fóra de casos de eliminación física dos seus falantes, cousa na que, por certo, o español atesoura unha grande experiencia) en anos.

Nos pasados días, como consecuencia da campaña de intento de imposición do español que entidades como o Club Financeiro de Vigo e, sinaladamente, a asociación Galicia Bilingüe están a levar a cabo, viron a luz diversas opinións que denuncian ditos criterios impositivos. Sumareime ao debate con algunhas reflexións.

Comezarei dicindo que, nin son bilingüe, nin acredito no bilingüismo, dado que esa categoría, aplicada a toda unha colectividade, non pasa de ser unha afirmación hipócrita que tenta enmascarar a realidade, até o punto de non se coñecer ningunha sociedade, carente de conflito lingüístico, que sexa bilingüe. As sociedades normais son monolingües, independentemente da capacitación individual das persoas que a compoñen, porque iso é, social e economicamente falando, proveitoso.

O bilingüismo, que falsariamente se nos mostra como unha grande riqueza, constitúe só unha fase na substitución dun idioma por outro. Sabéndose o que se sabe hoxe do funcionamento das linguas, pódese afirmar que, cando unha lingua elimina outra non o fai nun período de horas, nin meses nin (fóra de casos de eliminación física dos seus falantes, cousa na que, por certo, o español atesoura unha grande experiencia) en anos. Ao contrario, durante un período de tempo, máis ou menos longo, as dúas linguas conviven asimetricamente, unha en avance firme e outra en recúo constante, até chegar o instante da desaparición da desfortunada, momento no que o bilingüismo harmónico muda a monolingüismo filharmónico. Unha sociedade, como o proban innúmeros exemplos, só é bilingüe cando existe un conflito. Con linguaxe psicanalítica diriamos que o bilingüismo social –non o individual– é o síntoma do conflito. Se, como din os bilingüistas (non confundir cos bilingües) o bilingüismo fose unha beizón, escoitaríanse a eito laios en Madrid, Berlín, Roma ou Londres por non teren máis dunha lingua, feito do que, polo de agora, non se ten noticia. Presentar a sociedade galega como bilingüe implica querer continuar ad infinitum coa imposición do español.

Acredito na posibilidade real dunha Galiza Monolingüe, perante a hipótese, imposíbel, dunha Galicia Bilingüe e estábel no tempo. Acho que unha Galiza (case tres millóns de seres) monolingüe é posíbel, como o son hoxe, na práctica, nacións de poboación semellantes á nosa: Israel (6 millóns de persoas), Dinamarca ou Finlandia (5 millóns cada unha) ou Noruega (pouco máis de 4 millóns). Intencionadamente, non sinalo casos como Estonia, Letonia ou Eslovenia, nacións de poboación inferior á galega. Preferín escoller países de tradición pertencente ao chamado mundo occidental, homologábeis a nós e cuns índices de consumo cultural superiores aos nosos.

Galiza monolingüe

Como resulta certo, Galiza monolingüe será posíbel se así o desexaren as persoas que viven neste país. Posibilidade non é sinónimo de facilidade xa que a imposición do español, levado a cabo ao longo de cincocentos anos, con diferentes feitíos

–imposición ditatorial ou democrática

– e coercións diferentes, abrangue o territorio da violencia física, mais tamén o campo da inferiorización intelectual

–como George Steiner nos lembrou con brillantez hai poucas datas

– até ficaren certos os sometidos que a dominación é xusta e necesaria. Mutatis mutandis, o dominio exercido polo home sobre a muller e os brancos sobre os negros presenta curiosas coincidencias cos procesos de dominación lingüística.

Se se afirma que o pobo galego non desexa –voluntariamente– empregar o seu idioma, deberíase actuar con valentía e afirmar que as mulleres non desexan –voluntariamente– exercitar os seus dereitos, nin, en tempos, a maioría do pobo surafricano –voluntariamente– liberarse do xugo afrikaner. Deberíase, tamén, preguntar por que o pobo español non renuncia ao seu idioma e se, como parece demostrado, a potencia do inglés fica fóra de dúbida, porque non comeza o goberno (de España) a predicar co exemplo, comezando en Madrid unha rotulación bilingüe do tipo Puerta del Sol–Sun Gate.

A miúdo escóitase falar da excelencia do español e da inutilidade do galego no noso desenvolvemento humano e cultural, agasallando os defensores do segundo con adxectivos como localistas, pailáns, estreitos de visión e necesitados de visitaren algún tour operator que lles mostre o mundo, viaxe que contribuirá eficazmente á curación da doenza que padecen. Se repaso, porén, a miña propia existencia debo dicir que, nos últimos trinta e cinco anos –lapso transcorrido desde o meu abandono do bilingüismo

na Galiza e no rexistro falado, o español resultou para min unha lingua totalmente dispensábel. Na miña actividade de escritor, na miña práctica, hai xa anos, como profesor de Matemáticas de Ensinanza Media, no meu exercicio actual de profesor de materias que atinxen á comunicación audiovisual na Universidade de Santiago, na realización e defensa da miña tese de doutoramento, o español resultou ser, na Galiza e no rexistro falado, un ente ao que nunca me vin na necesidade de recorrer.

Puxen en cursiva, por dúas veces, a expresión na Galiza e no rexistro falado, pois xustamente esta, a cuestión da fala, quere dicir, o proceso comunicativo, é onde desexo facer fincapé. Que se saliente, por parte de calquera falante, o seu carácter de absoluto monolingüísmo galego, debe ser interpretado como a constatación dun feito e non –como acostuma glosarse, malintencionadamente e tentando obter xuros políticos– como a confesión palmaria de ignorancia de calquera outra lingua e do seu desexo de erguer fronteiras, en troca de derrubalas. Todos coñecemos persoas que, desenvolvendo integramente a súa vida na Galiza en galego, mostran, ao mesmo tempo, unha notábel soltura no emprego, oral e escrito, doutras linguas.

Cóllase agora un dato: se se repara na competencia lingüística do pobo danés, comprobarase que ao pé dun 75 por cento da poboación danesa fala unha segunda lingua, en xeral o inglés; un 50 por cento dúas, en xeral o inglés e o francés ou alemán. Finalmente, un 33 por cento fala tres linguas, normalmente, alemán, francés e inglés. O caso de Dinamarca mostra un dato aleccionador: unha sociedade cunha altísima competencia lingüística, mais estritamente monolingüe no seu funcionamento cotián. É posíbel que un natural de Copenhague e o seu panadeiro falen ambos os dous un inglés impecábel, mais as súas conversas descorrerán de xeito sistemático en danés.

Perante a situación danesa, a española vese decepcionante. Se se avalía o sector teoricamente máis capaz no emprego do idioma estranxeiro, a estatística é demoledora: o 82 por cento dos estudantes que acceden á universidade non son quen de falaren con soltura o inglés. Curiosamente, quen se alporiza co uso do galego non se queixa dos dados estarrecentes que o informe PISA 2006 deita sobre a poboación escolar española, cualificada no posto 27 nun total de 32 países europeos, só por diante de Grecia, Bulgaria, Serbia, Romenia e Montenegro, por detrás de nacións como Chequia, Estonia ou Islandia, nunha lista que encabeza Finlandia. Claro que Rosa Díez e Losantos culpabilizarán desta situación ao descontrol autonómico. Pola miña parte, entre a polivalencia idiomática danesa, baseada nun idioma de só 4 millóns de falantes, e o inmenso páramo que ofrece o Estado español, vernizado de fraseoloxía imperial, só podo situarme á beira do primeiro modelo.

Dereitos territoriais ou persoais?

Quixera rematar con outro mito empregado polos colectivos defensores da imposición do español na Galiza: o que postula que os dereitos son das persoas, non dos territorios, e que a utilización do galego responde a puntos de vista ditatoriais e impropios do contexto europeo contemporáneo. Analícese a realidade suíza: un estado dividido en función de criterios lingüísticos, cuxa constitución recolle que “o alemán, o francés, o italiano e o retorrománico son as linguas nacionais de Suíza”, cun monolingüismo monolítico dentro de cada cantón. Moitos manuais recollen os acontecementos que embrollaron a lei promulgada polo cantón de Tessino —de fala italiana— levando á norma o que se admitía tradicionalmente: obrigatoriedade do uso do italiano en todo tipo de rotulación e actividade pública. Un feixe de comerciantes da cidade entenderon que iso agredía os seus dereitos persoais, resolvéndose o preito nos tribunais federais. A resposta da xudicatura, que quitaba a razón aos comerciantes, sinalaba, literalmente: “As fronteiras lingüísticas do noso país deben considerarse intanxíbeis; a certeza para cada familia lingüística da integridade do territorio no que se fala a súa lingua e ao que se estende a súa cultura popria  constitúe a salvagarda do bo entendemento das diversas partes do país entre si [as cursivas son miñas]”.

Semella que Suíza tenta “o bo entendemento”, mentres que o Estado español planea, sempre fiel á súa historia de Cides, de Pelayos (e de Frechas) a eliminación da discrepancia usando para iso todos os mecanismos que posúe, incluída a fractura interior da sociedade. Imaxino que o suízo será un exemplo que engaiole a aqueles que repiten arreo o termo tolerancia.

 

 

[Artigo tirado do sitio web ‘TemposDixital’, do 15 de maio de 2009]

cig.prensa@galizacig.com