Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
15/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A crise da débeda e o referendo sobre o Pacto Fiscal en Irlanda

O resultado do referendo sobre o Pacto Fiscal é decepcionante. Porén, o feito de que o ‘Non’ chegase ao 40% é, dadas as circunstancias, un resultado moi decente, especialmente porque os tres principais partidos políticos (só dous dos cales están no goberno), todos os grandes xornais, os grupos empresariais e as diversas elites da sociedade civil, foron unánimes no seu defensa do ‘Si’.

 A catástrofe da débeda de Irlanda ten as súas orixes nun aumento masivo do endebedamento dos bancos irlandeses durante a primeira década do século: os 6 principais bancos irlandeses obtiveron emprestitos no estranxeiro por valor de 15. 000 millóns de euros en 2003, pero esta cifra aumentara até os 100 millóns de euros en 2007. Os bancos irlandeses, cunha enorme exposición á burbulla inmobiliaria, víronse nunha posición lamentábel.

 O Goberno irlandés respondeu á difícil situación dos bancos con medidas excepcionais: o 30 de setembro de 2008 todos os activos dos depositantes e posuidores de bonos senior (os acredores dos bancos irlandeses) foron garantidos polo Estado. O custo até hoxe do rescate dos bancos irlandeses é de 68. 000 millóns de euros. . . e segue aumentando. O Banco Central Europeo (BCE) foi quen máis teimou na necesidade destas medidas co fin de protexer os intereses das institucións financeiras europeas que prestan aos seus homólogos irlandeses. O feito máis importante da crise irlandesa, común a toda Europa coa única excepción parcial de Grecia, é que a crise da débeda foi causada polas prácticas crediticias dos axentes financeiros privados, non polas políticas fiscais e de gasto público dos gobernos.

 Como respondeu a UE ante a crise? Cun Tratado fiscal que busca o control das políticas fiscais e de gasto público dos gobernos dos estados membros, sen adoptar ao mesmo tempo ningunha medida significativa para regular mellor o sector financeiro privado ou para facerlle pagar aínda que sexa unha parte mínima do custo da crise. O meu colega na UCD, Ben Tonra, que a pesar de ser crítico co tratado chamou a votar «Si» no referendo irlandés, escribiu sobre a "ira visceral . . . ante o feito de que os cidadáns irlandeses sigan sendo sacrificados polo BCE en nome da estabilidade bancaria da euro zona", e advertiu “do perigo de que un ‘Si’ poida ser interpretado como un acto de resignación de Irlanda co status quo. Será tarefa do goberno evitar que sexa así e presione con rapidez, forza e “publicamente a favor dunha solución da crise da banca e da débeda soberana”. Oxalá sexa así, pero a historia demostra que o Goberno irlandés ofrecerá este voto aos seus amos europeos e esperará a cambio reverencialmente a concesión de "favores" por ser uns nenos e nenas tan bos: para só recibir o desprezo habitual e máis abusos a cambio. Como outros defenderon, un "Non" podería enviar a mensaxe de que o pobo irlandés estaba disposto a ser menos cooperativo e máis bronco, o que podería aumentar as posibilidades de avanzar cara a unha solución xusta do problema da débeda.

 De feito, as tácticas utilizadas polos partidarios do "Si" en Irlanda de pouco axudou á causa dunha solución xusta da débeda. En particular, o argumento utilizado por varios activistas do ‘Si’ (entre eles o Ministro de Facenda) de que se o Tratado estivese en vigor na década do 2000 se puidese ter evitado a crise da débeda. Pero este argumento elude o feito fundamental antes mencionado: que a crise non foi causada (en primeira instancia) por unha política fiscal imprudente, senón por unha excesiva débeda privada (posteriormente socializada). A explicación verídica da crise -que os cidadáns irlandeses teñen que se facer responsábeis das débedas de xogo dos especuladores- foi substituído por un conto inverosímil que pretende que nos comportamos de forma irresponsábel e agora temos que aceptar a disciplina do Tratado, para que semellante conduta desordenada nunca volva repetirse.

 Hai que atribuír tamén o resultado do referendo á idea de que un ‘Si’ era a chave que abriría a Irlanda a porta ao novo Mecanismo de Estabilidade Europeo (ESM), é dicir, o fondo ao que tería que recorrer en caso de necesitar un segundo empréstito fóra do mercado. (O primeiro empréstito destas características, da UE, o FMI e outras fontes, contraeuse en 2010 cando os custos dos empréstitos nos mercados comerciais se fixeron inaccesibelmente altos). O argumento de que un «Non» de Irlanda pecharía a porta ao ESM foi repetido até a saciedade, e moitas persoas creron que era unha opción demasiado arriscada (aínda que o diñeiro do ESM ou de calquera outra fonte non sería necesario se non arrastrásemos a carga dunha débeda ilexítima). Polo tanto, o triunfo do ‘Si’ explícase en certa medida non por un amplo respaldo ao contido mesmo do Tratado, senón máis ben por unha campaña explícita de chantaxe contra un posíbel ‘Non’ dos votantes. Como explicou Paul Murphy, euro-deputado do Partido Socialista, o ‘Si’ "non significa en ningún caso un apoio ao contido deste Tratado, nin un aval ás políticas de austeridade. A xente, simplemente, ten medo. . .

 As cousas, porén, non van mellorar nin a ser menos alarmantes para a maioría dos irlandeses a curto prazo. De feito, é probábel que empeoren. O titular dunha “nova de última hora” nun dos xornais nacionais na mañá do reconto do referendo era: "malas novas outra vez, agora que se terminou a votación", referíndose ao feito de que cuestións como a introdución de novos impostos, cuxa discusión cinicamente se aprazara durante a campaña, volverían agora con novos azos. Temos austeridade por moitos anos, obrigados ferreamente polas normas do Tratado.

Os que aturaron até o de agora o peso dos recortes enténdeno perfectamente: os barrios obreiros votaron ‘Non’ ao Tratado na súa maioría, mentres que o ‘Si’ se impuxo nos distritos de clase media e alta, até o punto de que un ministro do goberno admitiu que a votación reflectiu unha "división de clases".

 Non hai xeito de ocultar que o resultado do referendo é decepcionante. Porén, o feito de que o ‘Non’ chegase ao 40% é, dadas as circunstancias, un resultado moi decente, especialmente porque os tres principais partidos políticos (só dous dos cales están no goberno), todos os grandes xornais, os grupos empresariais e as diversas elites da sociedade civil, foron unánimes no seu defensa do ‘Si’. E é importante ter en conta que o factor medo antes sinalado empurrou a moita xente a votar ‘Si’ malia a súa oposición á política actual de austeridade. Tampouco non se pode sumar os abstencionistas aos apoios ao actual réxime.

 Noutras palabras, todo o aparello do sistema en Irlanda apenas logrou convencer a un 30% do electorado para que apoiase o Tratado, e un bo número deles fixérono co nariz tapado e a punta de pistola. A valentía dos que votaron ‘Non’, xunto coa inevitábel carraxe e sensación de traizón que senten moitos dos que votaron ‘Si’ ou que se abstiveron, proporciona unha base sólida para desenvolver unha axenda alternativa seria e mobilizar contra a débeda e o programa de austeridade nos próximos anos.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Sin Permiso’, do 10 de xuño de 2012]

cig.prensa@galizacig.com