Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
15/6/2012

Nada en Lugo (1950) é Doutora en Ciencias Económicas e Empresariais, e profesora titular desde 1989 no departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC). No ámbito académico dirixe o Grupo de Investigación de Economía Pesqueira e Recursos Naturais, cuxas liñas principais de traballo son a Economía Pesqueira, a Economía Feminista, a Economía de Galiza, Enerxía, Recursos Naturais e Medio Ambiente, temáticas sobre as que ten diversas publicacións editadas. Participou activamente nos movementos político-sindicais dos anos 70 como integrante da UTEG (Unión de Traballadores do Ensino de Galiza) e colaboradora do SGTM (Sindicato Galego de Traballadores do Mar), hoxe integrantes da CIG (Confederación Intersindical Galega). Foi Secretaria da Asociación Cultural “O Galo” de Santiago e dirixente da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) até a súa autodisolución en 1982, participou no proceso de fundación do Bloque Nacionalista Galego (BNG) pasando a formar parte do Consello Nacional desta organización pola que foi candidata en diferentes ocasións.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: banca : : crise : : economía : : finanzas :
Anguria xeneralizada

O escenario das operacións especuladoras viviu libre de “inxerencias” gobernamentais regulamentadoras da actividade de intermediación financeira. O fundamentamentalismo de mercado chegou ao paroxismo xusto uns meses antes da caída do Lehman Brothrers.

 Realmente nunca temos vivido por riba das nosas posibilidades. Houbo algúns que viviron e viven por riba das súas e das nosas posibilidades. Temos pagado soldos e indemnizacións a bancarios e banqueiros que, nun mercado laboral competitivo dun país semellante xamais gañarían. E tamén aseveramos que nunca xamais o merecerían. Non obstante sucedeu que a onda de crecemento económico das últimas décadas viu empurrada polo aumento do consumo amparada no crédito. E o crédito converteuse no medio máis dinámico de competencia e mercado tanto bancario como dos restantes intermediarios financeiros. Pola súa banda o crecemento aparentemente imparabel foi argumento suficiente para primar directivos e producir beneficios financeiros.

 Os fondos nacidos nese diñeiro novo creado polo crédito, foron empregados en bens de consumo inmediato e en bens de consumo duradeiro ou mesmo en investimentos. Pero as preferencias bancarias e as dos usuarios favoreceron o nacemento de novas construcións no campo privado e de infraestruturas viarias no público, cebando unha bomba de alimentación do crecemento absolutamente ficticia. Ficticio foi o cálculo do período de bonanza, ficticio foi o cálculo de crecemento da demanda, ficticio foi o cálculo da rendibilidade, en fin, ficticios foron até os balances dos hoxe aflixidos autores da crise:os intermediarios financeiros (bancos,caixas e demais). O que non foi ficticio foi o enriquecemento escandaloso de especuladores ao amparo dun mercado en subida desbocada e alentada polo pasivo papel do Estado:non só viviron e viven por riba das súas posibilidades, senón que non había nen hai posibilidades.

 O escenario das operacións especuladoras viviu libre de “inxerencias” gobernamentais regulamentadoras da actividade de intermediación financeira. O fundamentamentalismo de mercado chegou ao paroxismo xusto uns meses antes da caída do Lehman Brothrers. Responsábeis da política económica en EEUU e na UE, expertos e asesores varios,opinadores(ou claque acompañante), investigadores e doutos profesores de universidade e un feixe de turiferarios do sistema tiñan un acordo básico:o mercado é quen de regularse a sí mesmo. A pena que temos hoxe é que o mercado non obrara a milagre de facer desaparecer os ruídos e perturbacións que no momento presente nos atenazan. Sí, os fundamentalistas de mercado chamaban á carreira polo beneficio- froito da mais basta especulación- éxito, capacidade competitiva e rendibilidade. E denominaban a pobreza e ao aumento da desigualdade, ruídos ou desaxustes inevitábeis. Creremos que a crise actual é un ruído enorme coma un balbordo que saíu da propia crise, do monstro de mercado ? Ou haberá unha outra explicación?

 Resulta que os fundamentalistas de mercado son hoxe os máximos defensores da intervención do Estado e das institucións supraestatais comunitarias para salvar una situación criada pola aloucada carreira polo beneficio máximo. Así, o Estado e a UE libraron fondos públicos para salvar empresas privadas do sector financiero, empregando fondos públicos para fusións entre caixas e entre bancos e caixas e cubrir as quebras técnicas dalgunha/as entidade/s insolventes. Certo é que se pode argumentar que a estabilidade do sistema bancário-financeiro esixe o uso da máxima prudencia para evitar que una caída de un banco ou entidade financeira se converta nun desastre sistémico. A prudencia foi unha compoñennte indispensábel, hoxe en paradoiro descoñecido. A prudencia que hoxe debe ser aplicada para impedir a caída en pánico de todo o sistema financeiro debería ser aplicada polo propios dirixentes da banca privada defensores a ultranza da non intervención pública no negocio.

 E para pór o ramo á grande obra de política económica gobernamental van nomear dous analistas privados internacionais para valorar os activos da banca española:só se pode cualificar de disparate político: atentado á soberanía e burla indigna á capacidade profesional dos facultativos de finanzas do Estado.

 

[Galiza, xuño de 2012]

cig.prensa@galizacig.com