No Estado español, as reducións do déficit do Estado sempre se conseguiron a base de diminuír o gasto público social en lugar das subas de impostos. E iso é consecuencia do enorme poder do que se chamaba antes burguesía, pequena burguesía e rendas superiores da clase media alta (que dominan a vida política e mediática do país).
Detrás da crise da débeda pública dos países periféricos da eurozona (Grecia, Portugal, o Estado español e Irlanda) está un feito político: todos estes países foron gobernados por ditaduras e/ou gobernos autoritarios de ultradereita na maioría do período que vai desde os anos corenta deica os anos oitenta do século pasado. Iso determinou que, a pesar dos avances ocorridos desde aquela, tales países teñan aínda hoxe estados pobres, con escasos recursos (como o testemuña que os ingresos ao Estado como porcentaxe do seu PIB estean moi por baixo da media da Europa dos Quince, UE-15). En 2009, tal porcentaxe foi do 34% para o Estado español, do 34% para Irlanda, do 37% para Grecia e do 34% para Portugal, porcentaxes máis baixas que a media da UE-15 -o 44%- e moito máis baixos que Suecia (o país onde as esquerdas gobernaron por máis tempo durante o período citado), cun 54%.
Pero, ademais de pobres, estes estados eran altamente represivos, cunha escasa sensibilidade social e moi pouco redistributivos. Son os países que teñen o número de policías por 10.000 habitantes maior da UE-15 e a menor porcentaxe de poboación adulta traballando no seu Estado do benestar. No Estado español, só un adulto de cada dez traballa en sanidade, educación, servizos de axuda domiciliaria ás persoas con dependencia, escolas de infancia, servizos sociais e outros servizos públicos do escasamente financiado Estado do benestar. En Suecia, un adulto de cada catro traballa en tales servizos. O gasto público social por habitante é no Estado español o máis baixo da UE-15.
É certo que o enorme déficit de gasto público, incluído o social, que o Estado español herdou da ditadura, corrixiuse en parte durante os anos oitenta e principios dos noventa até que chegou 1993, data na que se tomaron as medidas encamiñadas a integrar o Estado español na eurozona. Entre elas, a máis importante foi a de reducir o déficit público do Estado (entón un 6% do PIB), o cal se conseguiu mediante a redución do gasto público (incluíndo o social), tal como está ocorrendo agora.
No Estado español, as reducións do déficit do Estado sempre se conseguiron a base de diminuír o gasto público social en lugar das subas de impostos. E iso é consecuencia do enorme poder do que se chamaba antes burguesía, pequena burguesía e rendas superiores da clase media alta (que dominan a vida política e mediática do país). A súa ideoloxía, que se promove nos medios de maior difusión do país, é o neoliberalismo, que predica a baixada de impostos e o aumento da regresividade fiscal, así como a redución do gasto público (incluído o social), como as medidas máis eficaces para estimular o crecemento económico. Estas políticas son responsábeis da enorme polarización das rendas co consecuente empobrecemento e endebedamento das clases populares (as rendas do traballo como porcentaxe das rendas nacionais foron descendendo) e unha obscena concentración das rendas e da riqueza que se investiu nos sectores que producían maiores beneficios, que eran as actividades altamente especulativas do sector inmobiliario, liderado pola banca.
Esta situación foi mesmo máis acentuada coas baixadas de impostos nos últimos 15 anos que beneficiaron primordialmente ás rendas superiores, que depositaron os seus novos ingresos na banca, a cal prestou ao Estado o diñeiro que necesitaba para cubrir o déficit resultado da baixada de impostos. Un círculo virtuoso para os superricos e os ricos. Existe unha alianza das clases enriquecidas coa banca, a cal se beneficia do endebedamento do Estado. Esta alianza está detrás da crise da débeda pública. Os ricos no Estado español, Grecia, Portugal e Irlanda non pagan os impostos que pagan os seus homólogos na maioría do centro e norte da eurozona, forzando o Estado a endebedarse para o beneficio da banca, tanto nacional como estranxeira. O predicíbel estourido da burbulla inmobiliaria creou unha crise de enormes proporcións. A excesiva dependencia dos ingresos do Estado español das rendas do traballo e do consumo, en lugar das rendas do capital, explica que o déficit público do Estado se disparase, pasando de superávit a un 11% do PIB de déficit en tres anos. E, unha vez máis, a crise e o déficit público atribúese (erroneamente) ao excesivo gasto público (incluíndo o social), cos consecuentes recortes. Con iso foise empeorando a situación económica, pois o estancamento económico débese á escasa demanda, resultado do endebedamento e a baixa capacidade adquisitiva e non ao excesivo gasto público. Con estas políticas de recortes, o Estado español está indo cara a Grecia.
O que se require é unha reforma fiscal que aumente os ingresos ao Estado para crear emprego, posto que o maior problema que ten o Estado español non é o déficit público, senón o elevado desemprego e o escaso crecemento económico, consecuencia da escasa demanda. E o país ten os recursos para iso. O que pasa é que o Estado non os recolle.
Así, o PIB per cápita do Estado español é xa o 94% da media da UE-15. En cambio, o seu gasto público social é só o 74% da media da UE-15. Se fose o 94%, o Estado tería 66.000 millóns de euros máis para cubrir o déficit do Estado e o enorme déficit de gasto e emprego público social do Estado español. O que ocorre é que o Estado no Estado español (e en Grecia, Portugal e Irlanda) está excesivamente influído pola banca, a gran patronal e as rendas superiores, os maiores responsábeis, por certo, da fraude fiscal, que no Estado español alcanza a cifra de 88.000 millóns de euros. O feito de que o Estado prefira recortar o Estado do benestar en lugar de facer a reforma fiscal que o país necesita débese ao que se chamaba antes “poder de clase” e agora chámase (erroneamente) “poder dos mercados”.
[Artigo tirado do blog do autor, do 14 de xullo de 2011]