
Viviu 30 anos en Latinoamérica. Estudoso do exilio económico e político galego.
As imaxes dos marines estadounidenses mexando sobre os cadáveres dos afgáns poderían ser aínda peor se mexasen sobre eles, vivos, e despois os asasinasen. Estados Unidos bautizara a agresión contra Afganistán como «Liberdade duradeira». Velaí as avanzadas dos exércitos da liberdade, pola democracia e o mundo libre. Quítanlles a vida para darlles o que antes non tiñan: unha liberdade húmida de ouriños.
Detrás dos discursos alentadores, mesmo os nazis ían cantando á Unión Soviética que loitaban pola liberdade, están as torturas de Abu Ghraib, os «danos colaterais» de centos de miles de homes e mulleres, a impunidade dos soldados estadounidenses que non poden ser axuizados por ningún tribunal internacional (por prohibición expresa do seu Goberno, que non o recoñece para eles como lexítimo) e a indefensión máis absoluta representada por ese Guantánamo-Global que son os mexos de soldados armados ante indefensos cadáveres e as follas do Corán postas como papel hixiénico.
É o corolario-resumo da lei do máis forte, do neno grande con armas de matar que demostra a súa forza aldraxando cadáveres e filmándoo, colgándoo nunha desas páxinas que valen millóns nas cales podemos presenciar o grande espectáculo da cultura estadounidense do entertainment en que converteron a guerra.
Hillary Clinton, que tomaba café mentres vía nos monitores como asasinaban a Osama Ben Laden, e ría e facía un chiste da sodomización de Gadafi, onte puxo cara de circunstancias ante os mexos dos seus mercenarios, non polos cadáveres, senón polo froito que frutificará desa rega.
[A Coruña, 14 de xaneiro de 2012]