Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
16/10/2009

Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Historias de piratas e colonialismo

A captura por piratas somalís do pesqueiro Alakrana en augas internacionais, no Corno de África, malia a presenza na área de 40 naves de guerra de 16 estados, a maioría das potencias máis poderosas do mundo, cuestiona a seguridade dos mares, porén ademais pon en entredito a eficacia deste despregue de medios militares. Asemade deixa ao descuberto as condicións estremas nas que traballan hoxe moitos operarios galegos.

Tampouco se poden ignorar as razóns que levan a que de súpeto, en moi poucos anos, está zona estexa ateigada de piratas, que contan con GPS e, pola precisión dos asaltos, con información exacta encol dos movementos de barcos fronte ás costas somalís.

O certo é que o tema ten moita miga, ademais de orixinar situacións, como neste caso, que poñen en perigo a vida de traballadores do transporte e da pesca. Aínda encetando pola condena da piratería, non se pode ignorar que neste problema mestúranse diversos intereses: os económicos, territoriais e os estratéxicos. Ou sexa, desde os que son vitais pra os povos da zona, ate os xogos de poder das grandes potencias. Debullemos un chisquiño o tema pra obter unha vision máis nidia do escenario.

Ante todo, débese conseguir que os mariñeiros retornen sans aos seus lares, xa que isto ten máis valor que unha demostración de forza. Asemade compre impedir que se traballe baixo situacións de tan alto risco. Teñen que se garantir as normas laborais en todos os sectores.

Despois compre analizar as razóns polas cales de súpeto xurden os piratas na costa somalí, nas áreas controladas no seu día polos Tribunais Islámicos, que foron desprazados do poder pola invasión dos etíopes co apoio dos Estados Unidos. Anos de intervención exterior, guerra civil, e estragamento da infraestrutura produtiva, das comunicacións, dos servizos públicos, son caldo de cultivo pra violencia.

Asemade, hai unha xustificación que prendeu na povoación, e motiva o grande arroupe social aos piratas: o esquilmamento das zonas de pesca onde obtiñan recursos os pescadores do país polas flotas das grandes potencias.

Segundo o HSTF (grupo de traballo de alta mar) no ano 2005 había ate 800 barcos foráneos IUU (pesca ilegal non declarada e non regulamentada). Tampouco se poden ignorar as denuncias polo baleirado fronte ás costas, aproveitando a anarquía reinante, de lixo tóxico. E por último, convén lembrar que os piratas actuais teñen un precedente incuestionábel: mariñeiros voluntarios que crearon unha garda costeira de proteción contra a pesca ilegal, e que ningún organismo internacional tivo en conta as reclamacións que realizaron.

Por último, resulta paradóxica a concentración de forzas militares nas costas de Somalia. Unha primeira presenza de navíos da OTAN, coa xustificación de protexer os barcos mercantes (por alí pasa o 20% do trafico petroleiro). Despois barcos de Rusia, algúns navíos de India e outros países da zona, e agora China seica enviará tamén barcos de guerra. Un despregue de medios esaxerado, custoso, e cunha eficacia cuestionábel. A menos que haxa outros motivos... sairía máis barato protexer con militares cada barco. E, por suposto, sería máis rendíbel a medio prazo axudar ao desenvolvemento de Somalia e pular por consolidar as institucións. Claro que isto crea un precedente, que habería que despois seguir noutras partes. Semella que o temor ao exemplo (e a cobiza) tamén ten o seu peso neste conflito.

[Artigo tirado do xornal ‘La Región’, do 13 de outubro de 2009]

cig.prensa@galizacig.com