Rematou a xuntanza do G20 en Seúl e, tal como se agardaba, sen moitas precisións con capacidade de incidir na marcha da economía mundial e si, con incertezas sobre o futuro inmediato ante a desorde xerada pola crise mundial, que volve ser ameazada por unha sucesión de crises nacionais que cambian periodicamente de escenarios, desde EEUU a Europa e viceversa.
Agora a novidade é Irlanda e en calquera momento reaparecen na escena da crise, España, Portugal ou Italia, pero o resultado electoral negativo para os demócratas en EEUU pode deparar novidades de reactivación da crise na primeira economía do mundo.
A realidade é que a desorde está manifestada na contradición que xorde de políticas nacionais aplicadas polos gobernos para intentar erradicar os efectos da crise nos seus territorios e unha crise que ten dimensións sistémicas, integrais, que non admite paliativos parciais, locais, nacionais. En realidade, leva a pensar nunha nova orde económica e financeira mundial, que polo resultados concretos das deliberacións do conclave reunido en Corea do Sur, non dá para expectativas esperanzadoras.
Países emerxentes ao poder mundial?
Algúns imaxinan a urxencia dunha nova realidade do poder mundial polo xurdimento de novos actores económicos e políticos na escena mundial, entre eles os chamados, BRIC. Hai razóns para pensalo, xa que China acredita un crecemento acumulativo da orde do 10% durante tres décadas e situouse como segunda potencia mundial, aínda lonxe do poder de EEUU, pero en expansión. A India tamén mostra un ritmo de crecemento importante, aínda que debe admitirse, en ambos os casos, China e India mostran eses niveis de expansión económico beneficiadas pola chegada de investimentos externos, principalmente de EEUU, co cal, máis aló dos avances no ranking económico das nacións, o que importa é un proceso crecente de transnacionalización da economía mundial.
O que queremos dicir é que máis que o peso das nacións na xeración de riquezas, o que importa é a mobilidade do capital superando os límites fronteirizos para realizar os seus obxectivos de obtención de ganancias para ampliar a dinámica da acumulación e valorización de capitais, co cal se resolve a dominación no capitalismo, sexa económica, política ou cultural.
Non se trata dun tema menor á hora de considerar o que ocorre na Arxentina, xa que máis aló da minguada credibilidade dos datos ofrecidos polo INDEC, o certo é que a estranxeirización é crecente na cúpula empresarial no país. Nun escenario de transnacionalización da economía, o que importa é observar o que ocorre coa valorización dos capitais, moito máis que os datos macroeconómicos. A cuestión pasa por definir quen son os donos da economía, quen ocupa o lugar dominante na estrutura económica social dun país, neste caso Arxentina. O país volve ao crecemento no 2010, pero debemos preguntarnos acerca de quen se apropia desa evolución, cal é o destino do excedente que se xera no capitalismo local, xa que unha parte pode ser apropiado polo Estado e contribuír a financiar políticas sociais compensatorias, pero o que define é a apropiación privada por parte do capital estranxeiro dominante na estrutura produtiva e de servizos local.
A economía estadounidense ou europea mostra sinais de crise, cun crecemento moi importante da desigualdade. Na rexión latinoamericana, segundo a CEPAL, os impactos macroeconómicos da crise mundial foron menores que nos países capitalistas desenvolvidos; porén, existe un incremento absoluto da desigualdade. O que pretendemos sinalar é que máis aló da crise, o que crece no mundo é a desigualdade. Por iso, sen prexuízo da perda de dinamismo das potencias hexemónicas do capitalismo mundial, EEUU, Europa ou Xapón; e da nova potencialidade emerxente de Brasil, Rusia, India ou a China, os países chamados BRIC, o que debe considerarse é a mobilidade transnacional do capital para asegurar e viabilizar o proceso de valorización do capital.
Importa a liberalización e a valorización transnacional
Na reunión do G20 parecen confirmarse estas modificacións nas cotas nacionais de poder mundial, onde o esencial continúa sendo a dinámica dos capitais por asegurar a liberalización da economía, o libre movemento dos capitais segundo mande o mercado mundial.
EEUU non puido impor regulacións comerciais ou monetarias para favorecer a súa situación e China aceptou vagos calendarios para axeitar a súa política nacional ás demandas doutros grandes actores da economía mundial. É acaso un empate entre o vello e o novo liderado? Ou mellor debe interpretarse como parte dunha negociación política que permite avanzar nos obxectivos liberalizadores propostos polas transnacionais.
É un tema a considerar na Arxentina, insistimos, cando máis aló dos datos positivos da macroeconomía, o que xorde é a consolidación da estranxeirización da estrutura económica, nun cadro de desigualdade social e un modelo produtivo que destrúe os nosos recursos naturais, os bens comúns do país.
[Artigo tirado do sitio web ‘Argenpress’, do 15 de novembro de 2010]