Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
16/11/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: crise : : FMI : : Islandia : : neoliberalismo :
Islandia: un resumo de tres anos de crise

Así está Islandia: entre a certeza de que as cousas non poden seguir como están e o problema de como avanzar en alternativas que permitan que os islandeses collan as rédeas do seu destino...

A crise de Islandia achega moitos elementos de reflexión. Imos facer un breve resumo do sucedido nestes tres últimos anos.

A) O capitalismo só medra como economía especulativa

 Antes do estourido da crise de 2008, Islandia era a demostración de que o capitalismo é o paraíso na terra, un exemplo das marabillas do neoliberalismo que todo o mundo debería imitar. Aínda que non faltaba o toque étnico cando se dicía que os motivos do éxito de Islandia se debían ás súas “raíces viquingas”: "os islandeses controlan mellor o risco polo seu pasado viquingo". Ao mesmo tempo, Islandia era o “Wall Street do Ártico” e o “Tigre Nórdico” da economía mundial. O gran economista Rodrigo Rato, cando dirixía o FMI, desfacíase en gabanzas sobre o ben que se estaban facendo as cousas naquel país.

 En 2008 Islandia era a sexta nación máis rica da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) e un dos países máis ricos do mundo en ingresos per cápita. O seu PIB por habitante era un 50% superior ao dos EEUU. Un informe da ONU deste ano sinalaba que Islandia era o mellor lugar do mundo para vivir; dous anos antes, outro informe internacional sentenciaba que os islandeses eran as persoas máis felices do mundo.

 En 2007 vendéronse en Islandia máis coches Mercedes de luxo que en toda Suecia. Islandia era o segundo país do mundo comprador da marca de luxo Bang & Olufsen, despois de Rusia. “Os restaurantes elegantes de Reikjavik deixaban aos de Londres como mediocres furanchos. Os artigos de luxo ateigaban os negocios e enormes 4x4 obstruían as rúas”(1).

 Islandia vivía no mellor dos mundos posíbeis da man da especulación financeira dos seus bancos máis importantes: Kaupthing, Landsbanki e Glitnir. A banca privatizouse e desregularizouse en 2003; o Kaupthing operaba en 13 países e era o sétimo banco dos países nórdicos. A bolsa multiplicou o seu valor por 9 de 2003 a 2007.

 Tamén se privatizaron moitas empresas públicas, entre as que salientaremos a industria da pesca nos anos 80. Destas privatizacións saíron algunhas das maiores fortunas do país.

 Islandia era tamén unha marabilla do neoliberalismo desde o punto de vista fiscal. Os impostos do capital eran do 10%, mentres que os do traballo eran do 36%; o imposto de sociedades era do 18% e prevíase unha baixada ao 15%.

B) O capital especulativo lévanos a unha crise sen retorno

 A cousa cambia en 2008. A comezos de ano, o fondo de investimento Gnúpur fai saber que ten que refinanciar a súa débeda e FL Group comeza a vender os seus activos para aumentar a súa liquidez. En abril, as posibilidades de creba do maior banco, o Kaupthing, eran 7 veces maiores que a media dos bancos europeos. A coroa islandesa xa coñece unha forte depreciación do 25% no primeiro cuadrimestre deste ano, a bolsa está caendo un 40% desde o verán anterior, a inflación está no 6,8%, os tipos de xuros chegaron ao 15,5% e o consumo cae en picado. A economía islandesa estábase resentindo das limitacións de crédito que comezaban a aflorar a nivel mundial. “A coroa islandesa caeu bruscamente en sentido contrario ao valor das débedas dos bancos, que aumentaron; a perennidade dos créditos expresados en moedas estranxeiras converteuse axiña nun problema “público”; o mercado de accións derrubouse e as crebas multiplicáronse. O Danske Bank de Copenhague describiu entón a Islandia como unha “economía guéiser” a piques de explotar” (1). Porén, aínda en xullo de 2008 os expertos do FMI din que a situación da economía islandesa é “excelente”.

 E, efectivamente, a finais de 2008 a economía islandesa estourou. A creba de Lehman Brothers e o peche do crédito afogan os bancos de Islandia: Landsbanki, o principal banco do país, é nacionalizado; a continuación nacionalízase o Kaupthing o Glitnir, os outros dous bancos máis importantes. Neste momento a débeda da banca islandesa é varias veces o PIB do país; os bonos dos bancos chegaron a multiplicar por 12 o PIB, acumulando unha débeda de 61.000 millóns de dólares, unha cifra inasumíbel para unha poboación de 300.000 persoas. A bolsa afúndese un 76% e a moeda devalúase un 70% respecto ao euro. Islandia está en bancarrota, cunhas necesidades financeiras inmediatas entre 15.000 e 20.000 millóns de euros. “A caída dos establecementos bancarios islandeses produciuse dúas semanas despois da caída de Lehman Brothers. O 29 de setembro de 2008, o Glitnir solicitou axuda ao gobernador do Banco Central, Oddsson. Pretendendo acougalo, este ordenou á súa institución comprar o 75% das accións de Glitnir, o cal tivo como único efecto agravar o desacougo. A nota do país veu abaixo, mentres ao Landsbanki e ao Kaupthing retiráronlles as súas liñas de crédito. As retiradas masivas comezaron nas filiais de Icesave [banco creado polo Landsbanki] no estranxeiro”(1).

 O FMI concede a Islandia un empréstito de 2.100 millóns de dólares, completado por outros 2.500 millóns de varios países nórdicos. A contrapartida é a que todos sabemos: subida do IRPF e do IVE, novos impostos, baixada de salarios e recorte de beneficios sociais (o hospital de Rejkiavik reduciu o seu orzamento un 25% nestes tres anos). Os tipos de xuros, por indicación do FMI, chegan ao 18% en outubro.

C) A mobilización do pobo é o único freo ás políticas do capital

 Semana a semana, cada sábado a poboación islandesa vaise mobilizando contra o goberno. “Entre outubro de 2008 e xaneiro de 2009, os sábados logo de xantar, no medio do frío, miles de persoas de todas as idades axuntáronse na praza principal de Reikjavik. Os manifestantes tomáronse do brazo para formar unha cadea humana en torno ao Parlamento e tapizaron o edificio con froitas e iogures esixindo a renuncia do goberno”(1) “A cacerola tamén chegou a Islandia. Cociñada a golpes dun descontento popular, con poucas especias, sen bandeiras nin partidos, a protesta que quita a fame pero non alimenta. Sostense sobre o lume lento do desemprego e a execución hipotecaria. Se a cacerolada arxentino se xestaba cantando, os islandeses elixiron oulear desde as cociñas das casas que perden. Os ovos, leitugas e barras de pan que os políticos esquivan, protexidos tras carreiras e paraugas, no seu cerimonial camiño desde o Parlamento á catedral de Reykjavik aceleran o baleirado das despensas”(2).

 En varios momentos prodúcense enfrontamentos coa policía. Tómase ao asalto unha comisaría para liberar a manifestantes detidos; o 5 de decembro o Banco Central é ocupado polos manifestantes. O 23 de xaneiro de 2009 conseguen que o goberno convoque eleccións anticipadas; pero isto só incita á poboación a saír con máis forza á rúa: as caceroladas son xerais e o primeiro ministro e todo o seu goberno teñen que dimitir. O primeiro ministro dimisionario é recibido polos manifestantes con bólas de neve e unha choiva de ovos. Días antes, os manifestantes “bombardearan” o Parlamento con papel de váter e zapatos; a policía tivo que se esmerar para evitar que a xente asaltase o edificio.

 As eleccións teñen lugar o 25 de abril e son gañadas por unha alianza de esquerdas formada pola Alianza Social-demócrata e o Movemento de Esquerda Verde.

 O ano 2009 acabará cunha caída do PIB do 7% e o desemprego estaba en torno ao 10%, cando antes era inexistente. En 2010 o crecemento foi cero. O endebedamento público pasou do 10% ao 100% do PIB. A débeda total de Islandia é do 280% do PIB.

 Aparece o problema da débeda cos investidores británicos e holandeses. Atraídos por altos xuros, uns 200 organismos oficiais (concellos, etc.) e miles de investidores destes dous países adquiriran até 3.700 millóns de euros en bonos e débeda dos bancos islandeses. En decembro de 2009 o Parlamento acorda que se pagarán en 15 anos ao 5,5%. A cifra representa o 75% do orzamento anual do país.

 Mais os islandeses entenden que eles non teñen que pagar a débeda en que incorreron os bancos. De novo, prodúcense mobilizacións na rúa e en xaneiro de 2010 o presidente négase a asinar o acordo do Parlamento despois de que o 25% do electorado asine un documento en que se opón a pagar esa débeda; en consecuencia, o tema da débeda con Gran Bretaña e Holanda terá que se resolver en referendo en marzo.

 O 98% dos votantes di que NON hai que pagar a débeda dos especuladores bancarios. En resposta, o FMI conxela as entregas de diñeiro do empréstito pactado o ano anterior. Gran Bretaña e Holanda ameazan con bloquear o ingreso de Islandia na UE. En abril Moody’s cualifica os bonos islandeses a un paso do bono lixo.

 Outro método de presión foi que en decembro de 2008, como o goberno non facía fronte ás súas débedas internacionais, Gran Bretaña aplicou a Islandia a lei antiterrorista. “E iso significaba que os ingleses declaraban a Islandia como terrorista, igual que a Al Qaeda. De xeito que non podiamos acceder ao diñeiro. Vendiamos o noso peixe e o noso aluminio no exterior, pero non podiamos recadar os pagamentos do exterior e ingresalos no país, porque o diñeiro pasa pola City, o centro financeiro de Londres, e como eramos terroristas, o diñeiro era detido alí, de maneira que os islandeses non podían nin ingresar o seu diñeiro nin comprar nada no exterior. Ninguén quería facer negocios con “terroristas”. A situación era tal que empresas islandesas que fixeran negocios con empresas europeas durante máis de 50 anos eran incapaces de obter ningunha subministración de Europa.? (3)

 Presionado pola rúa, o goberno comeza en 2010 unha investigación criminal contra os especuladores: en xuño cúrsanse ordes de detención contra varios executivos bancarios que estaban vivindo no estranxeiro. Un informe parlamentario describe como os antigos directores se adxudicaban empréstitos fraudulentamente (1.600 millóns de euros o Glitnir), e como os auditores de Price Waterhouse encubriran todas as fraudes bancarias. Ademais, 10 dos 63 parlamentarios tiñan empréstitos por uns 10 millóns de euros cada un. En Islandia chegan a ser detidos 4 directivos que estaban vivindo en Luxemburgo e poden ser condenados a 10 anos. En total, pódese dicir que apenas uns 20 banqueiros, políticos e empresarios esnaquizaron a economía dos islandeses.

 A Interpol recibe a orde de arresto contra o expresidente do Kaupthing, Sigurdur Einarsson, que é detido en maio. Tiña a súa residencia en Londres, nunha mansión de 12 millóns de euros. Este personaxe está acusado de malversación de fondos, falsificación de documentos e violación da lei sobre transacción de accións.

 En setembro 2010, o Parlamento decide levar aos tribunais o antigo primeiro ministro Geir H. Haarde, por neglixencia no seu mandato. O xuízo comezou en xuño pasado.

 En outubro 2010 a situación está lonxe de se solucionar: cada día alguén queima a casa para que o banco non quede con ela; 46.000 familias teñen problemas para chegar a final de mes; 13.000 casas foron embargadas polos bancos; 6.000 islandeses emigraron por motivos económicos desde xaneiro de 2009. E de novo aumentan as mobilizacións: a policía non pode conter os manifestantes, que rodean o Parlamento facendo soar tambores de metal e cacerolas. “Ollo ao meu ao redor e os meus amigos, a miña familia, perdérono todo. Todo. Eu estou aquí para demostrar que se nolo quitan todo, podemos empezar de cero outra vez. Ollo ao meu ao redor e non aturo o que vexo. É inxusto. Salvan os bancos e deixan que a xente se afunda... (2)

 Porén, aparece algún sinal de recuperación: a economía crece un 1,2% no terceiro trimestre de 2010 respecto ao trimestre anterior. É o primeiro crecemento en dous anos. Para 2011 a previsión de crecemento é do 3%. En calquera caso, en 2011 o PIB caera un 15% respecto de 2008.

 En decembro de 2010 prodúcese un novo acordo parlamentario sobre a débeda con Gran Bretaña e Holanda: a partir de 2016 comezarase a pagar e terminarase en 2046. O goberno está de acordo no pagamento da débeda. Pero o tema sométese de novo a referendo en abril e a xente volve votar NON ao pagamento da débeda por un 60%.

 En xuño 2011, Landsbankinn acorda reducir a débeda dos particulares, o que afectará a unhas 70.000 persoas. Contémplanse varias opcións: reembolso do 20% dos xuros pagados de 2008 a 2011; redución da débeda da vivenda, pasando a calcularse a hipoteca sobre prezos de mercado; redución doutras débedas, cando se considere que están por riba das capacidades de pagamento do debedor.

D) Cambiar o goberno non é a solución

 Outro elemento interesante -mais que tivo efectos moi limitados- foi o intento de elaborar unha nova Constitución a partir de 2010. Os redactores foron 25 cidadáns sen filiación política, elixidos entre 522 candidatos. Leváronse a cabo formas de democracia directa, nas que asembleas populares discutían e propuñan o articulado da nova Constitución.

 En xullo de 2011 a proposta constitucional entrou no Parlamento. A partir de aí, foi perdendo os seus aspectos máis progresistas, pero, no entanto, hai que salientar que a nova Constitución prevé que o 2% da poboación poida pedir que se debata un tema no Parlamento, que o 10% da poboación pode facer propostas lexislativas, que se garantan dereitos da natureza e de propiedade colectiva sobre os medios naturais -inspirado nos cambios constitucionais de Bolivia e Ecuador-, que se poida votar a persoas dunha lista en lugar de toda a lista e que quede abolido o servizo militar obrigatorio. A nova redacción non entra nos temas de democracia directa ou no control e nacionalización do mundo financeiro e económico.

 E así está Islandia: entre a certeza de que as cousas non poden seguir como están e o problema de como avanzar en alternativas que permitan que os islandeses collan as rédeas do seu destino. Como sinala Gunnar Skuli Armannsson, activista de ATTAC Islandia: “Tanto os socialdemócratas como a Esquerda Verde estiveron prometendo cousas moi boas á xente na campaña electoral. Pero romperon todas as súas promesas. De xeito que os islandeses aprendemos, igual que os irlandeses, igual que os gregos e os españois, que cambiar o Goberno non é a solución”(3).

___________________________________________________________________

Notas:

1- “Cuando el pueblo islandés vota contra los banqueros”

http://www.eldiplo.org//notas-web/cuando-el-pueblo-islandes-vota-contra-los-banqueros

2- “Las caceroladas contra bancos y políticos resuenan en Islandia”

http://www.diagonalperiodico.net/Las-caceroladas-contra-bancos-y.html

3- ““Los bancos y los acreedores seguirán su avance: la única salida es pararlos”

http://www.rebelion.org/noticia.php?id=138656

___________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 15 de novembro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com