Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
: Arxentina : : crise : : CTA : : Kirchner :
Arxentina: Os dilemas da política

Tras cinco anos de crecemento ao 9% acumulativo anual, moitos creron que a normalización política retornaba á Arxentina. É que o crecemento económico agocha a subsistencia de problemas estruturais. Para o discurso hexemónico semella non importar o desemprego ou a pobreza xa que por un lustro a tendencia era decrecente, aínda con precariedade, informalidade e baixos ingresos.

Se o presente era promisorio con relación a un pasado turbulento como o dos recesivos anos transcorridos entre 1998 e 2002, o que importaba era a reversión do ciclo asociado a unha imaxe de non retorno e ascendente progreso. O sentido común imperante rezaba que a materia pendente para eliminar a pobreza chegaría finalmente; non en van do 57% de poboación baixo a liña da pobreza reduciuse ao 24% e o 21,5% de desempregados diminuíra ao 7,8%. Era só cuestión de tempo para cumprir o soño de eliminar ambos os flaxelos sociais. No plano político, a normalidade manifestábase como renovación presidencial en decembro do 2007, con continuidade dos principais eixos no goberno e boa parte do gabinete de ministros. Cristina Fernández era a continuidade de Néstor Kirchner e non se dubidaba dunha proxección similar, co exercicio do Poder Executivo “dunha ou doutro” por varios períodos constitucionais.

O kirchnerismo expresaba a nova cara da hexemonía política na Arxentina. O imaxinario era entón de normalidade económica e política, o que facía realidade a proposta realizada o 25/5/03 polo Presidente electo para “reconstruír o capitalismo nacional”, traducido como unha orde socioeconómica “seria” ou “normal”. Os piquetes, asembleas e caceroladas propios dun tempo de protesta, organización e mobilización, daban lugar ao retorno das negociacións colectivas dos contratos de traballo e á conciliación de clases nun renovado “Consello do salario mínimo, o emprego e a produtividade”.

Todo indicaba que se pasaba da loita de rúas á concertación mediada polas corporacións. Claro que subsistían os límites institucionais e a tradición do sindicato único, aínda coa renovación gremial expresada en nova organicidade de traballadores e empresarios. No centro de escena brillaba o acordo político entre o goberno, os industriais da Unión Industrial Arxentina (UIA) e os sindicalistas da Confederación Xeral do Traballo (CGT). A eles asociados aparecían outra franxa de beneficiarios do modelo de produción e exportación que se inaugurou coa depreciación de Duhalde e o respiro polo non pagamento parcial do endebedamento logrado entre 2002 e 2005 por Rodríguez Saá. Estas dúas últimas medidas son causa orixinaria directa do ciclo de crecemento posterior.

Con todo, a normalidade afectouse co conflito xurdido polo lado menos agardado, o agro. Produto de grandes cambios operados, tecnolóxicos, produtivos e económicos, especialmente nos anos 90, a liberalización do sector agropecuario transformara o perfil produtivo local desde a diversidade produtiva á hexemonía da soia transxénica. Abondou con 15 anos para entronizar o predominio da soia sobre producións tradicionais en emblemáticas zonas (algodón no Chaco, p.e.) e para colonizar terras destinadas ao gando e outros cultivos.

Eses cambios materiais sustentaron novas culturas sociais e de clase, coas súas respectivas manifestacións de riqueza e pobreza. Como en todo tempo de “progreso” o visíbel era a expansión da construción e a renovación do parque automotor e de maquinaria agrícola derivado do boom de prezos internacionais e da extensión da fronteira da soia. Era escamoteado o problema da agricultura familiar e comunitaria, tanto como dos pequenos produtores insubordinados á nova lóxica da produción de soia. O fenómeno aparecía como un problema a resolver cos froitos dunha distribución secundaria derivada do progreso substancial da produción hexemónica. A lóxica política estremeceuse cando o goberno intentou apropiar renda con argumentos cambiantes entre marzo e xullo, xa que terminou propondo unha utilización non explicitada ao comezo. O destino final dos eventuais recursos apareceu máis pola presión social que por convición orixinaria. A realidade é que os propietarios non quixeron resignar ganancias e o goberno erosionou boa parte do consenso político logrado contra a fins do verán.

Novo ciclo

Un ciclo político estaba chegando ao seu final e habilitou un reordenamento da política, a dereita e esquerda. Aínda que o kirchnerismo lograba normalizar o Partido Justicialista (PJ) e atraer ao mesmo a Roberto Lavagna, ex Ministro de Economía de Duhalde e Kirchner, o conflito agrario reavivou a sempiterna interna do peronismo para desarmar a orde en construción e facer emerxer novas apetencias de poder político.

Posta en funcionamento a lóxica política de grupos peronistas desprazados, emerxeu a disidencia parlamentaria que levou á división no Poder Executivo, reanimando a posibilidade rediviva do raquítico radicalismo. O vicepresidente Julio Cobos, desoíndo o mandato presidencial co seu voto negativo, acendeu as esperanzas doutro proxecto político para a normalización capitalista dun ciclo de ascendentes ganancias para a clase dominante. Por primeira vez en moito tempo gañábase a rúa, arrastrando a pequenos produtores e parte das camadas medias urbanas cun conflito que supuña beneficios extraordinarios para a clase dominante. O goberno perdía consenso entre sectores que o votaron recentemente e perdía vontades de grupos políticos no interior do peronismo e doutros non peronistas que protagonizaran a expectativa dunha construción máis aló do peronismo.

O escenario cambiara, aínda que debe recoñecerse que novos aliados conquistou nese proceso, especialmente entre un grupo importante de intelectuais. A desorde da política incluíu a esquerda que se situou en variadas formas no conflito, con e contra o goberno; con e contra sectores do agro; mesmo aqueles que pretenderon quedar fóra dunha ou outra parcialidade. Foi un dilema que atravesou a organizacións sociais como a CTA e aos partidos políticos do espectro de esquerda. Algúns imaxinaron unha nova base social para a dereita política e encirraon o temor con argumentos dunha dereitización da sociedade, no sentido que suxerían as mobilizacións que induciron cambios regresivos na lexislación penal e o novo goberno da Cidade de Bos Aires. A realidade é que retornaba a crise da política e volvía efémera a aparencia de normalización social do ciclo posterior á crise do 2001. Preséntase así a apertura dun novo ciclo político con dilemas a dirimir no curto e medio prazo.

Entre as clases dominantes ábrese un debate sobre as persoas e proxectos para liderar un novo tempo. Son varios os anotados para representar ese arco político e social. Os poderosos usufrutuaron os meles das ganancias derivadas da reaccionaria reestruturación iniciada baixo o terror de Estado e consolidada na década do noventa.

A liberalización económica modificou a estrutura económica e social con claros beneficiarios na dominación do capital transnacional, hoxe con dominio monopólico no sector primario, secundario e terciario. A visión é que a quietude nas rúas favorece un novo tempo para o relanzamento do proxecto de máxima, especialmente en tempos de crises da economía mundial. O discurso e a práctica do poder mundial oriéntanse a unha recuperación do papel dos Estados para reanimar a proposta de liberalización dos mercados a costa do conxunto da sociedade.

Entre as clases subalternas o dilema defínese entre a acumulación en alianza co mantemento dun proxecto que discute as políticas neoliberais hexemónicas no pasado recente e escasa capacidade para reverter os cambios estruturais; ou, por exemplo, nun proxecto autónomo xurdido dun extenso debate no sentido proposto pola constituínte social recentemente reunida en Jujuy por 700 organizacións liderada pola Central dos Traballadores Arxentinos (CTA).

É un debate que atravesa a propostas sociais e políticas que pretenden inscribir o país no rumbo de cambios que suxire a rexión latinoamericana e caribeña. É un dilema entre orientar o decurso histórico do país na perspectiva neodesenvolvementistta emerxente en Brasil e no bloque hexemónico do MERCOSUR; ou no camiño que propón a alianza cubana-venezolana na integración que define a Alternativa Bolivariana para as Américas, ALBA. Todos eses enfoques coinciden desde UNASUR aínda que desde diferentes perspectivas de desenvolvemento.

Polo tanto, o que está en discusión é que ambas as perspectivas rexionais articulan o proxecto UNASUR e intentan, con diferente convición, non quedar subordinados ao deseño político ditado desde Washington, máis aló dalgunhas expectativas que xera o recambio presidencial en EEUU. Do mesmo xeito, no ámbito local a opción dilemática divide organizacións e movementos nunha disputa que se presenta como crise terminal. É certo que rexional e localmente é unha disputa de proxectos, pero tamén merece incorporar a reflexión sobre a dinámica e densidade social necesaria para resolver un ou outro dos rumbos do dilema. Aí se defínen as razóns que hoxe apaixonan o debate entre os hexemónicos e os subalternos e tamén no interior de cada un deles. O dilema da política, como sempre, defínese con participación social.

[Artigo tirado do sitio web ‘América Latina en Movimiento’, do 16 de decembro de 2008]

cig.prensa@galizacig.com