Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
16/2/2009
Sociólogo e politólogo arxentino. Actualmente é director de PLED, o Programa Latinoamericano de Educación a Distancia en Ciencias Sociais. Durante varios anos foi o secretario executivo de CLACSO, o Consello Latinoamericano de Ciencias Sociais. É autor de ducias de artigos e de libros; entre estes últimos salientan títulos como Imperio e imperialismo (2002) e Estado, capitalismo y democracia en América Latina (2003).
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Venezuela: Afondando na democracia

A cláusula aprobada en Venezuela é a contrapartida doutra, profundamente democrática tamén, que lle outorga á cidadanía a capacidade para desaloxar do seu cargo a quen mal se desempeñe neste. Esta cláusula revogatoria é unha arma formidábel que a Constitución Bolivariana puxo en mans do pobo; pero aínda non lle oferecía a necesaria contraparte: a capacidade para reelixir a quen gobernara ben...

A emenda constitucional que o pobo venezolano aprobou este domingo 15 de febreiro puxo en evidencia a desesperación dos adversarios, de dentro e de fóra, da Revolución Bolivariana. Son conscientes de que a consolidación do liderado de Chávez e a continuidade do seu proxecto afianzarán o fiel da balanza política rexional no espazo da esquerda, e iso é unha moi mala noticia para o imperio.

Se hai alguén que ten capacidade para percibir os significados históricos destas cousas é Fidel. E na súa Reflexión do 13 de febreiro escribiu que “o noso futuro é inseparábel do que aconteza o vindeiro domingo. O destino dos pobos da Nosa América dependerá moito desa vitoria e será un feito que influirá no resto do planeta”. É precisamente por iso polo que a voz de orde da dereita imperial é desfacerse de Chávez canto antes. Se se pode pola vía institucional, ben; senón, deberá recorrerse aos métodos tradicionais que a CIA coñece á perfección. Lembremos que a lexislación estadounidense faculta o presidente a ordenar o asasinato dun mandatario estranxeiro, ou a tortura a prisioneiros, no caso de que a seguridade nacional do país se vexa ameazada por tan temiíbeis suxeitos.

Esta é a clave que permite entender a feroz agresividade en contra da figura de Chávez e a campaña en contra da emenda constitucional. E as innumerábeis provocacións que continuamente o acosan. A última, un par de días atrás, a cargo do eurodeputado polo Partido Popular, Luis Herrero, quen chegou a Caracas en calidade de “observador” do referendo e ao momento inmisciuse na política interna venezolana ao aconsellar os electores que non se amedoñasen ante “un ditador” como Chávez. Herrero cometeu unha grosería que o descualifica do seu pretendido papel de “observador” e que o desenmascara de vez: é un provocador profesional que pertence ao partido que agrupa a dereita máis cavernícola de España, os herdeiros do franquismo e os nostálxicos dos bos tempos da Inquisición e a alianza da cruz e a espada. O seu exabrupto foi recibido por toda a “prensa seria” como unha proba máis do carácter ditatorial da Revolución Bolivariana, o que demostra por enésima vez o seu incurábel mendacidade e a súa total falta de escrúpulos morais. Unha prensa que, por exemplo, endexamais dixo unha palabra con relación ao escandaloso proceso que levou á reelección de Alvaro Uribe en Colombia e que a Xustiza dese país demostrou que foi posíbel mediante o suborno a dous deputados da oposición que, co paso do tempo, confesaron o seu delito. O operador de todo este escándalo foi o ministro de Goberno de Uribe, quen ao coñecerse a sentenza do Tribunal Supremo foi velozmente designado embaixador na Santa Sé, que ao non ser divorciado recibiuno alborozada no seu seo sen facer pregunta ningunha. E en canto á nova proposta de re-reelección de Uribe, os sedicentes defensores da democracia que se escandalizan ante un gobernante como Chávez, que en dez anos convocou quince eleccións xerais, nada din que aquel logrou que a Cámara de Deputados aprobase o seu proxecto de reelección nunha sesión extraordinaria, convocada de extrema urxencia e en cuestión de horas polo oficialismo para as 12 da noite e ante a case total ausencia da desprevida oposición. Pero iso é democracia; o de Chávez, que seguiu todos os pasos que manda a legalidade vixente, é ditadura.

Os publicistas do Imperio e a plutocracia venezolana machucaron continuamente que a aprobación da emenda significaría que Chávez iría gobernar indefinidamente. Fieis á súa tradición, terxiversaron o que estaba en discusión, procurando dese xeito enganar a opinión pública. Ocultaron a propósito que a emenda o único que fai é habilitar a reelección dun presidente, un gobernador ou un alcalde. Hai varios gobernadores e alcaldes que se opoñen a Chávez e que poderán aproveitarse desta reforma. De feito, un deses gobernadores participou no Comando do Si, o que aforra maiores comentarios.

A existencia dunha norma semellante rexe nos principais países de Europa: é por iso polo que Helmut Kohl puido ser chanceler de Alemaña durante dezaseis anos e se non continuou no poder foi debido a un escándalo financeiro que o desacreditou ante a opinión pública do seu país. Felipe González foi presidente do goberno de España durante catorce anos e Margaret Thatcher, primeira ministra do Reino Unido por once anos. Se non continuaron nos seus cargos foi porque perderon o consenso popular, non porque houbese unha cláusula de “non reelección” que o impedise. Hai varios casos similares en Europa. Francia, sen ir máis lonxe, autoriza unha reelección presidencial para un mandato de sete anos cada un. Todos os últimos presidentes de Francia duraron catorce anos no poder. En suma: a cláusula aprobada onte é a contrapartida doutra, profundamente democrática tamén, que lle outorga á cidadanía a capacidade para desaloxar do seu cargo a quen mal se desempeñe neste. Esta cláusula revogatoria é unha arma formidábel que a Constitución Bolivariana puxo en mans do pobo; pero aínda non lle oferecía a necesaria contraparte: a capacidade para reelixir a quen gobernara ben. Podíase castigar a un mal goberno, pero o pobo era impotente para garantir a continuación dun bo. Ese paradoxo constitucional foi resolto e agora ten esa capacidade, co cal a democracia bolivariana adquire unha densidade e unha profundidade case sen comparanza no concerto mundial.

[Artigo tirado do xornal arxentino ‘Página 12’, do 16 de xaneiro de 2008]

cig.prensa@galizacig.com