Os actuais plans de “rescate” financeiro de Grecia -de España e Portugal seguramente mañá e doutros Estados pasadomañá- non teñen de ningún xeito o obxecto de “rescatar” un país. Só se trata de evitar a calquera prezo o afundimento dunha construción monetaria, o euro, e en consecuencia dos fundamentos ideolóxicos da construción europea.
A decisión de crear unha moeda única europea, principal disposición do tratado de Maastrich de 1992, constituía un desafío á lóxica. Impuña en efecto unha mesma política monetaria a economías tan diferentes como, por exemplo, as de Alemaña e Grecia. Esta política, como for, podía ser por definición soamente útil a un determinado interese nacional -estrutural ou conxuntural- e inservíbel para outros intereses nacionais. Naque momento foron os intereses alemáns e soamente eles (un euro “forte” en substitución dun marco “forte”) os que impulsaron a súa definición.
O euro tería sentido nunha zona económica relativamente homoxénea, como en EEUU o dólar, que dispuxese por outra banda de instrumentos de transferencias financeiras internas masivas (como sucede no orzamento federal estadounidense), decididos por unha única autoridade política (a presidencia e o Congreso) actuando ademais en estreita coordinación cun banco central: a Reserva federal. Sen falar dun idioma único, o inglés, e unha cultura de mobilidade da man de obra.
A Unión Europea (UE) non cumpre ningunha desas condicións. O seu orzamento equivale soamente a en torno do 1% do produto interior bruto do conxunto dos estados membros. A mobilidade no seu seo só pode ser moi limitada aínda que só sexa por motivos idiomáticos.
As políticas europeas non están dirixidas a resolver as desigualdades de desenvolvemento económico e social acrecentadas pola entrada de dez novos membros en 2004 e dous máis en 2006, senón máis ben ao contrario, utilízanse para favorecer as deslocalizacións internas e o dumping social. Se algunha harmonización se produce é cara abaixo. Ademais as capacidades de intervención económica e financeira dos Estados transferíronse, a través de tratados sucesivos (como o de Lisboa) non a autoridades democráticas supraestatais senón ao substancial do mercado e a outras instancias chamadas “independentes” ou o que é o mesmo aos gardiáns dos dogmas ultraliberais: a Comisión e o Banco Central europeo (BCE).
Verdadeiro xugo, as regras da UE impídenlle intervir. Mentres tanto o BCE “rescatou” os bancos que inmediatamente especularon indirectamente contra o euro, mais porén, non pode conceder empréstitos a un dos 16 membros da eurozona! Prisioneiro dunha moeda única a sobrevaluación da cal só beneficia a Alemaña, Grecia (e ben axiña será o caso dos demais países en dificultades) pode contar soamente, é un dicir, cun vago apoio “político”da UE (que fronte aos mercados financeiros xoga o papel de xendarme dos compromisos asumidos polo seu goberno), sobre empréstitos que lles concedesen outros Estados e sobre... o Fondo Monetario Internacional (FMI).
Fronte a este lamentábel balance, o absurdo dos tratados europeos ponse claramente de manifesto. Os gobernos dos Vinte e sete, aos que se lles fixo adoptalo en nome dos principios liberais, están actualmente obrigados a violalos, máis ou menos discretamente, para salvar a UE... contra si mesma! É dubidoso que este gran distanciamento entre os dogmas e a realidade se poida manter moito tempo.
[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 16 de marzo de 2010]