Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
16/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Quen dixo que a crise rematou?

Unha nova estratexia neoliberal está a comezar e a Unión Europea -un organismo altamente antidemocrático- é a correa de transmisión que servirá para impor aos diferentes países a súa visión dogmática e errada da economía. Grecia foi o primeiro país en ter que acometer uns axustes claramente regresivos, pero sen dúbida detrás do país heleno virán moitos outros máis. Estamos presenciando a restauración do neoliberalismo, pero nunha versión moito máis salvaxe de todas as que viramos até o de agora en Europa.

O ataque especulativo sobre algúns países europeos como Grecia e o Estado español puxo de relevo a dramática actualidade dunha crise que os mandatarios tentan dar por finalizada. Mais, sobre todo, serviu para revelar unha vez máis que nin sequera uns simples remendos son posíbeis no marco do capitalismo neoliberal dos nosos días.

Desde que recoñeceron a crise no verán do 2007 as únicas medidas aprobadas foron de carácter paliativo e requiriron un desembolso millonario que proveu fundamentalmente das arcas públicas. E, malia as promesas lanzadas nas primeiras páxinas dos xornais, non se levou a cabo ningunha reforma estrutural que pretenda evitar unha nova crise. Para ocultar esta evidencia, que revela a falta de compromiso coa erradicación dos problemas de fondo que xeraron a crise, a atención xeral desviouse en todo momento cara a problemas de segunda orde, como a Gripe A, que serviu como cortina de fume para esconder a neglixencia financeira dos que gobernan.

Máis de dous anos e medio despois dan en repetir incesantemente como outra mentira de gran calado que a crise rematou. Presenciariamos, segundo esta visión, un fenómeno pasaxeiro produto dun cúmulo de circunstancias non desexadas aínda que practicamente azarosas, e resolto grazas á eficacia das medidas económicas aplicadas. Todo con tal de non recoñecer que estamos ante unha crise máis de carácter estrutural, aínda que esta especialmente grave e sistémica, que está imbricada no funcionamento mesmo do capitalismo contemporáneo, isto é, do capitalismo que se chamou financeirizado.

Por iso é que non poden facer nada para cambiar as bases deste capitalismo financeirizado. A disociación entre a actividade financeira e a actividade produtiva continúa acrecentándose, e mentres as finanzas recuperan a súa saúde coa mesma velocidade á que se lle inxectaron inxentes cantidades de diñeiro, a economía real segue resentíndose gravemente con altos índices de desemprego e baixo crecemento económico. Ou acábase radicalmente con iso, ou sófrese con todas as súas consecuencias.

Para os que invisten nos mercados financeiros a situación continúa sendo excelente. As subas da bolsa e as consecuentes ganancias na compra-venda de accións e a repartición de dividendos, e as actividades especulativas dos investidores financeiros (en especial os fondos de alto risco como os que atacaron ao Estado español e a Grecia hai uns días) seguen ofrecendo altos niveis de rendibilidade. O casino mantense aberto.

Pero a contraparte continúa sufrindo os mesmos e innumerábeis problemas de sempre e cuns fundamentos moi débiles. A economía real segue sen levantar cabeza e o paro desacouga a millóns de persoas, mentres o débil crecemento económico non invita a esperar unha rápida mellora na devandita situación. As arcas públicas baleiráronse e as débedas dos Estados ameazan con recortes orzamentarios que deteriorarán aínda máis os precarios sistemas públicos.

Aproveitando esta conxuntura e ante a falta de forza da esquerda política e social, unha nova estratexia neoliberal está a comezar e a Unión Europea -un organismo altamente antidemocrático- é a correa de transmisión que servirá para impor aos diferentes países a súa visión dogmática e errada da economía. Grecia foi o primeiro país en ter que acometer uns axustes claramente regresivos, pero sen dúbida detrás do país heleno virán moitos outros máis. Estamos presenciando a restauración do neoliberalismo, pero nunha versión moito máis salvaxe de todas as que viramos até o de agora en Europa.

E, parece obvio dicilo, pero se as bases deste capitalismo financeirizado se manteñen actualmente tan firmes, daquela estamos asistindo tamén a unha verdadeira fuxida cara a diante que non fará senón pospor a chegada dunha nova crise, esta vez moito máis forte. Unha crise que se cebará unha vez máis e, sobre todo, cos máis desfavorecidos. Unha crise que non será senón a segunda parte da actual, da que se está fuxindo sen mirar como.

Unha vez máis teremos que sinalar que a única resposta ao renovado tsunami neoliberal que se aveciña é a unión de todos os sectores e movementos progresistas e a máis ampla mobilización intelectual e social para dar respostas en todas as frontes ás agresións laborais e humanas que se están cociñando unha vez máis, aínda que agora con forza se cadra inusitada.

[Artigo tirado do sitio web ‘Altereconomia’, do 24 de febreiro de 2010]

cig.prensa@galizacig.com