Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
17/10/2008
Escritor arxentino.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A deriva de Obama

Ou o seu corremento cara ao intervencionismo militar máis aló das fronteiras de EEUU: na súa calidade de senador opúxose á invasión de Iraq, sinalou o grave erro estratéxico e moral da ocupación e atraeu a millóns de estadounidenses con ese discurso. Pero a medida que se desenvolve a campaña electoral, achégase cada vez máis ao partido da guerra.

Un fito na materia foi o seu discurso do 4 de xuño ante o Aipac, o poderoso lobby prol israelí: atacou a Irán, subliñou que a seguridade de Israel “é sacrosanta” para Washington, prometeu 30.000 millóns de dólares para Tel Aviv nunha década e declarou o seu entusiasmo por unha Xerusalén “única e unida”. A partir de aí foi debullando as súas ideas acerca da política internacional que se propón practicar. Non son moi bonitas.

O candidato demócrata declaraba o ano pasado o seu empeño en realizar “unha diplomacia persoal agresiva” para deter o programa nuclear iraniano (The New York Times, 2-11-07). É dicir, negociacións, aínda que “sen quitar da mesa a opción nuclear”. O tema do camiño diplomático para resolver a cuestión esváese día a día nas súas intervencións. En troca, adquiren vigor os pronunciamentos máis caros aos “falcóns-galiña”, como “a agresividade da elite gobernante rusa”. Os partidarios do fast-track con Moscova queren guerra. Bill Kristol aseverou: “Debémoslle a Xeorxia un serio esforzo para defender a súa soberanía. Seguramente non podemos ficar á expectativa mentres un agresor autocrático engole unha parte dunha nación democrática amiga que se cadra busque desestabilizar do todo” (thinkprogress.org, 11-8-08). Ben clariño.

No primeiro debate televisivo dos dous candidatos presidenciais, McCain sinalou a Obama -con razón- que cambiara en tres días a súa actitude sobre o enfrontamento ruso-xeorxiano: primeiro criticou a violencia de ambas as partes e chamou a un cesamento do lume (Reuters, 8-8-08); logo considerou que “sen importar como se iniciou o conflito, Rusia levouno moito máis alá... isto non ten xustificación posíbel” (thecaucus.blogs.nytimes, 11-8-08). É interesante o comezo da frase: significa que Obama ten plena consciencia de que Xeorxia foi a que empezou bombardeando Tsjinvali, capital de Osetia do Sur, causando centenares de mortes entre a poboación civil. Poucos observadores dubidan de que o operativo obedeceu a unha ofensiva militar planificada de antemán.

Obama puntualizou a súa estratexia “antiterrorista” no mesmo debate: “Temos que saír de Iraq porque necesitamos máis tropas en Afganistán. Non temos tropas suficientes en Afganistán porque están en Iraq”. Non quedou aí: “Trátase de Afganistán e de Paquistán. Debemos ocuparnos de Paquistán, onde Al Qaeda ten santuarios seguros. Os paquis (sic) non fixeron o que se debe facer. Até que non enfrontemos isto, os norteamericanos non estarán a salvo na casa” (takimag.com, 29-9-08). Logo da escalada de incursións e misilazos estadounidenses na zona tribal paquistaní lindeira con Afganistán -operativos que Obama apoiou-, Islamabad obedeceu: lanzou unha ofensiva que cobrou mil vidas na zona até o momento, supostamente, todas, de talibáns (wiredispatch.com/new, 13-10-08). Non hai diferenzas entre o demócrata e o republicano en canto a abrir unha terceira fronte en Paquistán e, en xeral, na súa insistencia na política intervencionista militar en Asia Central e Medio Oriente.

Certas organizacións norteamericanas comezaron a percibir que a “nación democrática amiga” é máis amiga que democrática. O último estudo de Freedom House, organismo independente con sede en Nova York que analiza o estado da liberdade de prensa no mundo, sitúa a Xeorxia ao mesmo nivel que Colombia e detrás de Nixeria, Malawi, Indonesia e Ucraína (www.freedomhouse.org, 29-4-08). Mesmo o Departamento de Estado recoñece nos seus informes deste ano verbo do “avance da liberdade e a democracia” no planeta que na “nación amiga” empeorou a situación da liberdade de palabra, de prensa e de reunión, “os encargados de aplicar a lei actúan con impunidade” e “o goberno presiona ao poder xudicial” (www.state.gov, 23-5-08). “Xeorxia democrática” é outro dos mitos creados por EEUU para xustificar as súas guerras de apetito petroleiro na rexión. A chamada “revolución rosa” que no 2004 instalou no goberno a Mijail Saakashvili axiña se tinguiu de negro.

A aventura de Tiflis ao atacar Osetia do Sur foi unha derrota militar, pero unha vitoria política. Os neoconservadores aproveitan a “agresión rusa” e presionan para que Xeorxia ingrese canto antes na OTAN, outro elo do seu cerco á potencia euroasiática. Volve a guerra fría e o cambio prometido por Obama non modificará a política exterior de EEUU se é elixido presidente.

[Artigo tirado do xornal arxentino ‘Página 12’, do 16 de outubro de 2008]

cig.prensa@galizacig.com