Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
17/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Cohesión e entendimento interno , unha necesidade de Clase

A ofensiva ultraliberal que consume europa  plasma-se no estado español e na Galiza, entre doutras custións, na perda de direitos laborais via diferentes reformas, na perda de liberdades e direitos civis via modificacións contitucionais ou endurecimento do código penal, asi como,  no desmantelamento dos sistemas de protección social: da sanidade pública, ensino público, atención a maiores e nenos/as etc..e en definitiva, supón un empobrecimento brutal das Clases operárias e populares. Esta situación fai imperativo, mesmo urxente e, mais necesário que nunca, o traballar para que a CIG continue a ser unha ferramenta útil e forte que os traballadores e traballadoras podamos empregar na defensa dos nosos direitos.

Os últimos cambios introducidos no mundo do traballo polos governantes ao servizo dos poderes económicos, van dirixidos a acadar a perda de direitos laborais, mais tamén, ao debilitamento do mundo sindical, o mais forte freo aos seus inxustos e inhumanos intereses:

A través das sucesivas reformas laborais, non só se pretende unha desvalorización interna, pretendendo gañar competividade via reducción de custes salariais: baixada de salários e redimensionamento de cadros de persoal, senón  tamén, atacar a liña de flotación do sindicalismo de Clase. É por iso, que se acometeron reformas na negociación colectiva, ferindo-a de morte ao valeirá-la de contido ao conferir todo o poder ao empresário, o que na práctica supón a inexisténcia de calquera tipo de negociación.

A reforma do Código Penal pretende ,asi mesmo, criminalizar e reprimir a nosa acción sindical e a contestación popular a estas nefastas políticas do PP, protexendo un réxime político antidemocrático onde  o Estado e  Galiza por partida dobre, carecen de soberania tomando-se as decisións  por parte de organismos económicos alleios à vontade democrática do povo.

Pois ben, limitada a negociación colectiva e a acción sindical, cernes do actuar sindical da CIG, esta nova realidade, dunha extremada gravidade para a nosa organización e para a Clase Obreira, fai preciso re-inventar a Central Sindical, afortalar a CIG como ferramenta útil. Esa tarefa enormemente complexa e dificultosa, supón  un fondo axeitamento organizativo, da nosa actuación na negociación colectiva e na acción sindical. Nesa inmensa tarefa  a unidade e cohesión das distintas sensibilidades da CIG é un factor imprescindíbel. É mais, sen ela, atrevemo-nos a dicer, nunca seria  un feito.

É tempo pois, de actuar desde a consciéncia desa nova realidade e da necesisade de encaixar  a Central Sindical  a ela. Para iso é preciso pór en valor os elementos de coincidéncia entre as distintas sensibilidades que formamos parte da CIG  e deixar en segundo plano as nosas diferéncias, diferéncias que se tornan insignificantes diante da crua realidade que vimos de esbozar.

Por iso, entendemos, que seria unha irresponsabilidade histórica o reproducir no seo da CIG competéncias eleitorais ou partidistas que se deben dilucidar no ámbito institucional ou no traballo social.

A realidade, convida a afortalar e cohesionar unha Central Sindical que é e será mais duramente combatida polo sistema, sabedor éste como é, do noso decidido enfrontamento à imposición das suas  políticas, conducentes, mediante o roubo masivo à Clase Traballadora, ao noso contínuo empobrecimento.

É tempo de construir , é tempo de ser xenerosos/as e de percurar sen descanso o entendimento. É tempo de aglutinar , de empregar a perspectiva mais ampla e aberta que converta à CIG nunha  peza fundamental, na defensa dos traballadores e traballadoras do noso Pais e que faga parte da  construcción dun sistema político onde a maioria social governe para os seus intereses, un sistema  igualitário e onde a xustiza social non sexa un lema nun cartaz colado nun muro e avellentado polo paso do tempo...

De todos/as nós depende e, estamos certos de que, para as bases da Central Sindical, a necesidade dese acordo  sen exclusións é un berro unánime.Un escenário de enfrontamento interno por ninguén seria comprendido.O sentido comun, a responsabilidade e o ben comun, agardan-nos cos brazos abertos...

Adiante coa CIG !!!

cig.prensa@galizacig.com