Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
17/10/2012

Nado en Rodeiro en 1961, é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. Foi Director do Idega entre 1991-95 e actualmente é coordinador do grupo de investigación ICEDE e da Área de Economía do Seminario de Estudos Galegos.

Publicou obras como: Capitalismo e desemprego en Galicia (1986), Innovación e cambio tecnolóxico na industria (1992) ou O fracaso neoliberal na Galiza (2005).

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: datos : : feijoo : : Galiza : : paro : : PP :
Datos contra mentiras

Seguindo o manual de todos os mentiráns, a dereita toda trata de neutralizar unha eventual e merecida acusación de mentira botando por diante a acusación de que calquera que os contradiga é un mentireiro.

 Pode parecer surrealista pero vivimos momentos en que a estratexia do poder é impedir un diagnóstico minimamente veraz da realidade "real". Xa non basta cun masivo labor de adoutrinamento ou unha interpretación interesada da realidade, facendo uso e abuso de todos os medios escritos e audiovisuais. Xa non chega coas medias verdades ou as esaxeracións. Non, compre ir un chanzo máis alá na estratexia de distorsión e neutralización da capacidade crítica da cidadanía. Para iso todas as armas son socorridas: a inversión da linguaxe e a destrución do significado das palabras (os recortes son axustes, os estrangulamentos dos países son rescates, os rescates son liñas de crédito, as crebas son concursos de acredores, as participacións preferentes son as primeiras en soportar perdas, a emigración son oportunidades de formación e descubrir mundo, a racionaliación do estado é a centralización, o bilinguismo harmónico ou cordial é a expulsión progresiva da lingua non estatal, a liberdade é que o poder non sexa importunado, a liberdade de opinión é que os poderosos propietarios dos medios poidan dicir o que lles peta e interesa, as guerras son intervencións humanitarias, etc etc).

 A outra arma é o destrozo das cifras. Aproveitando da aura de certeza que aínda inspiran os números ponse en marcha a estratexia de manipulación numérica, até alcanzar a propia destrución da credibilidade que aínda podian inspirar as cifras. Non é que se interpreten dun xeito ou doutro, é que literalmente se manipulan e se lanzan cifras falsas á cidadanía sen que ninguén as corrobore ou audite, labor que deberían cumprir uns medios realmente informativos. Un dos exemplo rechamantes -certamente non o único nin moito menos- é o manexo do sr. Feijóo das cifras de paro. Repite día si e día tamén -e os medios difunden as súa verbas- que o emprego caeu máis na época do bipartito que nos tres anos do seu mandato e o paro aumentou máis. Máis aínda, seguindo o manual de todos os mentiráns, a dereita toda trata de neutralizar unha eventual e merecida acusación de mentira botando por diante a acusación de que calquera que os contradiga é un mentireiro.

 Certamente a mentira existe desde que existe a linguaxe, como di Ignacio Mendiola no seu Elogio de la mentira. Tamén é certo que sempre foi parte inseparábel do exercicio do poder, pero creo percibir que nunca foi tan evidente o uso da arma da mentira como ferramenta para dominar a sociedade como na actualidade. O mundo da información é cada vez menos o mundo da verdade e cada vez máis o mundo da mentira como sistema. Feijóo é, sen dúbida, un avanzado dese mundo onde os trileiros deixaron de ocupar furtivamente as esquinas das rúas nos días de feira e pasaron a tomar os palacios do poder. Os adestradores de comunicación da dereita difunden con profesionalidade o oficio para copar todos os platós. Esa é a principal corrupción, a bomba de reloxaría e principal motivo de distanciamento entre a cidadanía e a "política", a política do poder.

 Pode parecer banal ou pueril pero considero que non é posible unha democracia se o poder non está seriamente sometido a unha obriga real de verdade e transparencia. Ese tipo de mentiras reiteradas e sistemáticas con ánimo de enganar á cidadanía deberían ser motivo de escarnio público e mesmo habería que dicir que cando son proferidas sistematicamente por unha autoridade pública debería estar penado como falta ou prevaricación, porque transmitir información falsa a sabendas de que o é -e con reiteración- non só constitue unha demostración de ausencia de ética como gobernante senón que esa transmisión de información por unha autoridade pública, en calidade de tal, é un acto de goberno coma calquera outro con importantes repercusións na vida dos cidadáns.

 A espera de que o deber de respecto á verdade sexa unha obriga legal dun gobernante democrático, só nos queda poñelo en evidencia e declarar o profundo desprecio que tais comportamentos.

 Velaí van os datos de emprego e paro en Galiza desde 2005 a 2012 que ofrece o INE na súa páxina web e tamén os datos de afiliados á Seguridade Social que ofrece o Ministerio de Traballo. Á vista dos datos sobran os comentarios.

 

 

 

[Artigo tirado do sitio web de ‘Sermos Galiza’, do 15 de outubro de 2012]

cig.prensa@galizacig.com