
Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.
Aínda que os analistas e dirixentes políticos valoran a eficiencia e o papel social dunha empresa, sexa pública ou privada, todo fai pensar que nos últimos anos polo que realmente se aposta é polo tamaño e a rendibilidade, deixando nun segundo plano outros criterios, por máis que a cotío se empreguen como xustificación necesaria diante da povoación. Porque se fai deste xeito?. Evidentemente pesa ¡e moito! a pretensión de obter sempre os máximos lucros posíbeis, pero ademais hai outras razóns que teñen unha relación directa co contexto económico, cultural e político da Unión Europea e a globalización neoliberal.
Hoxe a ampliación de grandes grupos empresariais, que nunha morea de casos teñen ingresos superiores ao PIB de moitos países, acelerouse cando menos polos seguintes motivos: a necesidade en situacións de creba (por unha crise como a actual e por mor da mala xestión), de obrigar aos poderes públicos a axudas de salvación pra evitar a perda de empregos ou un efecto domino no conxunto do tecido económico; blindar á empresa diante de opas hostís que se lle fagan, por exemplo pra absorber o mercado que ocupa. Porén, asemade, non ten menos importancia o desexo de continuidade indefinida e anceio de poder (económico e político) dos altos cargos das corporacións. Executivos que teñen normalmente ingresos millonarios, utilizando deste xeito a maior dimensión da empresa como unha muralla ou un ariete segundo o momento e o contexto.
Estas tendencias foron alentadas nas últimas décadas pola globalización neoliberal. Hoxe as grandes corporacións son os portaavións dos procesos de conquista e colonización dos países máis débiles (ou dependentes) polas potencias imperiais. Ao seu servizo están todos os mecanismos dos grandes estados, pra garantir a abertura de fronteiras e forzar leis que faciliten a obtención de recursos e lucros. O abaratamento do transporte e comunicacións a grandes distancias, mesmo a prezos por debaixo da rendibilidade, así como toda a maquinaria propagandista no eido da cultura e da información contribúe a este obxectivo. Nunca, desde a Segunda Guerra Mundial, o aparello de Estado estivo tan nidiamente ligado aos intereses das clases dominantes. E, cando estes métodos de “libre comercio e democracia” non dan resultado utilizase sen ningún pudor a intervención e ocupación militar, demonizando aos que poñen atrancos.
Neste marco está a decisión do Governo central de apostar centralización e concentración do pouco que queda do sistema financeiro “público”, empregado o FROB e o Banco de España como impulsores do proceso. Non hai polo tanto razóns económicas empresariais, nen de servizo aos clientes, e moito menos de garantía dos empregos, senón sobre todo a procura de blindar ao Estado español neste eido, unha decisión que coincide cos que todo o queren españolizar e con moitos executivos que ven así unha posibilidade de ascenso ou de blindar o seu cargo e ingresos. A crise acelerou unha estratexia que xa estaba decidida, que fai décadas que se está a dar noutros eidos da economía, e que fixo que Galiza perderá unha boa parte do control da súa economía no ámbito privado.
Semella pouco doado que todo poda seguir como ate hoxe no noso país no eido crediticio, todo indica que ou ben se unen as dúas caixas galegas, ou serán chuchadas polas grandes entidades crediticias españolas (ou unha unión de varias), ben sexa agora ou en dúas ou máis etapas. Resulta lóxica a oposición sindical a calquera unificación, dado a perda de empregos que implica e ademais os dados económicos danlles a razón, porén todo indica, como xa dixen, que neste caso estamos diante de estratexias máis amplías, tanto no espazo como no tempo. Que a direción de todo o sistema bancario en Galiza estexa en Madrid (ou calquera outra parte), fora do país, sería unha traxedia, polo que ten de paso atrás no control real sobre a actividade económica, na perda de emprego, na xeración de riqueza, así como de déficit no ámbito cultural. Ademais, en termos políticos,a Nosa Patria ficaría orfa dun dos poucos mecanismos que ten pra desenvolver os sectores produtivos.