Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
17/11/2011
É membro da Executiva Confederal da CIG, na que ocupa a Secretaría de Muller e Mocidade.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Alerta no estado do benestar

Baixo o pretexto da situación da crise económica mundial, os distintos gobernos veñen decretando recortes no desenvolvemento do estado de benestar.

Malia a aparente oposición do PP ás duras medidas adoptadas polo PSOE, non só non tomaron un rumbo diferente, senón que desde a súa xestión no goberno galego manteñen unha actitude servil aos poderes da patronal e da gran banca, aceptando ERES fraudulentos que deixaron na rúa a miles de traballadoras e traballadores.

Coa escusa da crise económica o goberno do PP na Xunta de Galiza está a por en marcha o que supón un desmantelamento e privatización da sanidade, o ensino e os servizos sociais públicos, a través dos recortes, ficando en perigo o xa de por si feble estado de benestar.

Amparándose en motivos económicos suprimiron o SGI, Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, que ate a data viña sendo un organismo de carácter autónomo, supresión que supón unha perda de poder, de relevancia na toma de decisións, de autonomía, desaparece a visibilización das políticas de igualdade nun momento no que estamos ante unha dura ofensiva contra as mesmas por parte dos sectores máis conservadores e reaccionarios da nosa sociedade, amparados e animados polo goberno da Xunta, cando sería necesario xustamente todo o contrario, é dicir, un fortalecemento deste organismo autónomo e das súas políticas transversais de igualdade.

É curioso que cando se fala de aforro orzamentario e de reestruturación, sexan sempre as políticas de igualdade as que teñan que sufrir o recorte, a pesares de ser as mulleres quen experimentan as consecuencias negativas da situación de crise con maior rapidez e quen se benefician da recuperación máis lentamente.

Sen embargo, non se ampararon na situación de crise cando, a través da aprobación da ILP pola que se establece e regula unha rede de apoio a mulleres embarazas, o goberno de Feijoo financiou con cartos públicos a asociacións ultracatólicas para que exerzan presión e disuadan ás mulleres do seu dereito a abortar libremente, no marco dunha campaña de boicote que a Xunta de Galiza está a realizar na aplicación da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e de Interrupción Voluntaria do Embarazo (Lei do aborto), como xa fixo o pasado ano cando se opuxo á dispensación da pílula postcoital sen receita. Unha lei, que todo parece indicar que, no caso de que gañe o PP as eleccións, será das primeiras en ser derrogada.

Ou a deliberada política de  desmantelamento dos servizos sociais públicos, comezando pola eliminación dos Puntos de Información á Muller e das oficinas I+B (oficinas situadas maioritariamente no rural, desde as que se ofrecía unha atención integral ás persoas máis vulnerábeis da sociedade en risco de exclusión social, e onde se atendían distintos programas que redundaban nunha mellor inserción laboral da muller e na atención aos mozos e mozas), a cancelación da posta en marcha do servizo "kanguros" e a disolución final do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, pasando pola eliminación dos Centros Quérote (de asesoramento afectivo sexual á mocidade), o Servizo do Noitebús para a mocidade do rural, a eliminación do II Plan Galego de Inclusión Social, ou a paralización do programa ENTENDO, que daba resposta xurídica, médica e psicolóxica ás lésbicas, gais, bisexuais e transexuais, por poñer varios exemplos.

Pero o desmantelamento continúa. Así, no borrador de orzamentos deste ano, destaca unha vez máis a política de recorte e privatización dos servizos públicos levada a cabo polo goberno do PP, cunha serie de recortes orzamentarios que poden levar á desaparición de Programas tan senlleiros como o de Preescolar na Casa, ou nos fondos destinados ao Plan Concertado, o cal pode supoñer a desaparición das prestacións básicas de servizos sociais nos concellos. Uns orzamentos que exercizo a exercizo veñen reducindo os programas destinados á igualdade, á promoción do emprego, a protección e promoción da muller, migracións, freo do abandono escolar, por non entrar a falar do copago que están tentando instalar tanto na sanidade (co escandaloso recorte do dereito á prestación sanitaria e farmacéutica ás persoas sen recursos económicos) como nos servizos sociais. Porén, non teñen reparo en financiar con cartos públicos a asociacións ultracatólicas (o pasado 17 de outubro distribuíron máis de 159.000 euros entre un bo número de entidades ligadas á extrema dereita antiabortista tales como Rebaño de María, Sí a la vida, Red Madre, Siervas de la Pasión, Betanía de Jesús Nazareno, Ayuda a la Vida e outros centos de miles de euros en entidades abertamente confesionais e católicas que desde logo non traballan a prol da igualdade de oportunidades e do empoderamento das mulleres) no marco dunha lei –a de familia- que cosifica á muller e que pretende devolvela ao seu rol tradicional de nai-coidadora do fogar.

Como o goberno dun país pode ampararse en cuestións económicas para eliminar un organismo autónomo como o SGI, cando alenta economicamente a asociacións que esixiron publicamente á Xunta "que non promovese unha sexualidade pervertida entre os adolescentes" (en alusión á función dos Centros Quérote), que considera a homosexualidade como patoloxía ou que non acepta a existencia do aborto terapéutico (o  xustificado por razóns médicas ao quedar en perigo a nai ou o bebé) porque desde a toma da pílula postcoital ate calquera interrupción do embarazo son cualificadas como asasinatos, entendendo só unha visión da muller, a de incubadora?

Pero a extrema dereita non é a única que aproveita o contexto de crise para desmantelar o mal chamado estado de benestar. No estado español, o goberno do PSOE fixo o propio coa supresión do Instituto da Muller de Castilla - La Mancha, e posteriormente, coa eliminación do Ministerio de Igualdade, amparándose en cuestións de aforro orzamentario. E coa mesma escusa, prognostican que o sistema público pode quebrar por mor das pensións, polo que deciden prolongar vida laboral, de xeito que alimentan unha gran mentira para interese dos bancos e aseguradoras que queren privatizar este sistema público. Aprazan a iniciativa, pero suspenden a revalorización das pensión, aprobando unha reforma das pensións que non só atrasa a idade de xubilación ate os 67 anos, senón que tamén alonga o período para o cálculo das pensións, medida que afecta de xeito singular ás mulleres é á mocidade, xa que supón que non poderán acceder a ela en condicións dignas.

Nese mesmo contexto, como medidas para reducir o déficit público suprimen a axuda por nacemento de fillos e fillas, eliminan a retroactividade nas prestacións por dependencia, aprazan a ampliación do permiso de paternidade a 4 semanas que ía entrar en funcionamento o pasado ano ata o 1 de xaneiro do 2012, e poñen como guinda do pastel  unha reforma laboral e da negociación colectiva, que non crea emprego, senón que o precariza aínda máis, e na práctica, o destrúe.

Todas as traballadoras e traballadores, toda a cidadanía galega, debemos participar de xeito activo nestes comicios, evitando co seu voto, que o PP –e tamén o PSOE- incidan e afonden nas políticas de recortes de dereitos e do gasto social. Por iso pedímosvos que apoiedes á única forza que estivo con nós na rúa e nas institucións, defendendo un novo modelo e loitando contra estas regresivas medidas, e que  votedes pola única forza política galega, nacionalista e de esquerdas, que se presenta as eleccións. De aí que cobre singular importancia a quen lle outorguemos o noso voto. Porque a sociedade galega non pode permitir que sexa a propia administración a que desmantele unha conquista social que tantos esforzos levou conseguir.

cig.prensa@galizacig.com