
Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.
Algúns analistas gabaron o discurso de Barack Obama durante o acto de recepción do Premio Nobel da Paz. Din que puxo as cousas no seu lugar, xa que non hai dúbida que a paz asegurase mediante guerra defensiva en moitas oportunidades.
Claro que o que esquecen estes analistas, é que co Nobel estase premiando aos que a través do diálogo evitan a guerra ou garanten a paz. Obama, co seu discurso, virou o criterio e deste xeito xustifica todos os actos de agresión, sempre que se realicen en nome da paz e os que os fagan conten co poder necesario como pra demonizar ao inimigo. Xustifícanse así ataques das potencias imperialistas que non sempre son defensivos, como a historia, mesmo a máis recente, deixou ao descuberto nunha morea de oportunidades.
Asemade, estas declaracións, vindo do presidente dun país que nas últimas décadas destacouse por intervir en múltiples nacións, resultan pouco convincentes e moi sospeitosas. Lembremos a invasión da República Dominicana durante a etapa de Camaño Deno; da ocupación da illa de Granada, do ataque aos barrios pobres de Panamá e do apoio á invasión da contra en Baia Cochinos (en Cuba); da intervención en Somalia e Líbano; da invasión do Iraq e Afganistán e a ocupación de ambas nacións, coa instalación de miles de soldados e bases permanentes; e, fai pouco tempo, o apoio á agresión de Xeorxia contra Osetia do Sul, e de Israel contra o sul do Líbano e Gaza. Con estes antecedentes, facer teoría sobre a guerra defensiva non resulta críbel.
Non penso polo tanto que o discurso do presidente dos Estados Unidos fora só unha demostración teórica, ou pra reflectir a súa capacidade intelectual, e nen sequera que tivera a intención exculpar o xeito de actuar guerreirista dos falcóns que lle precederon no cargo. Coido que ten unha finalidade máis práctica e estratéxica, a de gañar vontades e xustificar as acións futuras do seu país, baixo a súa presidencia, por iso de vagar vai mudando o discurso e aumentando a presenza militar norteamericana en todo o mundo.
O envío de máis tropas a Afganistán e as sete novas bases en Colombia son un exemplo evidente de que o militarismo non serve á paz, senón que é funcional exclusivamente aos intereses das clase dominantes dos Estados Unidos e dos seus aliados.
Collamos o caso do Afganistán, sabemos case que con certeza, que gran parte do país está en mans dos neo-talibáns, e que malia ser só uns 3.000 combatentes permanentes, co apoio duns 25.000 colaboradores (segundo fontes militares norteamericanas) as forzas estranxeiras mesmo teñen que lles pagar para fornecer a algunhas das bases de alimentos e material.
Coñecemos que con este novo envío de tropas, as forzas de ocupación superarán os 140.000 efectivos, aos que hai que engadir os milleiros de contratados (mercenarios) e o persoal civil de apoio; e ademais está o exército (100.000) e policías fieis ao Goberno de Kabul. Un despregue militar moi grande, coa tecnoloxía máis avanzada de localización de obxectivos e armamento moi poderoso, e cun control total do espazo aéreo. Ou as forzas de ocupación son incapaces, ou hai moito de escenificación neste conflito, para construír unha tapadeira que permita concentrar tropas e ameazar desde todos os flancos a Rusia e China, e moi especialmente a Irán. Só así todo tería un certo sentido. Quen sería o agresor neste caso...
Asemade, resulta significativo que alí onde hai unha forte presenza norteamericana, e governos submisos, como Afganistán e Colombia, a produción da droga medra ao mesmo ritmo que a militarización e ocupación estranxeira (aínda que se culpa á resistencia).
O discurso de Obama é preocupante, causa arrepío, máxime se temos en conta o marco no que o fixo e o poder do que dispón. Semella que está preparando o escenario pra novas aventuras militares. No Irán?... en Venezuela?...
[Artigo tirado do xornal ‘La Región’, do 15 de decembro de 2009]