Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
17/12/2009

Nado nos EEUU en 1928, é profesor emérito de Lingüística no Massachusetts Institute of Technology (MIT). É coñecido polo seu activismo político, sendo un persoeiro moi influínte da esquerda transformadora estadounidense. Nos seus libros de pensamento político, son de salientar obras como: The Responsibility of Intellectuals (1967), The Political Economy of Human Rights, vol. 1 e 2 (1979), On Power and Ideology (1987), The Culture of Terrorism (1988), Year 501: The Conquest Continues (1993), 9-11 (2001) ou The Impetious Imperialist (2005).

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
O legado de 1989 nos dous hemisferios

En novembro fíxose o aniversario dos grandes acontecementos de 1989: "o máis importante ano na historia mundial desde 1945", como o historiador británico Timothy Garton Ash deu en describilo. Este ano "todo cambiou", escribe Garton Ash. As reformas en Rusia de Mikhail Gorbachov e a súa "renuncia impresionante do uso da violencia" conduciron á caída do muro de Berlín o 9 de novembro e á liberación da Europa do Leste da tiranía rusa.

As gabanzas son merecidas, os sucesos son memorábeis. Pero perspectivas alternativas poden ser reveladoras.

A chanceler alemá Angela Merkel proporcionou tal perspectiva -non intencionadamente- cando nos instou a todos a "usar o inestimábel don da liberdade para acabar cos muros do noso tempo".

Unha forma de seguir o seu bo consello sería desmantelar o muro enorme, que empequenece en escala e lonxitude o de Berlín, que agora serpea en territorio palestino violando a lei internacional.

O "muro de anexión", como debería ser chamado, está supostamente xustificado en termos de "seguranza", a racionalización por defecto para tantas accións de estado. Se a seguranza fose a cuestión, o muro sería construído ao longo da fronteira e sería inexpugnábel.

O propósito desta monstrosidade, construída co apoio de EEUU e a complicidade de Europa, é permitir a Israel apropiarse de valiosa terra palestina e dos principais recursos acuíferos da rexión, impedindo así calquera existencia nacional viábel para a poboación indíxena da antiga Palestina.

Outra perspectiva sobre 1989 provén de Thomas Carothers, un erudito que serviu nos programas de "fortalecemento da democracia" na administración do expresidente Ronald Reagan.

Despois de revisar o expediente, Carothers conclúe que todos os líderes de EEUU foron "esquizofrénicos": apoian a democracia se se axusta aos obxectivos económicos e estratéxicos de EEUU, como é o caso dos países satélite soviéticos, pero non dos estados que son clientes de EEUU.

Esta perspectiva está confirmada dramaticamente pola recente conmemoración dos acontecementos de novembro de 1989. A caída do muro de Berlín foi celebrada con razón, pero houbo poquísima atención ao que sucedeu unha semana despois: o 16 de novembro, no Salvador, aconteceu o asasinato de seis líderes intelectuais de América Latina, sacerdotes xesuítas, xunto coa súa cociñeira e a súa filla, polo batallón de elite Atlacatl, armado por EEUU, que acababa de renovar a formación na Escola de Guerra Especial JFK en Fort Bragg, Carolina do Norte.

O batallón e os seus esbirros acumularan xa antecedentes sanguentos no Salvador ao longo da truculenta década que empezou en 1980 co asasinato, a mans de moitos dos mesmos implicados [de 1989], do arcebispo Óscar Romero, coñecido como "a voz dos sen voz".

Durante a década da "guerra contra o terrorismo" declarada pola administración Reagan, o horror foi similar en toda América Central. O reino da tortura, do asasinato e da destrución na rexión deixou centos de millares de mortos.

O contraste entre a liberación dos países satélite soviéticos e o esmagamento da esperanza nos estados cliente de EEUU é rechamante e instrutivo, mesmo máis cando dispomos de maior perspectiva.

O asasinato das intelectuais xesuítas puxo fin virtualmente á "teoloxía da liberación", o renacemento do cristianismo cuxas modernas raíces se atopan nas iniciativas do Papa Xoán XXIII e do Concilio Vaticano II que abriu en 1962.

O Concilio Vaticano II "marcou o comezo dunha nova era na historia da Igrexa católica", escribiu o teólogo Hans Kung. Os bispos latinoamericanos adoptaron "a opción preferente polos pobres".

Así, os bispos renovaron o pacifismo radical dos Evanxeos que fora silenciado cando o emperador Constantino estabeleceu o cristianismo como relixión do Imperio Romano: "unha revolución" que en menos dun século converteu a "a igrexa perseguida" nunha "igrexa perseguidora", segundo Kung.

No renacemento post Vaticano II, os sacerdotes, monxas e laicos de América Latina levaron a mensaxe dos evanxeos aos pobres e perseguidos, reuníndoos en comunidades, e alentáronos a tomar o seu destino nas súas propias mans.

A reacción a esta herexía foi unha represión violenta. No avance do terror e a carnicería, os practicantes da teoloxía da liberación foron un obxectivo prioritario.

Entre eles estaban o seis mártires da igrexa cuxa execución hai 20 anos é agora conmemorada cun silencio rotundo apenas roto.

O pasado mes en Berlín, o tres presidentes máis implicados na caída do muro -George H. W. Bush, Mikhail Gorbachov e Helmut Kohl- falaron de quen merecía máis recoñecemento.

"Sei agora como o ceo nos axudou", dixo Kohl. George H. W. Bush gabou o pobo de Alemaña do Leste que "foi privado por demasiado tempo dos seus dereitos concedidos por Deus". Gorbachov suxeriu que os Estados Unidos necesitan a súa propia perestroika.

Non existe ningunha dúbida acerca da responsabilidade de arrasar o intento de revivir a igrexa dos evanxeos en América Latina durante a década dos 80.

A Escola das Américas (xa rebautizada como o Instituto do Hemisferio Occidental de Cooperación para a Seguridade) no Forte Benning, Xeorxia, que adestra aos oficiais de América Latina, anuncia orgullosamente que o exército de EEUU axudou a "derrotar a teoloxía da liberación", asistido sen dúbida polo Vaticano, mediante a luva branca da expulsión e a represión.

A campaña lúgubre para investir a herexía posta en marcha polo Concilio Vaticano II recibiu unha incomparábel expresión literaria na parábola do Gran Inquisidor de Dostoievsky dos irmáns Karamazov.

Neste relato, ambientado en Sevilla no "momento máis terríbel da Inquisición", Xesucristo aparece de súpeto nas rúas, "suavemente, desapercibido, e con todo, por estraño que pareza, todos o recoñeceron" e foron "irresistibelmente atraídos cara a el".

O Gran Inquisidor "fixo que os gardas o prendesen e levasen" á cadea. Alí acúsase a Cristo de vir ‘obstaculizarnos’ na gran tarefa de destruír as ideas subversivas de liberdade e comunidade. Nós non te seguimos, o Inquisidor rifa a Xesús; seguimos a Roma e á "espada de César". Buscamos ser os únicos gobernantes da terra para poder aprender ás multitudes "débiles e viles" que "soamente serán libres cando renuncien á súa liberdade por nós e e se sometan a nós". Entón serán tímidos e amedoñados e felices. Así que mañá, di o Inquisidor, "debo queimarte".

Finalmente, con todo, o Inquisidor cede e libérao "nas ruelas escuras da cidade".

Os discípulos da Escola das Américas rexida por EEUU non exerceron tal misericordia.

[Artigo tirado do sitio web ‘SinPermiso’, do 13 de decembro de 2009]

cig.prensa@galizacig.com