
Hai varios indicadores económicos que advirten da situación de colapso que o Estado español pode afrontar en 2011. A destrución de emprego (20%) reduce o consumo, o peche de empresas axuda á redución dos ingresos vía imposto de sociedades (a caída vai no 19%) e na mesma liña a redución no gravame do mesmo imposto, o tipo de interese da emisión da débeda pública superou a barreira psicolóxica do 5%, subida de impostos indirectos (IVE, luz, auga...), privatización de empresas públicas (AENA, Loterías do Estado), as vantaxes fiscais para a mediana empresa, o pagamento da débeda en 2011...
As medidas do goberno español son produto, entre outras variábeis, dunha forte presión do capitalismo máis radical e o “sálvese quen poida” ditado por algúns gobernos europeos e o norteamericano (para exemplo o acontecido coa falsa devaluación do dollar na “guerra de divisas”). A queda na bolsa no mes de Santos (trala ruptura de Irlanda) situou ao límite ao goberno español e máis á unidade do euro. O modelo de Unión Europea, sobre todo a política monetaria, está en serio risco de esgazar. A crise do petróleo axexa trala porta (hoxe estamos observando a subida do prezo). Polo tanto as medidas do goberno débense entender como unha resposta á desesperada da presión do mercado.
Sempre se fala de mercado e non se sabe quen son. Fundamentalmente son os gobernos, a banca e o grande empresariado. Unha trindade incendiaria, un campo de xogo con dereito de admisión (cartos). A presión dos especuladores financeiros, mal vistos mais non perseguidos xudicialmente, provoca a extirpación do poder económico dun estado soberano. Así, o Estado español está colocando a súa soberanía á venda. O FMI é o máis interesado porque representa, xustamente, a concentración do poder de gobernos, banca e grande empresariado cunha vantaxe por riba de todos eles: non é un órgano obrigado a render contas a ninguén, non é elixido democraticamente, non é transparente. Velaí o absolutismo contemporáneo, o despotismo mercantil, a ditadura do neoliberalismo.
Mudamos de sistema moi rapidamente cun guión: perda de dereitos e poder adquisitivo por parte da clase obreira fronte á acumulación da riqueza dos grandes poderes económicos. O empresariado xa lanzou a sonda: hai que traballar máis e cobrar menos; o PP xa postulou a prohibición de folga durante a negociación dun convenio colectivo; queren pór en discusión a función do sindicalismo.
O ritmo é veloz porque tamén nós somos incapaces de xerar unha alternativa que convenza ou mobilice. Malia os atrancos dos aparellos ideolóxicos (medios de comunicación) é certo que non somos quen de estabelecer liñas básicas dun novo modelo de sistema. Propóñense determinadas medidas: peche de paraísos fiscais, progresividade fiscal, aumento de impostos sobre a renda do capital, persecución de evasión fiscal, recuperación do imposto de patrimonio... mais non somos quen de penetrar na sociedade e facer críbel esa idea; non somos quen de facela compacta e namentres fende que a única saída é a contracción do gasto público, a liberalización dos mercados, a privatización...
Se cadra é porque o fastidio, a traizón e a desilusión creada polas organizacións políticas maioritarias levaron a unha sensación de resignación e de derrotismo: para que loitar se eles no parlamento deciden todo sen facernos caso.
O sindicalismo galego, co seu alto poder de mobilización e cunha base de afiliados que o converte na maior organización galega (preto dos 100.000 afiliados), debe asumir a responsabilidade histórica de proxectar un marcado discurso ideolóxico, non só nas grandes manifestacións senón na formación de base, no contacto dos delegados nas fábricas, na acción cotiá de cada un de nós na vida normal. Hai que concienciar e formar persoas con pensamento crítico, non ovellas seguidistas nin aprendices do catecismo.
O sindicato segue sendo hoxe o lugar de encontro e debate. Non só dos traballadores máis tamén dos parados e xubilados. Os máis afectados pola crise non deben sentir o desapego sindical. Todo o contrario: o sindicato debe estar máis preto, máis ouvinte, máis atento. Debemos organizar os parados como os xubilados (a loita pola dignidade non remata coa fin da vida laboral). Hai que abrir ese debate e afrontalo. Fagamos realmente da central sindical unha grande asemblea de traballadores formados e preparados ideoloxicamente para a longa batalla das ideas, a batalla que se concreta no asfalto das vilas e cidades.
[Vigo, 17 de decembro de 2010]