O alongamento, dos 65 aos 67 anos, da idade obrigatoria da xubilación afectaría dun xeito moi desigual a distintos sectores da poboación, como consecuencia de que o Estado español continúa tendo clases sociais.
Un burgués vive dous anos máis que un pequeno burgués que, á súa vez, vive dous anos máis que unha persoa de clase media, a cal vive dous anos máis que unha persoa traballadora cualificada, que vive dous anos máis que unha persoa traballadora non cualificada, a cal vive dous anos máis que un traballador non cualificado con máis de cinco anos en paro. A distancia entre a última e a primeira é de dez anos, mentres que a media da UE-15 é de sete. (A distancia de dous anos de lonxevidade entre as clases sociais é unha aproximación, pois tende a ser lixeiramente inferior entre a burguesía, pequena burguesía e clases medias, e superior entre estas clases e a clase traballadora).
A partir destas cifras pódese concluír que, posto que a lonxevidade é tan distinta segundo a clase social, é profundamente inxusto que todos deban obrigatoriamente xubilarse ao mesmo tempo. En realidade, para moitas persoas cun traballo máis intelectual que manual e que é fonte de goce e estímulo ter que xubilarse aos 65 anos é un prexuízo que pode danar a súa saúde. En EEUU, por exemplo, un catedrático pode traballar até que o desexe, a condición de que alcance os niveis de esixencia que a universidade reclama a todos os docentes. A xubilación é un dereito, non unha obriga. Non así no Estado español, onde é unha obriga, chegando ao absurdo de que moitos profesionais deben xubilarse en pleno uso das súas facultades e competencias en profesións e especialidades (como a medicina) onde hai unha enorme escaseza de profesionais.
Mais este absurdo é mesmo máis inxusto na persoa cun traballo máis manual que intelectual, e para a cal o traballo non é un instrumento de goce senón un medio a partir do cal obtén os medios para poder vivir. E grandes sectores da clase traballadora están nesta situación. Para esta persoa, esixirlle que traballe dous anos máis é unha enorme inxustiza, e iso debido a que é homologada con outra que, ademais de ter un traballo estimulante moi distinto, lle vai sobrevivir moitos anos. É profundamente inxusto pedirlle a un membro do persoal de limpeza da universidade que traballe dous anos máis para pagar a miña pensión, xa que probabelmente eu vivirei seis ou oito anos máis.
Pero a esta inxustiza engádese outra, e é que o alongamento da esperanza de vida nos últimos 30 anos foi tamén moi desigual. A burguesía, pequena burguesía e clases medias viron como se alongaba a súa vida moito máis rapidamente que a clase traballadora.
En EEUU, país que ten un sistema de recolección e análise de estatísticas sociais e vitais mellor que o Estado español, as clases con maiores rendas incrementaron notabelmente a súa esperanza de vida durante os últimos 30 anos. Tal incremento foi moito menor, porén, nas rendas inferiores (primordialmente traballadores non cualificados), que non viron crecer a súa esperanza de vida nin sequera dous anos, co cal o atraso de dous anos da súa idade de xubilación significaría mesmo unha redución dos seus períodos de pensionista en comparación con pensionistas en cohortes anteriores (Dean Baker e David Rosnick, The Impact of Income Distribution on the Length of Retirement, Center for Economic and Policy Research, outubro de 2010). A relevancia destes datos para o Estado español é enorme, pois mentres que en EEUU a metade dos traballadores de 58 anos traballa en ocupacións fisicamente esixentes e/ou en condicións difíciles (difficult working conditions), esta porcentaxe é mesmo maior no Estado español, onde o nivel de cualificación na forza laboral é menor que en EEUU. De aí pode concluírse que a súa lonxevidade é menor e creceu menos nos últimos 30 anos que as clases de renda superiores. Tratar a todos por igual é unha gran inxustiza.
Outro problema que existe na proposta de atraso da idade de xubilación é que se basea en supostos erróneos. O argumento que se utiliza constantemente para indicar que o sistema de pensións público é insostíbel é subliñar que, mentres agora o gasto público en pensións representa o 9% do PIB, no ano 2050 será do 15%, o cal consideran que é insostíbel. Este argumento utilizárono unha longa lista de institucións e firmas de sensibilidade neoliberal. E utilizouno hai uns días o novo ministro de Traballo, Valeriano Gómez, nunha entrevista no rotativo de maior difusión do país, onde repetiu o mesmo argumento. É máis, este último indicou que, mesmo cando a produtividade anual aumentase un 2% ou un 2,5%, aínda sería insostíbel.
Mais isto non é certo. Se o crecemento anual da produtividade fose do 2%, o PIB en 2050 sería 2,20 veces maior que agora. Iso quere dicir que se o PIB agora é 100, en 2050 sería 220. Pois ben, mentres que agora nove unidades (o 9% do PIB) van a pensionistas, en 2050 serían 33 (o 15% do PIB), e para os non pensionistas, en 2050 serían 187 (220-33), moito máis que agora, que son 91. É dicir, como resultado do incremento da torta (máis do dobre), tanto pensionistas como non pensionistas terán moitos máis recursos, pois estamos falando de cantidades monetarias coa mesma capacidade de compra en 2010 e en 2050.
É máis, é probábel que o PIB sexa mesmo maior, resultado do crecemento da poboación que traballa (agora unha das máis baixas da OCDE). Se en lugar do 52% fose do 72% ou do 75%, o PIB sería mesmo moito maior. A alarma é totalmente infundada. O que o Estado debería facer é mellorar a produtividade do país e facilitar a integración da muller ao mercado de traballo en lugar de alongar obrigatoriamente a idade de xubilación.
[Artigo tirado do xornal ‘Público’, do 16 de decembro de 2010]