
Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.
Nas últimas décadas foron moi poucas as medidas que se poden considerar favorábeis á clase traballadora, e practicamente ningún partido fuxiu de alentar ou servir a esta tendencia hexemónica. É certo que algunhas poucas organizacións destacaron por non se sumar ás propostas neoliberais, mais tamén é verdade que non defenderon coa mesma forza que na transición as reivindicacións estratéxicas das clases populares, pra alén de propostas illadas e moi conxunturais. Porén coido que algo está mudando a este respeito, cando menos no nacionalismo galego.
A intervención de Francisco Jorquera no pleno do Parlamento do Estado español entronca coas propostas que desde o eido do sindicalismo nacionalista se veñen facendo, e coa liña histórica do movemento nacional popular galego. A esixencia de dotar de máis recursos ao seguro de desemprego e de crear un salario social pra os parados de longa duración, aínda que sexa unha proposta global que sería necesario matizar, asume no fundamental a que é unha reivindicación central da CIG desde fai máis dunha década. Tamén recolle o sentir da clase traballadora a oposición frontal a unha flexibilización do mercado laboral; asemade o deputado nacionalista pediu ‘un emprego máis estábel e de calidade, pra reactivar a demanda interna e a economía’.
Jorquera, neste pleno monográfico pra valorar as medidas tomadas polo Governo central contra a crise, fixo ademais outras propostas, como a de rematar coas trabas á produción naval, axudar ao sector do automóbil, operativizar o ICO como unha grande banca pública ou participar no capital dos bancos, que forman parte das esixencias que tamén se fan desde o sindicalismo nacionalista.
O deputado da fronte completou a súa intervención pedindo: modificar a lei de morosidade pra aliviar ás pequenas e medianas empresas; unha aposta polo I+D+I; investimento en enerxías renovábeis; impulsar as infraestruturas produtivas; máis investimento en educación, servizos e equipamentos sociais; posta en marcha dun Estatuto do Traballador Autónomo; e millora e modernización do servizo público de emprego.
Non son propostas que rachen co sistema, nen produto dunha revolución social, porén apostan por unha reforma no modelo socioeconómico, e insí rense nun cambio de tendencia que revalora o papel da clase traballadora e da economía produtiva, refugando a especulación (o chamado capital ficticio) e os atrancos e eivas que impiden o normal desenvolvemento do noso país (por exemplo, os limites impostos á construción naval). Hai quen pode pensar que se trata de esixencias eleitorais, que pasado este momento de mitins e discurso, esqueceranse borradas pola presión cotiá dos intereses das clases dominantes. Coido que non será así, porque teñen razón de ser no marco da crise sistémica, polo que son funcionais a esta conxuntura histórica que durará varios anos.
Asemade, se as saídas adoitadas desde o poder non se axustan a reformas profundas, a un cambio de sistema (e dado a correlación de forzas todo indica que será así), a crise reproducirase de cada vez en períodos máis curtos. Daquela o que hoxe coidamos conxuntural marcará toda unha etapa, e as propostas do nacionalismo (sempre tan sensíbel ás camadas populares), aínda dentro desta mesma tendencia, tenderan a se facer máis radicais. Será deste xeito pola propia presión das necesidades obxectivas das maiorías sociais, a defensa da identidade nacional galega, a deslexitimación das clases dominantes, e dun sistema superado polos acontecementos, e que tende á depredación e limitar as liberdades democráticas.
[Artigo tirado do xornal ‘La Región’, do 17 de febreiro de 2009]