Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
17/3/2009

Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Crise, promesas e refundación

O triunfo do Partido Popular nas eleicións autonómicas (hai quen di que as perdeu o bipartito) deixa aos conservadores diante dun contexto complexo en materia económica e social, por mor dunha crise sistémica que non se albisca como superar, e que está elevando as porcentaxes de desemprego a niveis que causan arrepío. Diante deste escenario é lóxico que Núñez Feijóo se reunira axiña coas centrais sindicais e a patronal, mesmo que prometa manter a Consellería de Traballo, que no seu día o seu partido eliminara e foi recuperada polo bipartito.

O futuro presidente da Xunta sabe que se enfronta a un contexto de moita conflitividade laboral onde o nacionalismo terá un protagonismo importante, dado o peso crecente da CIG no ámbito sindical. Tampouco lle axuda a súa postura en materia lingüistica, claramente negativas pra normalización do galego (o idioma propio do país), ao querer desmontar iniciativas que tiveron éxito, como as galescolas, ou outras que en beneficio da sociedade tocaron os intereses de poderosos grupos económicos, como o concurso eólico. Son moitos frontes a un tempo, onde terá que cumprir promesas a súa base eleitoral e enfrontar o descontento social en aumento.

Neste contexto non é doado que recunquen os conservadores no governo, máxime cando as diferenzas de votos foron moi cativas; a menos que a oposi ción, socialdemócratas e nacionalistas, fagan unha leitura incorrecta dos resultados e non entendan o escenario que está por diante, repetindo erros que contribuíron a esta derrota eleitoral. Desde os socialdemócratas as primeiras rectificacións, en palabras de Ricardo Varela, queren reforzar o carácter socialista e galeguista do partido, e manter unha teimosa oposición ao Governo da Xunta. Sen dúbida son pasos no bo camiño, se é que se cumpren despois na practica cotiá.

No nacionalismo frontista hai que estar pendentes da vindeira asembleia en maio. Aínda que, dado que o Consello Nacional desta organización rexeitou a proposta de facer un congreso ordinario (no que se trataran temas programáticos), e aberto a toda a militancia; adiando así o debate sobre a liña agora vixente. Tema no que Quintana, en carta aberta, argumentaba unha refundación. Nesta carta suxeríase ir detrás dos votantes, que seica xiraron á dereita, un fenómeno que considera non conxuntural xa que respondería ao modelo actual de sociedade (esquecendo a abstención), e propón o abandono da normalización lingüística en galego aceptando o bilingüismo. En fin, unha postura derrotista, mesmo hai quen diría que liquidacionista do nacionalismo frontista como organización transformadora.

De triunfar estas teses daríase unha perigosa viraxe, onde se confundirían o Bloque e os socialdemócratas e sectores conservadores, e mesmo nalgúns aspectos moi concretos podería ficar á dereita dos primeiros. Un cambio refundacional que restaría arroupe político ao sindicalismo nacionalista, e outras organizacións sociais, que xa manifestaron ían manter unha intensa oposición a moitas das medidas propostas polo PP; entre as cales, o secretario xeral da CIG, tamén salientaba a de pretender desmontar as acións vixentes pra normalización idiomática. Todo parece indicar que non será así, e que na Asembleia Extraordinaria do BNG a militancia (tan entregada e loitadora) elixirá unha equipa que intensificará o combate contra a crise desde a barricada das clases populares (e moi especialmente da clase traballadora), e que seguirá facendo da normalización lingüística, e da defensa da identidade e soberanía nacional, eixos centrais do proxecto estratéxico e do axer cotiá.

En resumo, estamos diante de mudanzas no panorama político galego. O importante é que non se mire pra o pasado só como un lastre, pra o que deixou detrás de si a globalización neoliberal, no social e político (mesmo no lingüístico e identitario), senón que se vexa o mundo que temos por diante, onde, xustiza social, soberanía, igualdade, ecoloxía, que foron sempre temas centrais, adquiren agora novo valor. E todos eles só teñen unha resposta axeitada desde unha esquerda nacionalista con vocación de representar á maioría social.

[Artigo tirado do xornal ‘La Región’, do 17 de marzo de 2009]

cig.prensa@galizacig.com