
A resposta a esta crise, polo tanto, non pode ser só económica ou financeira. As clases dominantes farán exactamente iso: utilizar un vasto arsenal de recursos públicos para socializar as perdas e reflotar os grandes oligopolios. Pechados na defensa dos seus intereses máis inmediatos carecen sequera da visión para concibir unha estratexia máis integral. No campo popular imponse unha meticulosa preparación para este novo período histórico marcado pola crise xeral capitalista.
Nas páxinas que seguen gustaríanos expoñer algunhas ideas verbo da actual crise capitalista, as súas probábeis “saídas” e o papel que nela podería desempeñar unha opción socialista. Dadas as restricións de tempo evitaremos innecesarios tecnicismos e trataremos de expor as cousas de forma simple, pero sen caer en simplismos.
1. Comecemos caracterizando esta crise pola negativa, dicindo o que esta crise non é. Isto é importante porque o bombardeo mediático ao que están sometidas as nosas sociedades presenta os economistas e outros publicistas do establishment falando dunha “crise financeira” ou “crise bancaria”. Pouco antes, nin sequera iso: dicíase que estabamos perante dunha crise das hipotecas “sub-prime”. Preténdese, deste xeito, minimizar a crise, subestimala, presentala ante os ollos da poboación como un incidente relativamente menor na marcha dos mercados e que para nada pon en cuestión a saúde e viabilidade do capitalismo como suposta “forma natural” de organización da vida económica. O paso do tempo encargouse de demoler todas estas falacias.
2. Que clase de crise, daquela? Aínda que estamos apenas transitando a súa primeira fase e mesmo cando esta “non tocou fondo” non sería temerario prognosticar que estamos perante unha crise xeral do sistema capitalista no seu conxunto, a primeira dunha magnitude comparábel á que estourou en 1929 e á chamada “Longa Depresión” de 1873-1896. Unha crise integral, civilizatoria, multidimensional, a duración, profundidade e alcances xeográficos da cal o tempo ha encargarse de demostrar que será de maior envergadura que as que a precederon.
3. A crise tórnase visíbel, inocultábel, polo estourido da burbulla creada ao redor das hipotecas “sub-prime” e logo transmítese, rapidamente, aos bancos e institucións financeiras de Wall Street, e finalmente esténdese a todos os sectores e á economía mundial. Pero a burbulla, e o seu estourido, é o síntoma; é como a febre que denuncia a presenza dunha perigosa infección. Non é tanto a enfermidade (aínda que se podería argumentar que a tendencia permanente no capitalismo a formar burbullas especulativas tamén é un signo de insalubridade) como a súa manifestación externa, que por momentos adquire contornos ridículos ou aberrantes. Exemplo: a compra que efectúa en marzo do 2008 o xigantesco banco JP Morgan do Banco de Investimentos Bear Stearns, o quinto en importancia en Wall Street, operación que se pecha pola irrisoria suma de 236 millóns de dólares. Unha semana máis tarde o prezo desa firma multiplicouse por cinco. Poucos meses despois, en setembro, e ante a pasividade das autoridades económicas, prodúcese a bancarrota de Lehman Brothers, un dos principais bancos de investimento de Estados Unidos. Merrill Lynch, o seu competidor nese ámbito, é vendido de urxencia ao Bank of America en 50.000 millóns de dólares.
4. Trátase, polo tanto, dunha crise que transcende ben o financeiro ou bancario e afecta á economía real en todos os seus departamentos. E ademais é unha crise que se propaga pola economía global e que reborda as fronteiras estadounidenses. Todos os esforzos para ocultala aos ollos do público resultaron en balde: era demasiado grande para iso.
5. As súas causas estruturais son ben coñecidas: é unha crise de superprodución e á vez de subconsumo, o mecanismo periódico de “purificación” de capitais típico do capitalismo. Non por casualidade estourou en EEUU, porque este país hai máis de trinta anos que vive artificialmente do aforro e do crédito externo, e estas dúas cousas non son infinitas nin inesgotábeis: as empresas endebedáronse por riba das súas posibilidades e lanzáronse a realizar arriscadas operacións especulativas; o Estado endebedouse irresponsábel e demagoxicamente para facer fronte non a unha senón a dúas guerras, non só sen aumentar os impostos senón que reducíndoos e, ademais, os particulares foron sistematicamente impulsados, vía a publicidade comercial, a endebedarse para soster nivel de consumo desorbitado, irracional e dilapidador. Era só cuestión de tempo para que esta espiral de endebedamento indefinido se detivese catastroficamente. E ese momento xa chegou.
6. Mais a estas causas estruturais hai que engadir outras que colaboraron no desenlace. A acelerada financeirización da economía, e o seu correlato, a irresistíbel tendencia cara á incursión en operacións especulativas cada vez máis arriscadas. O capital creu descubrir a “fonte de Xuvencia” na especulación financeira: o diñeiro xerando máis diñeiro prescindindo da valorización que lle achega a explotación da forza de traballo. Ademais, esta marabillosa descuberta tiña a fascinación da velocidade: fabulosas ganancias se poden acadar en cuestión de días, ou semanas ao máximo, grazas ás oportunidades que a informática ofrece de vencer toda restrición de tempo e espazo. Os mercados financeiros desregulados a escala planetaria incentivaron a adicción do capital a deixar de lado calquera escrúpulo ou calquera cálculo. Tal como lembraba Michel Collon recentemente tiña razón Karl Marx cando escribiu: "Ao capital arrepíalle a ausencia de beneficio. Cando sente un beneficio razoábel, enorgullécese. Ao 20%, entusiásmase. Ao 50% é temerario. Ao 100% arrasa todas as leis humanas e ao 300%, non se detén ante ningún crime."(1)
7. Outras circunstancias favoreceron o estourido da crise. Sen dúbida, as políticas neoliberais de desregulación e liberalización fixeron posíbel que os actores máis poderosos que se moven nos mercados, os grandes oligopolios transnacionais, impuxesen “a lei da selva”, tal como o expresou Fidel nunha das súas reflexións. Mercados descontrolados, ou controlados polas paixóns e os intereses dos oligopolios que o dominan, tiñan que terminar producindo unha catástrofe como a actual. Ten razón Samir Amin cando di que estamos en presenza dunha crise que non foi producida pola loita de clases senón pola prolongada acumulación das contradicións propias do capital.
8. Primeiro dato significativo da crise actual: unha enorme destrución de capitais a escala mundial, proceso salvaxe que os economistas convencionais adozaron e sublimaron, como o fixo Joseph Schumpeter, caracterizándoo como unha “destrución creadora” de forzas produtivas. En Wall Street esta “destrución creadora” fixo que a desvalorización das empresas que cotizan nesa bolsa chegase a case o 50 %; en Europa, as perdas superan levemente esa marca. Ergo: unha empresa que antes cotizaba en bolsa un capital de 100 millóns, agora ten 50 millóns! As consecuencias recesivas de tamaña destrución de capitais son doadas de identificar: caída da produción, desemprego, baixa dos prezos, dos salarios, do poder de compra. É dicir, o círculo vicioso da depresión económica. Vexamos o diagnóstico que realiza un observador sobre o panorama de Wall Street: “o sistema financeiro na súa totalidade está a piques de estourar. Xa temos máis de 500.000 millóns de dólares en perdas bancarias, e hai un billón máis que está por chegar. Máis dunha ducia de bancos están en bancarrota, e hai centos máis esperando correr a mesma sorte. A estas alturas máis dun billón de dólares foron transferidos desde a FED ao cartel bancario, pero un billón e medio máis será necesario para manter a liquidez dos bancos nos próximos anos”(2). Para Stathis, como para moitos outros, o que estamos vivindo é a fase inicial dunha longa depresión, e a palabra recesión, tan utilizada recentemente, non apreixa en todo o seu dramatismo o que o futuro depara para o capitalismo.
a. Un exemplo entre os moitos será suficiente para ilustrar esta cuestión: A acción ordinaria de Citigroup perdeu o 90 % do seu valor en 2008. A última semana de febreiro cotizaba en Wall Street a 1.95 dólares por acción! Un informe elaborado por unha consultora financeira da India sinala que dez anos atrás unha acción do Citigroup lle permitía a unha persoa ofrecer unha cea para a súa familia nun bo restaurante indio de Nova York. Nesa altura, o 19 de febreiro de 1999, a acción de Citigroup cotizaba a 54.19 dólares, dez anos máis tarde, o 1 de febreiro do 2009, esa mesma acción valía apenas 1.95 dólares (dun dólar depreciado!) e non alcanzaba sequera para pedir un prato de manises. Abundan exemplos deste tipo(3).
9. Este proceso de destrución de capitais non é neutro pois favorecerá os maiores e mellor organizados oligopolios, que desprazarán os seus rivais dos mercados. A “selección darwiniana dos máis aptos” despexará o camiño para novas fusións e alianzas empresariais, enviando os máis débiles á creba e aumentando a centralización e concentración dos capitais.
10. Segundo dato significativo: acelerado aumento do desemprego. Nun recente artigo Ignacio Ramonet achegou os grandes números sobre o tema. Nel informa de que a OIT estima que o número de desempregados no mundo (uns 190 millóns en 2008) podería incrementarse en 51 millóns máis ao longo de 2009. E lembra que os traballadores pobres (que gañan apenas dous euros diarios) serán 1.400 millóns, ou sexa, o 45% da poboación economicamente activa do planeta. Nesa mesma nota Ramonet afirma que en Estados Unidos a recesión xa destruíu 3,6 millóns de postos de traballo, a un ritmo nunca visto. A metade durante os últimos tres meses. O total de desempregados xa ascende a 11,6 millóns. E firmas xigantes como Microsoft, Boeing, Caterpilar, Kodak, Pfizer, Macy's, Starbucks, Home Depot, SprintNextel ou Ford Motor proxectan desprenderse de 250.000 asalariados en 2009. Na UE, o número de desempregados é de 17,5 millóns, 1,6 millóns máis que hai un ano. E para 2009, prevese a perda de 3,5 millóns de empregos. En 2010, a desocupación escalará ata o 10% da poboación activa. En América do Sur, tamén segundo a OIT, en 2009, rexistrarase un aumento de 2,4 millóns de desempregados. Aínda que os países do Mercosur (Arxentina, Brasil, Paraguai, Uruguai), así como Venezuela, Bolivia e Ecuador, poderían capear o temporal, varios Estados centroamericanos así como México e Perú, polos seus estreitos lazos coa economía estadounidense, serán fortemente golpeados pola crise(4).
11. Polo tanto, estamos ante unha crise que afecta a todos os sectores da economía: a banca, a industria, os seguros, a construción, a agricultura, a minería, etcétera, e que se espalla por todo o conxunto do sistema capitalista internacional. O “contaxio” produciuse de inmediato nos capitalismos desenvolvidos e logo pasou a espallarse rapidamente pola periferia. Canto máis vinculados coa dinámica dos capitalismos centrais estean estes países -por exemplo México ou outros pola súa condición de asinantes de TLCs con Estados Unidos- máis rápida será a propagación da crise e máis profundos e prexudiciais serán os seus efectos.
12. Mecanismos principais de transmisión da crise son os axustes nos plans de produción das grandes transnacionais, que dominan case sen contrapeso as economías latinoamericanas. Decisións que se toman nos centros mundiais e que afectan ás subsidiarias da periferia xerando despedimentos masivos, interrupcións nas cadeas de pagamentos, caída na demanda de insumos, etcétera. No artigo xa citado Ignacio Ramonet observa que “Grecia prohibiu aos seus bancos que socorran as sucursais noutros países balcánicos. EEUU decidiu apoiar ás Big Three (Chrysler, Ford, General Motors) de Detroit, pero só para que salven as súas plantas no país. Non axuda ás multinacionais estranxeiras (Toyota, Kia, Volkswagen, Volvo) instaladas no seu territorio. Francia e Suecia anunciaron que condicionarán as axudas ás súas industrias automotoras: só poderán beneficiarse os centros situados nos seus respectivos países. A ministra francesa de Economía, Christine Lagarde, declarou que o proteccionismo podía ser "un mal necesario en tempos de crises". O ministro español de Industria, Miguel Sebastián, insta a "consumir produtos españois"”. E Barack Obama, engadimos nós, promove o “buy American!”.
13. Outras fontes de propagación da crise, na periferia, son:
a. A caída nos prezos das commodities que exportan os países latinoamericanos e caribeños, coa súa secuelas recesivas e o aumento da desocupación.
b. Drástica diminución das remesas dos emigrantes latinoamericanos e caribeños residentes nos países desenvolvidos. Hai que lembrar que nalgúns casos as remesas son o ítem máis importante no ingreso internacional de divisas, por riba do obtido polas exportacións.
c. Retorno dos emigrantes, deprimindo aínda máis o mercado de traballo, aumentando o desemprego, reducindo os salarios e comprimindo o nivel de consumo.
14. Pero a crise actual amosa facetas máis preocupantes que as dúas grandes depresións do século dezanove e o século vinte:
a. En primeiro lugar porque a que estourou na segunda metade do ano pasado se conxuga cunha profunda crise do paradigma enerxético predominante baseado no uso irracional e predatorio do combustible fósil, un recurso finito e non renovábel, o que require imperativamente a súa substitución. A superposición desta crise coa crise xeral do capitalismo agrava as cousas ao tornar impostergábel o inicio dunha custosa e difícil transición cara a un paradigma enerxético alternativo baseado en fontes non fósiles e renovábeis. Tarefa enormemente custosa e en por si, en condicións normais, nada sinxela para realizar; moito menos agora, cando urxe facela baixo condicións tan desfavorábeis como as da crise dos nosos días(5).
b. En segundo lugar porque esta crise coincide coa crecente toma de conciencia dos catastróficos alcances do cambio climático. Enfrontar esta ameaza, que pon en xogo o destino mesmo de toda forma de vida no planeta terra, supón significativos axustes na estrutura económica que decretarán a obsolescencia dalgunhas xigantescas empresas e facilitarán o xurdimento de novas unidades produtivas. Noutras palabras: acelerarase e irá a máis a pugna inter-burguesa no seo das clases dominantes do sistema imperialista e as autoridades estatais terán que demostrar unha firmeza extraordinaria para lograr impor unha solución ao desafío ecolóxico.
c. Engádase ao anterior a crise alimentaria, agudizada pola pretensión do capitalismo de manter un irracional patrón de consumo que levou a reconverter terras aptas para a produción de alimentos en campos destinados á elaboración de agrocombustíbeis. O efecto desta política xa foi posto de manifesto nos grandes aumentos experimentados por algúns items básicos da cesta alimentaria de América Latina como o millo, provocando unha descontrolada alza de prezos da torta en México e outros países.
15. Pero a crise recentemente comeza: Obama recoñeceu que non tocamos fondo aínda, e que “se cadra os EEUU deban elixir un novo presidente...”. Un agudo comentarista desta crise, Michael Klare, escribiu hai uns días que “se o actual desastre económico se converte no que o presidente Obama denominou ‘década perdida’, o resultado podería consistir nunha paisaxe global cheo de convulsións motivadas pola economía”. (6)
16. Non deixa de ser sumamente significativo que fronte ao optimismo de varios gobernantes latinoamericanos que falan de que as súas economías están “blindadas” para resistir a pé firme a crise, o ocupante da Casa Branca pense que é moi posíbel que unha verdadeira desfeita económica se precipite sobre o corazón do imperio ocasionando a perda dunha década de crecemento.
a. Os antecedentes históricos avalan ese pesimismo: en 1929 a desocupación en EEUU chegou ao 25 %, ao tempo que caían os prezos agrícolas e das materias primas. Pero 10 anos despois, e malia as radicais políticas postas en marcha por Franklin D. Roosevelt (o New Deal), a desocupación seguía sendo moi elevada (17 %) e a economía non lograba saír da depresión. Só a Segunda Guerra Mundial puxo fin a esa etapa. E agora, por que habería de ser máis breve?
b. A depresión de 1873-1896, durou 23 anos! Os factores que a precipitaron foi o colapso da Bolsa de Valores de Viena, producido tamén por unha burbulla especulativa ligada ao prezo da terra en París e as grandes construcións que comezaron nesa cidade logo da derrota francesa na guerra Franco-Prusiana. As reparacións de guerra esixidas aos franceses e os grandes pagamentos que debían efectuar a favor de Alemaña contribuíron a crear as condicións da crise, así como a especulación de terras que se iniciou en Estados Unidos unha vez finalizada a Guerra Civil relacionada coa construción de grandes proxectos ferroviarios que orixinou outra burbulla que estourou en 1873.
c. Dados estes antecedentes, por que agora sairiamos da actual crise en cuestión de meses, como vaticinan algúns publicistas e “gurús” de Wall Street e os seus “repetidores” na periferia do sistema.
17. Non se vai saír desta crise cun par de reunións do G-20, ou do G-7. Tampouco apelando aos inmensos rescates dispostos polos gobernos dos capitalismos metropolitanos. Se unha proba hai da súa radical incapacidade para resolver a crise é a resposta das principais bolsas de valores do mundo logo de cada anuncio ou cada sanción dunha lei aprobatoria dun novo rescate: invariabelmente a resposta dos “mercados”, en realidade, dos oligopolios que os controlan ao seu antollo, é negativa, e as bolsas volven caer. Non é suficiente, din. Necesitamos máis e máis. Se fose preciso, socializar toda a riqueza producida polo planeta e destinala a preservar a integridade dos nosos intereses e a santidade do noso patrimonio.
a. Segundo testemuña George Soros “a economía real sufrirá os efectos secundarios, que agora están cobrando forza. A estas alturas, a reparación do sistema financeiro non impedirá unha recesión mundial grave. Posto que nestas circunstancias o consumidor estadounidense xa non pode servir de locomotora da economía mundial, o Goberno estadounidense debe estimular a demanda. Dado que nos enfrontamos aos retos ameazadores do arrequecemento do planeta e da dependencia enerxética, o próximo Goberno debería dirixir calquera plan de estímulo ao aforro enerxético, ao desenvolvemento de fontes de enerxía alternativas e á construción de infraestruturas ecolóxicas. Este estímulo podería converterse na nova locomotora da economía mundial”(7). Bonitas palabras, pero que graos de viabilidade ten unha proposta como esta, que ataca o consumismo norteamericano, ao poder dos grandes lobbies vinculados ás industrias do petróleo e automobilística, e que implica ampliar extraordinariamente as capacidades de intervención e xestión directa do estado?
18. Ábrese polo tanto un longo período de tirapuxas e negociacións para definir de que forma se vai saír da crise, quen van ser os beneficiados e quen han pagar os seus custos.
a. Cómpre lembrar que en 1929, o artellamento de Bretton Woods, o deseño da arquitectura económica e financeira internacional que resultou fundamental para a recuperación da posguerra, levou case un ano de arduas negociacións, que culminaron coa Conferencia que tivo lugar nesa cidade de New Hampshire entre o 1 e o 22 de xullo de 1944.
b. Que tales acordos, concibidos no marco da fase keynesiana do capitalismo, coincidiron coa estabilización dun novo modelo de hexemonía burguesa que, produto das consecuencias da guerra e a loita anti-fascista tiña como novo e inesperado pano de fondo o fortalecemento da gravitación dos sindicatos obreiros, os partidos de esquerda e as capacidades reguladoras e interventoras dos estados.
19. É razoábel esperar un desenlace similar á crise actual? Calquera prognóstico nunha situación tan volátil como esta é sumamente arriscado, pero de partida hai que ter en conta que existen varias significativas diferenzas entre os respectivos contextos globais da crise.
a. En primeiro lugar, xa non está a URSS, cuxa soa presenza e a ameaza da extensión cara a Occidente do seu exemplo inclinaba a balanza da negociación a favor da esquerda, sectores populares, sindicatos, etc. Se a burguesía europea se aveu a negociar e aceptar algunhas conquistas dos traballadores non foi só pola teimosía e a forza por estes demostradas ao longo de moitos anos de loita. Tamén xogou un papel moi importante a sombra que a URSS proxectaba sobre todas esas negociacións e eses compromisos.
b. Na actualidade China ocupa un papel incomparabelmente máis importante na economía mundial que o que no seu tempo tivo a URSS, pero sen unha importancia paralela reflectida na política mundial. A URSS, en troca, a pesar da súa debilidade económica era unha formidábel potencia militar e política. Grazas a iso era un “xogador” de primeira orde nos principais terreos da política mundial. China é unha potencia económica, pero con escasa presenza militar e política nos asuntos mundiais, aínda que está comezando un moi cauteloso e paulatino proceso de reafirmación dos seus intereses na política mundial.
c. A pesar destas excepcións China pode chegar a xogar un papel positivo para a estratexia de recomposición económica dos países da periferia. Golpeada tamén pola crise, Beijing está gradualmente reorientando as súas enormes enerxías nacionais cara ao mercado interno. Por múltiples razóns que sería imposíbel discutir aquí é un país que necesita que a súa economía creza ao 8 % anual, sexa como resposta aos estímulos dos mercados mundiais ou aos que se orixinen no seu inmenso -e só parcialmente explotado- mercado interno. De se confirmar esa viraxe é posíbel predicir que China seguirá necesitando moitos produtos orixinarios dos países do Terceiro Mundo, como níquel, cobre, aceiro, petróleo, soia e outras materias primas e alimentos.
d. Na Gran Depresión dos anos 30, en cambio, a URSS tiña unha moi débil inserción nos mercados mundiais. Pódese dicir que era practicamente autárquica e que, polo tanto, non podía xogar ningún rol significativo na crise, sobre todo en materia económica. Podía mobilizar, non sen dificultades, os partidos comunistas articulados na Terceira Internacional. Non era pouco, pero tampouco era suficiente. Hoxe coa China é distinto: poderá seguir xogando un papel moi importante e, do mesmo xeito que Rusia e India (aínda que estas en menor medida) mercaren no exterior as materias primas e alimentos que necesiten, a diferenza do que ocorría coa URSS nos tempos da Gran Depresión.
e. Nos anos 30 a “solución” da crise atopouse no proteccionismo e a guerra mundial. Hoxe, aínda que se quixer, o proteccionismo baterá con moitos atrancos debido á interpenetración dos grandes oligopolios nacionais nos distintos espazos do capitalismo mundial. A conformación dunha burguesía mundial, arraigada en xigantescas empresas que, a pesar da súa base nacional, operan nunha chea de países, fai que a opción proteccionista no mundo desenvolvido sexa de escasa efectividade no comercio Norte/Norte e as políticas tenderán -polo menos por agora e non sen tensións- a respectar aínda que sexa de mala gana os parámetros establecidos pola OMC. A carta proteccionista aparece como moito máis probábel cando se dea en aplicar, como seguramente se fará, en contra do Sur global. Baixo estas condicións, unha guerra mundial promovida por “burguesías nacionais” do mundo desenvolvido dispostas a loitar entre si pola supremacía nos mercados é practicamente imposíbel porque tales “burguesías” foron desprazadas polo ascenso e consolidación dunha “burguesía imperial” dona dun proxecto de dominación mundial, que periodicamente se reúne en Davos para coordinar estratexias e tácticas e para a cal a opción dun enfrontamento militar constituiría un fenomenal despropósito. Pero iso non quere dicir que esa “burguesía imperial” non apoie, como o fixo até o de agora coas aventuras militares de Estados Unidos en Iraq e Afganistán, a realización doutras operacións militares na periferia do sistema, necesarias para preservación da rendibilidade do complexo militar-industrial norteamericano e, indirectamente, para os grandes oligopolios dos demais países.
20. Derrubarase o capitalismo norteamericano?
A situación actual non é igual á dos anos trinta. Pero, máis aló diso, é ben lembrar unha frase de Lenin cando dicía que “o capitalismo non cae se non hai unha forza social que o faga caer”. E esa forza social hoxe non está presente nas sociedades do capitalismo metropolitano, incluído Estados Unidos. Nesa época había unha disputa pola hexemonía no seo do sistema imperialista mundial: Estados Unidos, o Reino Unido, Alemaña, Francia e Xapón dirimían no terreo militar a súa pugna pola hexemonía imperial.
21. Hoxe, a hexemonía e a dominación están claramente en mans de Estados Unidos.
a. É o único garante do sistema capitalista a escala mundial. Se Estados Unidos caese desencadearía un efecto dominó que provocaría o derrubamento de case todos os capitalismos metropolitanos, por non falarmos da periferia do sistema. Por iso, no caso de que Washington se vexa ameazado por unha insurxencia popular todos acudirán a socorrelo, porque é o sostén último do sistema e o único que, en caso de necesidade, pode socorrer os demais.
b. Estados Unidos é un actor irremprazábel e centro indiscutido do sistema imperialista mundial: só el dispón de máis de 700 misións, enclaves e bases militares nuns 120 países que constitúen a reserva final do sistema. Se as demais opcións fracasan, a forza aparecerá con todo o seu esplendor. E só EEUU pode despregar as súas tropas e o seu arsenal de guerra para manter a orde a escala planetaria. É, como dixo Samuel Huntington, “o sheriff solitario”. E non hai outro.
c. Por outra banda, hai que recordar que este “apontoamento” do centro imperialista conta coa invalorábel colaboración dos demais socios imperiais, ou cos seus competidores na área económica e mesmo coa maioría dos países do Terceiro Mundo, que acumulan os seus reservas en dólares estadounidenses. Agora ben: nin China, Xapón, Corea ou Rusia, para falar dos maiores posuidores de dólares do planeta, poden liquidar o seu stock nesa moeda porque sería unha movida suicida. Pero esta tamén é unha consideración que debe ser tomada con moita cautela e dependerá do curso dos acontecementos.
d. A conduta dos mercados e dos aforristas de todo o mundo fortalece a posición norteamericana: a crise vai a máis, os rescates demostran ser insuficientes, o Dow Jones de Wall Street cae por baixo da barreira psicolóxica dos 7.000 puntos -descendendo por baixo da marca obtida en 1997!- e a pesar diso a xente busca refuxio no dólar, caendo as cotizacións do euro e o ouro!
21. Fidel, en “A Lei da Selva”, dicía que “A crise actual e as medidas brutais do goberno de EEUU para salvarse traerán máis inflación, máis depreciación das moedas nacionais, máis perdas dolorosas dos mercados, menores prezos para as mercadorías de exportación, máis intercambio desigual. Pero traerán tamén aos pobos máis coñecemento da verdade, máis conciencia, máis rebeldía e máis revolucións”(8).
a. Diagnóstico este que, en liñas xerais, expón tamén un autor de tan irreprochábeis credenciais conservadoras como Zbigniev Brzezinski. Cando nunha recente entrevista na radio lle preguntaron se pensaba que podería haber conflito de clases en Estados Unidos, respondeu que estaba “preocupado porque imos ter millóns e millóns de desocupados, moita xente pasándoo realmente moi mal. E esa situación estará presente durante un tempo antes de que as cousas eventualmente melloren. Ao mesmo tempo hai unha conciencia pública da riqueza extraordinaria que se transferiu aos petos duns poucos individuos, en niveis sen precedentes históricos en Estados Unidos. E eu pregúntome: que pode pasar nesta sociedade cando toda esa xente quede sen traballo, coas súas familias danadas, cando perdan as súas casas...? Se o Congreso non actúa haberá un conflito cada vez maior entre as clases, e se a xente está desocupada e realmente golpeada, ata poderiamos chegar a ter gravísimos tumultos sociais!”(9).
22. Que alternativas para os pobos?
a. Estamos perante dunha crise que é moito máis que unha crise económica, ou financeira. Trátase dunha crise integral dun modelo civilizatorio que é insostíbel economicamente, polos estragos que está causando; politicamente, porque require apelar cada vez máis á violencia en contra dos pobos; insustentábel tamén ecoloxicamente, dada a destrución, nalgúns casos irreversíbel, do medio ambiente; e insostíbel socialmente, porque degrada a condición humana deica límites inimaxinábeis e destrúe a trama mesma da vida social.
b. A resposta a esta crise, polo tanto, non pode ser só económica ou financeira. As clases dominantes farán exactamente iso: utilizar un vasto arsenal de recursos públicos para socializar as perdas e reflotar os grandes oligopolios. Pechados na defensa dos seus intereses máis inmediatos carecen sequera da visión para concibir unha estratexia máis integral.
c. No campo popular imponse unha meticulosa preparación para este novo período histórico marcado pola crise xeral capitalista. Isto ofrecerá novas oportunidades de loita e abre a posibilidade, nalgúns países, de conquistar senón un triunfo revolucionario polo menos un avance revolucionario que mellore substancialmente a situación dos traballadores na sociedade capitalista.
d. Pero tamén hai que ser consciente de que esta situación ben podería reverter e dar lugar a unha esmagadora derrota do campo popular. Sería inxenuo pensar que porque o capitalismo está en crise a súa sorte está botada. Unha recomposición reaccionaria da orde burguesa tamén figura entre as posibilidades que alberga a actual conxuntura.
e. Até o de agora as tensións e sufrimentos provocados pola crise traducíronse, no mundo desenvolvido, nunha acelerada escalada de xenofobia e racismo. Pero o malestar social tamén se cobrou outras vítimas. No xa mencionado traballo Ignacio Ramonet sostén que “as turbulencias xa causaron a caída dos Gobernos de Bélxica, Islandia e Letonia. Rexistráronse manifestacións en Francia, cunha folga nacional o 29 de xaneiro e enfrontamentos violentos en Guadalupe. Os países máis vulnerábeis da UE: Hungría, Bulgaria, Grecia, Letonia, Lituania... tamén rexistraron protestas e disturbios máis ou menos violentos”(10). Na mesma liña de preocupación atópase a análise, tamén xa referida, de Michael Klare, quen sinala que xa se sucederon “episodios de violencia en Atenas, Longnan (China), Porto Príncipe (Haití), Riga (Letonia), Santa Cruz (Bolivia), Sofía (Bulgaria), Vilnius (Lituania), e Vladivostok (Rusia) mentres que en Reikiavik, París, Roma e Zaragoza a Moscova e Dublín foron testemuñas de importantes protestas provocadas polo crecente desemprego e os salarios en descenso”(11).
f. En América Latina o impacto da crise é inocultábel. Dada a elevada estranxeirización das nosas economías e o papel crucial en que elas desempeñan os grandes oligopolios transnacionais, as políticas de axustes e redución de custos que promovan as súas casas matrices son aplicadas ao pé da letra nos nosos países. Se na gran crise anterior, a dos anos trinta, a absorción dos seus impactos máis negativos foi posíbel polo inicio dun proceso de industrialización substitutiva esa perspectiva hoxe atópase esgotada ou, no mellor dos casos, ten moi baixas probabilidades de éxito.
g. Daquela, que facer? En primeiro lugar, lembrar e aplicar os clásicos axiomas do leninismo que recomendan, en conxunturas como estas, intensificar os esforzos en materia de organización e conscienciación do campo popular. As vítimas desta situación abranguen un amplo espectro dentro do universo das clases explotadas e dominadas, e son precisamente estas formacións sociais as que foron atomizadas, desorganizadas, fragmentadas polas políticas neoliberais dos últimos trinta anos. A reconstitución social, política e ideolóxica do campo popular é, polo tanto, un imperativo impostergábel da hora actual. En relación ao ideolóxico para convencer á sociedade de que non hai solución dentro do capitalismo para a crise actual, só paliativos. A solución de fondo só a pode ofrecer unha alternativa socialista(12). E insistir no que dicía o revolucionario ruso: “a única arma con que conta o proletariado é a súa organización”. Polo tanto, será preciso deixar de lado os cantos de serea de autores como Michael Hardt e Antonio Negri (e os seus epígonos en América Latina) coa súa romántica exaltación da multitude e a súa espontaneísmo -que rexeita toda forma de organización, xerarquía, educación política, pensamento estratéxico e táctico- ingredientes seguros dunha nova e máis catastrófica derrota do campo popular. Non será invocando á inconmensurabilidade dos corpos e a súa única e irrepetíbel individualidade como se poderá derrotar un imperio en decadencia e acosado por unha fenomenal crise en todas as ordes da vida(13).
h. Mentres que a “burguesía imperial” perfeccionou as súas estruturas de hexemonía e dominación, os seus dispositivos de formación de (falsas) conciencias e de disciplinamento coercitivo criminalizando a protesta social e militarizando as relacións internacionais, os sectores que constitúen o moderno proletariado debátense nunha profunda desorganización, da cal poden xurdir actos illados de resistencia anti-imperialista pero moi dificilmente propostas efectivas de superación do estado de cousas actual.
i. Trátase, polo tanto, de coordinar e articular as loitas de distintos grupos e sectores sociais, cada un dos cales se recoñece en tradicións políticas e ideolóxicas e formas de organización que lle son propias. Haberá tamén que superar un falso maniqueísmo que enfronta a partidos con movementos sociais e organizacións populares: a función de integración do vasto e complexo abano de demandas populares que realizan os partidos -ese “príncipe colectivo” ao que se refería Gramsci- constitúe unha achega indispensábel para encarar unha exitosa loita anti-capitalista. Á súa vez, a enorme capacidade dos movementos para recoller e articular as reivindicacións puntuais e específicas dos distintos fragmentos do campo popular é un caudal irreemprazábel para calquera partido interesado en superar a orde social vixente.
l. En termos de políticas concretas imponse facer consciente á poboación de que a única loita que pode ofrecer un resultado positivo é a que se expoña unha oposición frontal ao capitalismo. O neoliberalismo xa se bateu en retirada, e a crítica debe entón dirixirse non a unha das políticas ou fases do capitalismo, a neoliberal, senón á estrutura fundamental da sociedade burguesa, calquera sexan as formas políticas ou económicas que transitoriamente asuma.
m. En liña co anterior, unha postura netamente anti-capitalista debe pugnar para que na crise actual non se produzan despedimentos de traballadores, para o que deberán fortalecerse as súas organizacións sindicais e populares; afondar nos mecanismos de participación democrática, superando as insalvábeis restricións impostas polo modelo liberal e apelando a consultas populares ou referendos para resolver as grandes cuestións nacionais; pular por recuperar o control dos recursos básicos das nosas sociedades; por reverter as privatizacións e as desregulacións postas en práctica polo neoliberalismo; por levar a cabo unha profunda reforma tributaria que poña fin á súa escandalosa regresividade; por resolver a favor do campo popular os desafíos expostos pola crise alimentaria e da auga, mediante unha profunda reforma agraria concibida en función das necesidades da época actual; por fortalecer os mecanismos de integración supra-nacional, esquemas como o ALBA e as súas institucións e proxectos (como Petrosur, Telesur, Banco do Sur, Petrocaribe e tantos outros) que permitan constituír un núcleo de resistencia ante as tentativas das clases dominantes do imperio de descargar o custo da crise nos nosos pobos. En suma: hai políticas concretas que son factíbeis e agárdase que sexan efectivas para librar con éxito a gran batalla que nos espera(14).
________________________________________________________________________
Notas:
(1) Michel Collon, “10 preguntas sobre la crisis”, 6 de outubro de 2008, en http://www.vtv.gob.ve/detalle.php?op=1&id=77
(2) Mike Stathis, “America’s financial apocalypse heralds decade long depression”, en http://www.marketoracle.co.uk/Article6256.html
(3) Cf, “Who would have thought things would come to such a pass?”, en SearchIndia.com, http://indiablogs.searchindia.com/2009/02/21/1-citigroup-share-12-garlic...
(4) Cf. Ignacio Ramonet, “La explosión del desempleo”, Rebelión, 3 de Marzo de 2008.
(5) En datas recentes Jeffrey Sachs expuxo que “a ideoloxía do mercado libre é un anacronismo nunha era de cambio climático, tensión hídrico, escaseza de alimentos e inseguridade enerxética” e proponlle ao presidente Obama a necesidade dun enfoque innovador para saír da crise. É de salientar o proceso de reconversión do pensamento de Sachs, un home que deseñou e aplicou as tristemente célebres “terapias de choque” en Bolivia en 1985 e logo en Polonia e a Rusia de Boris Yeltsin. Lamentabelmente queda a metade de camiño porque segue crendo na posibilidade dunha solución capitalista para este tipo de crise que hoxe nos atafega. Ningún sistema que teña como forza motriz o afán de lucro ou o imperativo da ganancia pode resolver este desafío. De aí a necesidade de construír unha alternativa socialista. Cf. “Está naciendo un nuevo modelo de capitalismo”, en Clarín (Bos Aires), 14 de febreiro de 2009. Versión electrónica en http://www.clarin.com/diario/2009/02/14/opinion/o-01858675.htm
(6) Ver, “Un planeta en el alero: ¿podrán contenerse los virulentos brotes epidémicos de la economía?”, en Rebelión, 4 de marzo de 2009. Orixinalmente publicado en Asia Times, o 26 de febreiro deste ano: http://www.atimes.com/atimes/Global_Economy/KB26Dj02.html
(7) George Soros, entrevista de Nathan Gardels: "Reparar el sistema financiero no impedirá la recesión", El País, Madrid, 19 de outubro de 2008.
(8) “La ley de la selva”, en Granma Digital Internacional, A Habana, 13 de outubro de 2008 http://www.granma.cu/espanol/2008/octubre/lun13/laley.html
(9) Entrevista radiofónica Zbigniev Brzezinski, en http://finkelblog.com/index.php/2009/02/17/brzezinski-hell-there-could-b...
(10) Cf. Ignacio Ramonet, “La explosión del desempleo”, op. cit.
(11) Cf. Michael Klare, “Un planeta en el alero”, op. cit.
(12) Cf. Nuestro Socialismo Siglo XXI (Bos Aires: Ediciones Luxemburg, 2007, de próxima publicación en Cuba) para unha discusión sobre as principais características que debe reunir un proxecto de construción socialista acaído ás condicións vixentes na época actual.
(13) Non está de máis lembrar que un imperio en decadencia, como un réxime político atravesando a mesma situación, adoita ser máis agresivo e mortífero nas súas respostas que outro cuxas bases de sustentación están o suficientemente aseguradas. Isto demóstrao moi ben Michael Klare, “Beware empires in decline”, en Asia Times, 19 outubro 2006, http://www.atimes.com/atimes/Middle_East/HJ19Ak01.html, analizando a conduta do decadente imperialismo inglés e francés logo da Segunda Guerra Mundial, e o seu último intento de reconstrución da súa hexemonía imperial na aventura da Canal de Suez en 1956.
(14) Sobre isto, alén do noso xa citado Socialismo Siglo XXI, ver Samir Amin, “¿Debacle financiera, crisis sistémica? Respuestas ilusorias y respuestas necesarias, en Redes Cristianas, 30 novembro 2008, http://www.redescristianas.net/2008/11/30/%C2%BFdebacle-financiera-crisi... ; Eric Toussaint, “De las resistencias a las alternativas”, en www.catdm.be, 21 de febreiro de 2008, e o relatorio de Osvaldo Martínez ao XI Encontro da ANEC: “La crisis, una vez más”(A Habana, Cuba, Marzo de 2009).
________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web ‘América Latina en Movimiento’, do 10 de marzo de 2009]