
Historiador, nado en Bos Aires en 1928, doutor en Ciencias Políticas pola
Universidade de París, é columnista do xornal mexicano La Jornada e foi profesor
da Universidade Nacional Autónoma de México e da Universidade Autónoma Metropolitana,
unidade Xochimilco. Entre outras obras publicou: Polonia: obreros, burócratas, socialismo
(1981), Ética y Rebelión (1998), El Istmo de Tehuantepec en el Plan Puebla
Panamá (2004), La protesta social en la Argentina (1990-2004) (Ediciones
Continente, 2004) y Zapatistas-Un mundo en construcción (2006).
Grecia endebedouse terribelmente cos gobernos conservadores aos que a gran empresa financeira Goldman Sachs, unha das principais responsábeis da crise financeira mundial actual, prestou diñeiro con usura (garantindo os seus empréstitos ilegais, entre outras cousas, cos ingresos aduaneiros ou da lotería gregos) e agora a crise pásalle a factura da festa ao goberno socialdemócrata de Georgios Papandreou.
Grecia resiste con folgas xerais nacionais e con combativas manifestacións populares os terríbeis axustes económicos que intenta aplicarlle o capital financeiro internacional. En efecto, son brutais -un verdadeiro remedio de cabalo- as medidas drásticas destinadas a reducir a débeda (que supera en 113 por cento o produto interior bruto) e o déficit público (de 12.7 por cento do PIB) para facer que a economía helena cadre cos parámetros de Maastricht, ou sexa, que o déficit público non vaia máis aló do 3 por cento anual (cousa que nin Francia nin Alemaña cumpren).
A conxelación dos salarios, a redución de 10 por cento nas pensións e xubilacións e nos ingresos dos empregados públicos -o Estado é, de lonxe, o principal empregador do país-, a prolongación de 65 a 67 anos da idade para se xubilar (nun país onde a expectativa de vida dos homes apenas supera os 75 anos), o aumento de tres puntos no IVE, a parálise das obras públicas e a redución das achegas estatais para a sanidade, a educación e os servizos en xeral, son medidas que equivalen a unha expropiación nidia dos seus asalariados (que constitúen un terzo da poboación) e dos pequenos campesiños minifundistas, con terras áridas e pouco produtivas, e os traballadores por conta propia dos servizos que, cos rurais, representan tres cuartas partes da poboación economicamente activa de Grecia.
Esta, en efecto, se se exceptúa a industria de construción naval, vive do turismo e da pequena produción semiartesanal, e a súa agricultura e a súa pesca están orientadas a satisfacer o mercado interno dun país que só ten a metade da poboación do Distrito Federal mexicano.
Grecia endebedouse terribelmente cos gobernos conservadores aos que a gran empresa financeira Goldman Sachs, unha das principais responsábeis da crise financeira mundial actual, prestou diñeiro con usura (garantindo os seus empréstitos ilegais, entre outras cousas, cos ingresos aduaneiros ou da lotería gregos) e agora a crise pásalle a factura da festa ao goberno socialdemócrata de Georgios Papandreou (que, por suposto, non vacila cando hai que optar entre a defensa do capital e a dos traballadores e actúa como verdugo dos bancos). Hai que lembrar que Atenas tivo que comprar gran cantidade de armas a Alemaña e a Francia para se defender de Turquía, pero as finanzas europeas, como todos os banqueiros, non teñen memoria para agradecer os bos negocios senón só para cobrar ata o último peso que se lles debe.
Porén, Italia ten unha débeda pública superior e España ten seis puntos máis de desocupación que a malpocada Grecia, pero a Unión Europea non lles lanza ultimato nin as pon en liberdade vixiada, como fai con Atenas. É que detrás do ataque contra Grecia súmase a ofensiva do capital especulativo estadounidense e inglés para pór en serias dificultades o euro e á propia UE, máis o desexo da gran banca franco-alemá de pór un exemplo con Grecia antes de que a crise sexa aínda máis grave en países máis grandes, como Italia ou España, ou se estenda aos países-esmoleiros de Europa oriental recentemente incorporados á UE, máis a vontade dos conservadores gobernos alemán e francés de golpear os socialdemócratas gregos (e, indirectamente, os españois e portugueses) e de pór no seu lugar os países meridionais segundoxénitos que, pola súa siglas en inglés, chaman PIGS (Portugal, Italia, Grecia e Spain, ou sexa, España), é dicir, porcos.
O que pasa en Grecia, en resumo, forma parte dun plan angloestadounidense contra o euro e contra a Unión Europea, e dun intento do gran capital europeo por inclinar aínda máis ao seu favor a relación de forzas entre traballo e capital, aproveitando a reducida industrialización do país desde que a súa incipiente industria fose devastada pola ocupación nazi-fascista de Mussolini-Hitler e pola guerra civil posterior para se sacar de enriba a ocupación inglesa e a monarquía profascista.
Mais o capital non contou coa politización e as tradicións do pobo grego, que é o pobo de Poliopoulos, o líder comunista partidario de Trotski fusilado polos fascistas, e o seu arqueomarxismo, maioritario entre o proletariado grego de antes da guerra, o pobo tamén dos kapetanios que durante a guerra civil dirixiron a insurrección contra os ingleses e a política estalinista de alianza con estes e que segue sendo un pobo de esquerda e antimperialista.
Hoxe os traballadores gregos érguense ao berro: Que a crise a paguen os plutócratas!, mobilízanse e recorren á acción directa e á autorganización, pasando sobre o goberno de Papandreu. O pobo grego resiste formando unha fronte única contra as resolucións e as institucións estatais e contra a UE (que é unha alianza dos capitais europeos que despreza a historia, a cultura, a sociedade) e a escasa enerxía da policía e as vacilacións nas forzas armadas indican que os traballadores inflúen, coa súa acción anticapitalista e antimperialista, nas forzas nacionalistas presentes tamén nas clases medias gregas.
As loitas aínda non pasan do nivel da oposición resolta ao das propostas de solucións anticapitalistas alternativas. Pero esta necesidade paira xa no ambiente e saca a luz os anteriores exemplos históricos nacionais. Por iso, moi probabelmente a Unión Europea non poderá sacar de Atenas a súa libra de carne cal novo Shylock, e terá que buscar aliviar a crise para evitar que de Grecia, ese pequeno país case latinoamericano instalado no soto de Europa, deveña un exemplo para Italia, España e o mundo, e que se faga realidade iso de que a crise a paguen os plutócratas, non as súas vítimas.
[Artigo tirado do xornal mexicano ‘La Jornada’, do 14 de marzo de 2010]