Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
17/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Libia: un negocio de guerra redondo

En febreiro de 2011, EEUU, Francia e Gran Bretaña aproveitaron o estourido das protestas cidadás contra o réxime despótico de Muamar Gadafi para levar acabo o seu plan de se apoderar de Libia. Meses antes, iniciaran as operacións encubertas, armando a unha oposición composta por desertores do réxime e mercenarios de Al Qaeda. Unha oportunidade de pór a proba o novo “concepto estratéxico” da OTAN adoptado no cumio de Lisboa que converteu á Alianza nunha policía global autónoma.

 A guerra de rapina, baixo a cobertura moral de “protexer ao pobo”, contou coa complicidade dos medios de comunicación que acusaron a Gadafi de cometer un xenocidio que nunca se probou. A OTAN abusou da resolución 1973 da ONU sobre a exclusión aérea de Libia para terminar coa vida do que era líder do país. Desa forma mostrábase que o mundo non é multipolar e que os BRICS non poden deter a EEUU. “Vini vidi vinci”. Hillary Clinton confesou a súa participación no crime de guerra dous días despois de saír de Libia. Gadafi debía levar á tumba os seus pactos secretos cos defensores dos dereitos humanos, como, por exemplo, cando en 2007 investiu 65 millóns de dólares na campaña electoral de Sarkozy.

 Aquela guerra, vendida como unha liberación modélica do pobo libio, deixou uns 70.000 mortos, moitos sepultados baixo as 40.000 bombas lanzadas pola OTAN, que, de paso, destruíu a infraestrutura do país, para despois reconstruíla co diñeiro das vítimas.

 A seguir, algúns motivos reais da guerra:

- A caída de Mubarak e Bin Alí xerou na OTAN o temor de perder a influencia na estratéxica Libia, que ademais é a principal reserva de petróleo de África. Ese “tesouro libio” polo que Francia e Italia pelexaban, é de alta calidade, doado acceso e está preto dos mercados europeos. Sarkozy, malia a crise económica, gastou 200 millóns de euros nesta guerra, fixo de Napoleón e lanzouse á batalla apoiando aos opositores do Consello Nacional de Transición libio a cambio de recibir o 35% do petróleo. Ademais, soñaba coa segunda reserva mundial de auga doce (a primeira é o lago Baikal en Siberia) que está situada baixo a superficie libia. As empresas francesas controlan o 40% do mercado da auga.

- EEUU e os seus socios europeos non podían admitir que Gadafi impulsase un Fondo Monetario e unha moeda africanos, prexudicando o dólar e o euro, sumidos nunha fonda crise. É máis, os bancos arruinados occidentais fixéronse con 150.000 millóns de dólares e 144 toneladas de ouro libios.

- Expulsar a China de Libia, de África. Unhas 70 empresas chinesas traballaban no sector da construción de pontes, infraestruturas de transporte e gasodutos. O actual goberno suspendeu os seus contratos, abrindo o seu mercado ás empresas de construción europea como Alcatel-Lucent ou Total.

- Establecer o dominio absoluto sobre o levante Mediterráneo (só falta Siria).

Dese xeito, a Alianza Atlántica estreouse en Africa. Libia deixou de ser o único país no norte do continente non subordinado a EEUU. O Pentágono xa o integrou no AFRICOM -sucursal da OTAN-, a pesar da protesta de Alxeria. Desde alí, poderá observar e canalizar os cambios políticos que se producen na rexión e infundir medo nos cidadáns que piden democracia para que vexan que a guerra é peor que unha ditadura.

 Conseguido o petróleo libio (e iraquí), Washington non só poderá regular a cantidade e o prezo deste no mercado, senón impor a súa vontade a Irán -outro país petrolífero na lista de ser asaltado-. Obama conseguiu que Europa embargue o fuel iraniano agora que logra substituílo polo combustíbel libio e iraquí.

 Libia pode ser somalizada: o país, desde que o réxime centralista, tirano, próspero e semi socialista de Siad Bare foi derrocado en 1991 polos clans armados, desintégrase sumido no caos. Xa é un estado frustrado onde os “señores da guerra” provocaron unha crise humanitaria descomunal. En Libia, até fai un ano, non había fame, o 80 por cento da poboación estaba alfabetizada e tiña acceso a auga potábel e á sanidade. A esperanza de vida era de 79 anos e a muller tiña máis dereitos que no resto de Africa.

 O despotismo laico paternalista de Gadafi foi substituído polo totalitarismo e fanatismo relixioso apoiado polos demócratas sauditas. Libia é o quinto país musulmán -despois de Iraq, Afganistán, Iemen e Paquistán- agredido por EEUU e os seus aliados. Na lista tamén están Siria e Irán.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Público’, do 8 de xullo de 2012]

cig.prensa@galizacig.com