As políticas que se veñen aplicando nos últimos anos que supuxeron unha deterioración continua dos salarios e das condicións de vida das clases traballadoras e de menor ingreso foron posíbeis pola extraordinaria acumulación de poder en mans dos grandes grupos económicos e financeiros.
Pero ese poder non se refire soamente á súa potencia económica ou á súa cada vez maior capacidade para influír nas decisións políticas. Isto, que é decisivo, púidose conseguir grazas tamén ao seu impresionante dominio das fontes do consenso social, dos sistema de mediación que moldean as mentes, os hábitos, as crenzas e os prexuízos da xente. Non se pode explicar o que está ocorrendo no capitalismo neoliberal da nosa época sen entender que o neoliberalismo é, se cadra principalmente, unha formidable máquina de crear convencemento e lexitimación mediante un control exhaustivo dos medios e dos procesos de información e adoutrinamento.
Claras manifestacións desa estratexia civilizatoria son a constante perda de contido dos conceptos relativos á realidade social que se utilizan para construír os discursos sociais ou a omnipresente insistencia en que non hai alternativa ningunha ao que se realiza desde os gobernos.
E non cabe dúbida de que se trata dunha estratexia orientada á submisión e desmobilización que ten éxito. Abonda con ver a pasividade (por máis que haxa intentos de rompela) con que se fai fronte ás agresións constantes que se levaron a cabo e aínda máis nos últimos tempos, cando os gobernos tomaron, sen apenas oposición, medidas dunha contundencia se cadra sen precedentes baseadas en discursos cargados de mentiras só para salvar a pel dos responsábeis da crise a custo do resto da sociedade. Ás veces, como ocorreu con ocasión do vergoñento indulto ao conselleiro delegado do Banco de Santander, sen nin sequera disimular a efectiva complicidade que se produce entre os poderes financeiros e aqueles que hai tempo veñen actuando como os seus empregados e non como verdadeiros servidores públicos.
Como parte desa estratexia se difundiu tamén masivamente nos últimos tempos a idea de que "os mercados" son os que impoñen de xeito inexorábel as condicións ás que ten que se dobregar a política económica e que fronte a eles só cabe o respecto, pois calquera outra acción non daría senón en problemas imprevisíbeis.
Para que a expresión sexa críbel fálase dos mercados coma se fosen un ente abstracto capaz de establecer e impor a súa lóxica de conformidade con leis máis ou menos naturais que só os técnicos poden chegar a comprender pero que, en calquera caso, nunca debemos tratar de alterar, baixo pena de sufrir as máis terríbeis desfeitas.
Por iso se fala dos mercados de forma tan impersoal, sen mencionar que pode ser o que haxa no seu seo ou o que en realidade determina ou condiciona as súas decisións. Aínda que ás veces, dáselles vida e vontade afirmando que "os mercados reclaman", "os mercados rexeitan"... Mesmo cheguei a ler que os mercados "senten" ou están máis ou menos "confortados" ("A zona euro debe entregar algo que acougue os mercados e polo momento os mercados senten que non se lles deu algo que os conforte")... coma se un mercado fose un ente de carne e óso que se laia ou se aleda como unha persoa calquera.
O curioso é que hai algo de verdade no que se afirma ao referirse dese xeito aos mercados. É certo que no seu seo hai respostas, preferencias, imposicións, queixumes, esixencias, ordes, normas... que se queren impor á sociedade no seu conxunto pero a fraude consiste en presentalas coma se fosen propias de entes impersoais e non das persoas de carne e óso que en realidade os dominan.
Os mercados son realmente como os bonecos que parece que falan pero que só moven a boca grazas aos dedos do ventrílocuo de quen saen as palabras e sons cos que engana ao seu público.
Nin eses bonecos teñen por si sós nada que dicir nin os mercados por si mesmos teñen preferencias nin poden reclamar outra cousa que non sexa o que prefiran ou reclamen os suxeitos que nas relacións de intercambio que levan a cabo no seu seo gocen de maior poder de apropiación; é dicir, de maior capacidade para impor os termos e regras que dominen o intercambio e o ecosistema social no que leva a cabo.
O engano empeza tratándonos de presentar "os mercados" como un mecanismo perfecto e capaz de producir solucións satisfactorias para todos cando sabemos perfectamente que iso é imposíbel. Nin sequera podería proporcionalas o que a teoría económica presenta como a fonte da asignación de recursos óptima, o mercado de competencia perfecta, porque esa asignación óptima é compatíbel con calquera tipo de resultado distributivo e é evidente que non todas as persoas estarían dispostas a aceptar como bo calquera deles.
Difúndese tamén a idea de que grazas aos mercados é posíbel resolver os problemas do intercambio sen intervención nin inxerencias indesexábeis porque non precisan da man odiosa dos políticos, dos burócratas ou de ninguén que determine que se debe ou non facer para que funcionen correctamente. Outra falsidade pois a realidade é que mesmo o mercado máis primitivo e elemental (pensemos sen ir máis lonxe no que informalmente xeran os nenos no patio do colexio cando intercambian cromos) debe estar regulado por algún tipo de norma ou dereito que fixe o que se pode e o que non se pode facer no intercambio (e senón, lembremos o que nos podía acontecer á saída da escola se nos atreviamos a incumprir coa promesa de entrega do cromo).
Todos os mercados necesitan regras e normas, e funcionan ou reclaman ou senten, por utilizar os termos ao uso, dun ou outro xeito en función do que os grupos con poder para iso estableceron nas normas que os regulan.
Para poder disimular todo isto o que se fai é ocultar a presenza desas persoas comúns e correntes ou dos grupos que dispón deses poderes de apropiación, da capacidade de establecer o que se fai ou non nos mercados. Sen mencionalos, ocultando que non existen en realidade "os mercados" como fontes de preferencias e decisións senón persoas ou grupos que as impoñen, é como se pode garantir o sometemento.
Outra cousa sería se se lle explicase á xente que cando se fala, por exemplo, dos "mercados" farmacéuticos estamos falando dun ámbito onde 10 compañías controlan case o 55% de todas as súas actividades; que seis grandes compañías controlan a industria discográfica mundial; que dez 10 empresas controlan o 80% do mercado global de pesticidas: outras dez o 80% do comercio mundial dos alimentos e a totalidade do mercado internacional de petróleo ou o 80% do mercado global de pesticidas. Ou que algúns mercados están mesmo máis concentrados en poucas mans que os anteriores. Que catro compañías controlan o 70 por cento do comercio mundial de comida. Que no Estado español, sete empresas controlan tres de cada catro alimentos que compramos, cinco controlan unha de cada dúas e unha empresa (Carrefour) controla un de cada catro alimentos que compramos (http://www.exporetail.com/espanol/pdf/estudo.pdf). Catro empresas controlan o mercado español de café e tres o de café torrado moído (Kraft Food, Sara Lee/DE e Nestlé). Só dúas compañías (Cargill and Archer Daniels Midland) controlan tres cuartas partes do comercio mundial de grans e unha empresa, De Beers, controla o 75% do comercio mundial de diamantes (The Oligopolies).
E iso por non falar dos mercados financeiros, onde a concentración é mesmo aínda maior e, como estamos vendo, máis perigosa e crecente a medida en que se vaian aplicando as medidas que os poderes efectivamente dominantes lograron impor aos gobernos para "saír" da crise.
Abonda con saber que segundo The New York Times (‘A Secretive Banking Elite Rules Trading in Derivatives’) só nove persoas (Thomas J. Benison de JPMorgan Chase & Company; James J. Hill de Morgan Stanley; Athanassios Diplas do Deutsche Bank; Paul Hamill de UBS; Paul Mitrokostas do Barclays; Andy Hubbard de Credit Suisse; Oliver Frankel de Goldman Sachs; Ali Balali do Bank of America, e Biswarup Chatterjee de Citigroup) que "se reunen o terceiro mércores de cada mes no Midtown de Manhattan" dominan o mercado dos derivados financeiros, é dicir, uns 700 billóns de dólares, o que máis ou menos vén significar que dominan o mundo.
Iago Santos demostrou que no Estado español a finais de 2006 unha vintena de grandes familias eran propietarias do 20,14 por cento do capital das empresas do Ibex-35 e unha pequena elite de 1.400 persoas, que representan o 0,0035 por cento da poboación española, controlaba recursos que equivalen ao 80,5 por cento do PIB (‘Unha aproximación á rede social da elite do poder económico en España’).
Eles son "os mercados".
[Artigo tirado do blog do autor, do 9 de xaneiro de 2012]