Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
18/10/2010

Viviu 30 anos en Latinoamérica. Estudoso do exilio económico e político galego.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Unidade Galega capa (Foto Xurxo Martínez Crespo)

Simón Bolívar na Irmandade Galega de Caracas (Foto Xurxo Martínez Crespo)

Xosé Velo nunha homenxe a Castelao en Caracas, 1959

Caracas, 1954. De esq á dta. Adolfo R. Faustino Míguez, Óscar Paz e o capitán Mosqueira (Foto: avó Xurxo Martínez Crespo)

Medio século da Irmandade Galega de Venezuela

Proclama pro unidade aos galegos de Xosé Velo, 1952 (Foto Xurxo Martínez Crespo)

A Irmandade Galega de Venezuela é a obra colectiva máis importante dos galegos en Venezuela. As súas orixes están nos homes e mulleres que, desde a fundación do Lar Gallego en 1945, loitaron para que os sucesivos centros escindidos, por razóns persoais e políticas, Centro Gallego 1948 e Casa Galicia 1956, formasen unha única casa.

 É imposíbel non nomear a Xosé Velo que, desde a revista Unidade Galega, loitou incansabelmente por conseguir a unión de todos os galegos, os Noya, Óscar, Xoán, Luis, o capitán Mosqueira Manso, Manolo Gallego, os irmáns Somoza, Silvio Santiago, Otero Castelao, Isolino López, o médico Jaso Roldán, Pura Vázquez, Chelo Noya, Caamaño, Barcia, Vitorino Mateo Humbreiro, os irmáns Faro ou o exiliado e escritor Marcial Fernández que aparece nas fotos da primeira xunta directiva, malia viver en Estados Unidos, el foi un dos impulsores propoñendo incluso o nome, segundo contan algúns, de Irmandade Galega. Xunto a todos este bos e xeneroso galegos e galegas non debemos esquecer a tantos homes e mulleres que, con dificultades económicas importantes, achegaron o pouco que tiñan para lograr o ben común.

 Despois de 50 anos, os fins da Irmandade cambiaron radicalmente, froito do tempo e dos desexos dos seus socios. Saúde e cultura foron os obxectivos orixinais desta Irmandade, saúde que malamente podía dar un país como a Venezuela dos anos 50 ou 60. Cultura e cultivo da identidade, da lingua e cultura da patria dos galegos: Galicia.

 Aínda hoxe, 2010, hai moitos que pensan que a Irmandade Galega foi fundada para comer cocido, beber cervexa, xogar ao tenis e elixir a Miss Irmandade; se eses fosen os ideais dos fundadores, que se poden ler no artigo 2 dos estatutos da Irmandade Galega, poderiamos ser socios de calquera institución.

 A cultura de Galicia é o fin principal da fundación. Isto é marabilloso cando nos decatamos de que traballadores sen formación formal, emigrantes que realizaban grandes esforzos aforrando e privándose de moitas cosas, decidiron que se algo pagaba a pena de ser conservado e cultivado lonxe da súa patria, era a cultura e o idioma de Galicia; razón pola que en todo o mundo, espontaneamente, como fungos despois da choiva, naceron e se reproduciron centros galegos de todos os signos e cores, pero cun común denominador: o amor á patria de lonxe.

 Onde están os centros españois en Venezuela, en América, en Europa?

 Esta vontade de preservar a cultura propia fixo imposible a creación de centros que aglutinasen toda a variedade xeográfica da emigración do Estado español en América ou Europa. Por moito que o Estado español intentase, ao longo de séculos, a uniformización-castelanización das rexións e nacións que conformaban o Estado, na emigración, entre exiliados económicos sen formación política e cultural formal, un movemento natural e espontáneo colocou cada un no seu sitio.

 Non hai centros españois na emigración. Hai centros galegos, vascos, cataláns, andaluces, rioxanos, madrileños… moitos quieren reducir esta vontade asociativa natural a un feito de veciñanza ou de falsa morriña, pero é algo máis, algo como o idioma, a cultura, a historia ou a concepción da vida e da morte.

 Moitos galegos descubriron Galicia na Irmandade Galega de Venezuela, porque Galicia estivo moitos anos prohibida na propia Galicia. Alí souberon que Galicia tiña un himno, que o galego non era un dialecto senón un idioma, que tiña una historia propia cos seus reis e raíñas, cos seus escritores e poetas, cos seus inimigos próximos e afastados no tempo.

 Durante anos, a Irmandade Galega reservou unha partida económica para a Real Academia Galega ou para a primeira e única editorial que editaba en galego durante a ditadura: Galaxia.

 Pero todos estes feitos, honrosos ás veces, seica estivesen escritos na area. Reducir a Irmandade Galega a un club social é matala. Disfrazar de folclore a cultura é unha das peores enfermidades que se pode padecer. Nin o Halloween pode substituír o Samain galego, nin unha pizza a un polbo á feira. Poden convivir pero non ocupar un lugar que non merecen.

 A mellor forma de honrar os fundadores é concienciarse e coñecer os motivos polos que deron tanto valor a algo que aparentemente non o tiña. É falso que todos fosen exiliados políticos. Había moitas mulleres e homes que eran exiliados económicos e o seu amor por Galicia ten mil veces máis valor que o de eruditos, académicos e políticos.

 Durante anos acheguei o meu minúsculo gran de area a esa pequena patria galega que era o Colexio Castelao da Irmandade Galega de Caracas. Conseguimos que o Colexio fose recoñecido polo Ministerio de Educación como un colexio binacional (galego-venezolano) dentro dos rexistros ministeriais, ao mesmo nivel que o alemán, hebreo, británico, italiano ou francés.

 A Irmandade Galega de Venezuela é hoxe o centro galego máis importante do mundo. Por recursos, por número de socios, por instalacións. Ningunha empresa fóra de Galicia, sen axuda externa, logrou tanto en tan pouco tempo. Agora toca abrirse á sociedade venezolana. Máis do 65 por cento dos galegos de Venezuela naceron en Venezuela, son por tanto, venezolanos. Sen Venezuela non habería Irmandade Galega. Os centos de traballadores, os fillos, os esposos e esposas dos emigrados son venezolanos. Venezuela é un pobo loitador e honrado, maltratado pola súa clase política. O pobo venezolano quixeron convertelo nunha mala copia de calquera cousa. Cambiáronlle a arepa pola hamburguesa, a súa historia pola doutros e aparváronos con telenovelas malas e eleccións de misses. Iso acabouse e a Irmandade non lle pode dar as costas a eses cambios porque ten moito que ofrecer na dignificación e construción da súa outra razón de ser: Venezuela.    

 

[A Coruña, 17 de outubro de 2010]

cig.prensa@galizacig.com