Hai tempo que era evidente que o pacto social que creou en Europa o Estado de Benestar tras a Segunda Guerra Mundial estaba roto. Neste momento o capital séntese forte, moi forte, e está aproveitando a crise actual para desmantelar os últimos vestixios daquel pacto social, neste caso, a rede de seguridade para os traballadores fixos que é a actualización de salarios en función do IPC.
Angela Merkel continúa marcando a axenda económica en Europa. Agora puxo sobre a mesa o pacto de competitividade; nun dos seus puntos proponse que os salarios non deben crecer en función do IPC, como ocorre por aquí, senón en función dos cambios na produtividade. A idea provocou certo rebumbio. Ao principio foi acollida con frialdade por algún representante da patronal, aínda que despois a apoiaron, e foi criticada polos sindicatos. A min non me pareceu mala en principio; con todo, vindo da portavoz do capital en Europa Ángela Merkel é mellor darlle unhas voltas par ver onde pode estar a trampa, se é que a hai.
Esta idea é unha das seis medidas que o Goberno alemán propuxo co pomposo nome de pacto de competitividade. Moitas veces competitividade e produtividade utilízanse como sinónimos aínda que non o son. Segundo a definición que da Wikipedia, a competitividade é «a capacidade de xerar a maior satisfacción dos consumidores ao menor prezo». Isto non é nin un indicador, senón algo así como quedar a gusto co comprado e co prezo pago. Non é máis que un comodín ideolóxico.
En cambio a produtividade é outra cousa. Se temos unha semente de arroz e a plantamos podemos obter, por exemplo, vinte grans de arroz. A produtividade desa semente será vinte grans colleitados por un utilizado. A produtividade é o que intuitivamente xa sabiamos, a relación entre o produto conseguido e os recursos utilizados para iso. Este cálculo pódese ir complicando moito máis se ademais da semente usada na sementeira temos en conta o traballo investido, a utilización ou non de máquinas, o uso ou non de fertilizante, así podemos chegar a ter unha descrición meticulosa de todos os recursos utilizados para lograr esa colleita e calcular a produtividade respecto dalgún deles, a produtividade do traballo poñamos por caso, ou respecto ao conxunto, a produtividade total dos factores.
De maneira que a produtividade é a relación entre a produción obtida e os recursos utilizados nunha unidade de tempo que xeralmente adoita ser un ano. A produtividade mide nin máis nin menos que a eficiencia dun sistema económico calquera, sexa unha granxa, unha empresa ou a economía nacional dun país.
A produtividade polo tanto é unha fracción na que o numerador é o produto obtido e o denominador son os recursos investidos ou gastados. As unidades de medida poden ser diferentes. Pódense utilizar unidades físicas por exemplo toneladas de arroz por hora traballada pero isto dificulta moito a comparación máis aló dunha mesma rama da economía, polo que se adoitan utilizar unidades monetarias, é dicir, o valor da produción por gasto salarial ou o valor do produto por capital investido. Polo tanto, cando falamos de produtividade o que temos é cantidade de produto polo prezo de venda no numerador e cantidade de traballadores por salario no denominador.
Pois ben, a produtividade aumenta cando o numerador crece, é dicir, cando a cantidade de produto polo prezo se fai maior coa mesma cantidade de gasto, ou alternativamente, cando o denominador diminúe, ou sexa, prodúcese a mesma cantidade de produto con menos traballadores polo salario que cobran. O resultado de todo iso é que temos catro variábeis para medir a produtividade: a cantidade de produto, o prezo dese produto, a cantidade de traballadores e o salario deses traballadores.
Chegados a este punto, podemos empezar a discutir as opcións que abre a proposta de Ángela Merkel.
Seguir como até o de agora subindo os salarios en función do IPC é bo ou malo para a clase traballadora? A teor de como nos foi non se pode dicir que sexa moi bo. Na repartición da riqueza, a clase traballadora perdeu desde 1985 até hoxe máis de catro puntos do PIB. Pode non parecer moito pero eses catro puntos supoñen 19.000 euros para cada un dos 180.000 parados actuais. É lóxico que se se propón a loita salarial en función do IPC, non quede marxe para despois falar de produtividade, de maneira que todos os aumentos de produtividade queda con eles o capital que aumentou a súa parte da torta en preto de catro puntos.
Ademais, o IPC e a carestía da vida son cousas bastante diferentes. Por exemplo, a vivenda ten un peso moi pequeno no IPC porque a maioría da xente ten vivenda propia e entón considérase investimento e non consumo, e, porén, é o maior gasto no orzamento dunha familia e o que máis subiu nos últimos anos.
A produtividade por outra banda reflicte o movemento de prezos e salarios. No numerador temos cantidade de produto polo prezo e no denominador número de traballadores e salario. Se aumentan os prezos, o numerador aumenta e polo tanto a produtividade tamén, o que daría pé a esixir aumentos salariais. Se os salarios diminúen, a produtividade aumenta, o que tamén permitiría aos sindicatos esixir aumentos de soldo acordes ao aumento da produtividade. Este indicador polo tanto varía co movemento de prezos e salarios e recolle non só os cambios na cantidade de produtos fabricados senón tamén o efecto tanto do encarecemento dos prezos como dos cambios nos salarios.
A produtividade de Euskal Herria é alta ou baixa? Vendo as estatísticas, a produtividade vén ser maior á doutros países europeos. Incríbel. Como o conseguimos? Puido ser aumentando o numerador, é dicir, a cantidade de produtos feitos e/ou a calidade, e polo tanto o seu prezo, ou diminuíndo o denominador, é dicir, reducindo o número de traballadores e/ou os seus salarios. Tendo en conta que hai máis de 180.000 persoas rexistradas no INEM, parece bastante claro que o que se reduciu foi o número de traballadores. Ademais, como os salarios se moven co IPC, non baixan e o axuste sempre se fai destruíndo emprego. Se puxésemos a todas esas persoas a traballar, ou só a unha certa cantidade delas até igualar a taxa de paro á taxa de paro europea, a produtividade caería en picado.
A economía do noso país maquilla os resultados de produtividade a conta do traballo. A estrutura económica que non ten capacidade de empregar a todas as persoas dispostas a traballar e é polo tanto altamente ineficiente e pouco produtiva.
Manexar o indicador de produtividade ten un efecto engadido. A mellora continua nos sistemas de produción e na organización do traballo permite que a tendencia da produtividade sexa crecente. Se a produtividade aumenta, é dicir, se a eficiencia económica mellora continuamente, a pregunta que xorde a continuación é: por que carafio temos que traballar máis horas e máis anos, se traballando o mesmo tempo producimos máis? Se se produce máis co mesmo, a riqueza será maior polo que non hai ningunha razón para xubilarse máis tarde, ou para traballar menos agora cobrando o mesmo e repartir o traballo con aqueles que están en paro. O debate sobre a produtividade abre a porta a tratar da repartición do tempo de traballo, a duración da vida laboral, a repartición da riqueza e a posibilidade de traballar menos tempo e vivir co xusto.
Hai tempo que era evidente que o pacto social que creou en Europa o Estado de Benestar tras a Segunda Guerra Mundial estaba roto. Neste momento o capital séntese forte, moi forte, e está aproveitando a crise actual para desmantelar os últimos vestixios daquel pacto social, neste caso, a rede de seguridade para os traballadores fixos que é a actualización de salarios en función do IPC. Pero nesta dinámica de desmantelar todo, está abrindo tamén novos espazos para a loita pola repartición da riqueza e do traballo, para crear alianzas cos traballadores precarios e parados e para o debate sobre o modelo de sociedade.
É tempo de aparcarmos vellos dogmas que non nos deixan ver máis aló do que temos, algúns, de valorar o que se perde pero sobre todo o que se pode gañar e de apostar. Xa o di o aforismo: xogador de pequena, perdedor de mus.
[Artigo tirado do xornal vasco ‘Gara’, do 16 de febreiro de 2011]