Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
18/6/2012

Nada en Lugo (1950) é Doutora en Ciencias Económicas e Empresariais, e profesora titular desde 1989 no departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC). No ámbito académico dirixe o Grupo de Investigación de Economía Pesqueira e Recursos Naturais, cuxas liñas principais de traballo son a Economía Pesqueira, a Economía Feminista, a Economía de Galiza, Enerxía, Recursos Naturais e Medio Ambiente, temáticas sobre as que ten diversas publicacións editadas. Participou activamente nos movementos político-sindicais dos anos 70 como integrante da UTEG (Unión de Traballadores do Ensino de Galiza) e colaboradora do SGTM (Sindicato Galego de Traballadores do Mar), hoxe integrantes da CIG (Confederación Intersindical Galega). Foi Secretaria da Asociación Cultural “O Galo” de Santiago e dirixente da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) até a súa autodisolución en 1982, participou no proceso de fundación do Bloque Nacionalista Galego (BNG) pasando a formar parte do Consello Nacional desta organización pola que foi candidata en diferentes ocasións.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: banca : : crise : : economía :
Os bancos e nós

Realmente nunca temos vivido por riba das nosas posibilidades. O que sucedeu é que a onda de crecemento económico das últimas décadas viu apuxada polo aumento do consumo amparada no crédito. E o crédito converteuse no meio máis dinámico de competencia e mercado tanto bancario como dos restantes intermediarios financeiros.

 Os fondos nacidos nese diñeiro novo creado polo crédito, foron empregados en bens de consumo inmediato e en bens de consumo duradeiro ou mesmo en investimentos. Pero, as preferencias bancarias e ás dos usuarios favoreceron o nacemento de novas construcións no campo privado e de infraestruturas viarias no público, cebando unha bomba de alimentación do crecemento absolutamente ficticia. Ficticio foi o cálculo do período de bonanza, ficticio foi o cálculo de crecemento da demanda, ficticio foi o cálculo da rendibilidade, en fin, ficticios foron hasta os balances dos hoxe aflixidos autores da crise:os intermediarios financeiros:bancos,caixas e demais. O que non foi ficticio foi o enriquecemento escandaloso de especuladores ao amparo dun mercado en subida desbocada e alentada polo pasivo papel do Estado:non só viviron e viven por riba das súas posibilidades, senón que non había nen hai posibilidades.

 O teatro de operacións especuladoras foi gardado libre de “inxerencias” gubernamentais regulamentadoras da actividade de intermediación financeira. O fundamentamentalismo de mercado chegou  ao paroxismo xusto uns meses antes da caída do Lehman Brothrers. Responsabeis da política económica en EEUU e na UE,expertos e asesores varios,opinadores(ou claque acompañante), investigadores e doctos profesores de universidade e un feixe de turiferarios do sistema tiñan un acordo básico:o mercado é quen de regularse a sí mesmo. A pena que temos hoxe é que o mercado non obrara a miragre de facer desaparecer os ruídos e perturbacións que no momento presente nos atenazan. Sí, os fundamentalistas de mercado chamaban á carreira polo beneficio, froito da mais basta especulación,éxito, capacidade competitiva e rendibilidade. E denominaban a pobreza e ao aumento da desigualdade, ruídos ou desaxustes inevitabeis. Creremos que a crise actual é un ruído enorme coma un balbordo que saíu de sí, do monstro de mercado ? Ou haberá unha outra explicación?

 Resulta que os fundamentalistas de mercado son hoxe os máximos defensores da intervención do Estado e das institucións supraestatais comunitarias para salvar una situación criada pola aloucada carreira polo beneficio máximo. Así o Estado e a UE libraron fondos públicos para salvar empresas privadas do sector financiero, empregando fondos públicos para fusións entre caixas e entre bancos e caixas e cubrir as quebras técnicas dalgunha/as entidade/s insolventes. Certo é que se pode argumentar que a estabilidade do sistema bancario-financeiro esixe o uso da máxima prudencia para evitar que una caída de un banco ou entidade financeira se convirta nun desastre sistémico.  A prudencia foi unha componente indispensabel. Hoxe en paradero descoñecido. A prudencia que hoxe debe ser aplicada para impedir a caída en pánico de todo o sistema financiero debería ser aplicada polo propios dirixentes da banca privada defensores a ultranza da non intervención pública no negocio.

 

[Galiza, xuño de 2012]

cig.prensa@galizacig.com