O anuncio realizado a comezos de setembro polo primeiro ministro escocés, Alex Salmond, de que convocará un referendo sobre a independencia en 2010 supón un paso máis no proceso que busca recuperar a soberanía para esta nación europea. O propio Salmond destacou ante o Parlamento que «este Goberno foi elixido cun mandato popular para celebrar un referendo sobre o futuro de Escocia».
De feito, toda a estratexia para alcanzar a independencia de Escocia aparece no documento «Choosing Scotland's Future. A national conversation (Elixindo o futuro de Escocia. Un diálogo nacional)», elaborado polo Goberno escocés en 2007, pouco despois do nomeamento de Salmond como primeiro ministro.
Segundo a análise de Salmond, cando pasou máis dunha década da Scotland Act, que devolveu aos escoceses o dereito a elixiren un Parlamento que lexislase sobre as cuestións transferidas por Londres, existen tres opcións de cara ao futuro. A primeira delas é deixar as cousas como están, cunha Escocia autónoma con competencias nalgúns ámbitos, pero cun Goberno británico que mantén o control en áreas estratéxicas. A segunda sería redefinir o actual marco autonómico, dotando o Goberno escocés de máis competencias en materias como fiscalidade. A terceira, que é pola que apostan claramente Salmond e o seu partido, o SNP, é optar claramente pola independencia.
Actualmente, Escocia está integrada no denominado «Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte» a través da Unión das Coroas de 1603 e as Acts of Union de 1707 e 1801. A grandes liñas, trátase dunha unión de territorios baixo un mesmo monarca. Nos últimos anos, Gran Bretaña experimentou un proceso de descentralización mediante a devolución de poderes que foran asumidos por Londres. Así, en 1999 volveu instaurarse o Parlamento escocés en Edimburgo.
Procesos similares se rexistraron en Gales e o norte de Irlanda. Os independentistas escoceses queren dar un paso máis e romper os lazos que aínda os unen a Inglaterra.
A posición é que o asinamento das actas de unión non supón unha renuncia ao dereito dos escoceses a decidir o seu futuro. Tal e como as clases dominantes optaron pola unión con Inglaterra nos séculos XVII e XVIII, o pobo escocés pode elixir separarse no século XXI.
Neste sentido, destacan que «Escocia é unha entidade política e territorial recoñecida, co seu propio sistema legal, fronteiras e institucións independentes».
O Goberno escocés quere establecer negociacións con Londres para avanzar cara á independencia. Para iso, «só» faría falta que as autoridades británicas renunciasen ás competencias que aínda manteñen e que non foron transferidas a Edimburgo. Noutras palabras, que o Goberno e o Parlamento escocés asumisen a responsabilidade das áreas que actualmente retén Londres.
Actualmente, as competencias que Londres se reservou son a Coroa; a seguridade, servizos de intelixencia, relacións internacionais e defensa; a política fiscal, económica e monetaria; inmigración e nacionalidade; dereitos dos traballadores, saúde, seguridade e relacións industriais; petróleo, gas, carbón, enerxía nuclear e subministración eléctrica; transporte por estrada, tren, mar e aire; seguridade social, apoio á infancia e pensións; e radio e televisión. Todo o demais, está xa en mans dos escoceses.
Que cambiaría para os escoceses tras accederen á independencia? En primeiro lugar, que poderían regular as súas relacións con outras nacións de igual a igual, sen dependeren dos intereses británicos.
Neste sentido, o documento do Goberno de Edimburgo destaca que tras a independencia, Escocia continuaría sendo membro da UE, pero en igualdade de condicións cos demais estados, sen estar dependendo de Gran Bretaña. Deste xeito, podería ter catorce eurodeputados, os mesmos que ten Dinamarca, en lugar dos sete actuais.
O plan dos independentistas escoceses non inclúe a proclamación dunha república, xa que, segundo sinalan, «A súa Maxestade a Raíña seguirá sendo a Xefa do Estado en Escocia. Teriamos Reinos Unidos en lugar un Reino Unido».
Desde estas latitudes, esta postura pode ser difícil de comprender, pero actualmente, a raíña de Inglaterra segue sendo a Xefa do Estado de 16 países independentes, toda unha marca Guinness. Son Antigua e Barbuda, Australia, Bahamas, Barbados, Belice, Canadá, Selecta, Xamaica, Nova Zelandia, Papúa-Nova Guinea, San Cristóbal e Nevis, Santa Lucía, San Vicente e as Granadinas, as illas Salomón, Tuvalu e Anguilla. A Escocia independente pasaría a ser o décimo sétimo.
Os escoceses xa tiveron oportunidade de acudir ás urnas en 1997, cando votaron en referendo sobre a devolución de poderes ao Parlamento e ao Goberno escocés. Entón, 1.775.045 persoas (o 74,3%) votou a favor de que Escocia contase de novo cun Parlamento, mentres que 614.400 (o 25,7%) o fixeron en contra.
Nesa consulta existía unha segunda pregunta, sobre se ese Parlamento debía ter competencias fiscais. 1.512.889 persoas dixeron que si (o 63,5%), mentres que 870.263 optaron polo non (o 36,5%). Porén, esta segunda demanda aínda non foi satisfeita por Londres.
Segundo as intencións de Salmond, para convocar un referendo sobre a independencia de Escocia unicamente é preciso un acordo do Parlamento escocés.
Á hora de fixar cantos votos son necesarios para acceder á independencia, o Goberno escocés salienta que o recoñecido internacionalmente é o 50% máis un dos votos emitidos. Calquera condicionamento sobre mínimos de participación ou porcentaxe de votos favorábeis requirido para validar o resultado favorábel á independencia sería «un instrumento arbitrario para frustrar o obxectivo de que o pobo escocés poida amosar a súa vontade», destaca o Executivo de Edimburgo.
«O actual Goberno escocés cre que o mellor futuro para Escocia é ser un país independente e soberano como moitos outros países europeos. Porén, esta decisión só pode ser tomada polo pobo escocés, logo de escoitar os argumentos a favor da independencia e comparar con outras formas de cambio constitucional», subliña o Executivo de Salmond.
O primeiro paso para iso debe ser que o Parlamento escocés debe dar o visto e prace á proposta de convocatoria de referendo, o que podería non se producir. O SNP ten 47 escanos e o seu socio de Goberno, Scottish Greens (verdes), dous. A parlamentaria independente Margo MacDonald tamén podería votar a favor da consulta. En total, son 50 escanos. Fronte a eles, sitúanse os laboristas (46), conservadores (17) e liberal-demócratas (16), que suman un total de 79.
[Artigo tirado do xornal vasco ‘Gara’, do 17 de setembro de 2009]