Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
18/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Entrevista a Samir Amin: A desconexión en tempos de implosión do capitalismo

É este sistema o que está en crise e, máis aínda, non é soamente unha crise: é unha implosión, no sentido de que este sistema non é capaz de se reproducir desde as súas propias bases, é dicir, é vítima das súas propias contradicións internas.

- Gustaríanos enfocar este intercambio en tres problemáticas distintas pero relacionadas: a súa visión do mundo e as posibilidades de cambialo; a súa proposta conceptual e política verbo da implosión do capitalismo e a desconexión deste; e a análise do contexto mundial, visto especialmente desde o Oriente medio e África. Cal é a súa visión do mundo visto desde o Sur e desde unha perspectiva do sur?

 Para responder esta pregunta, que non é nada sinxela, é necesario dividir o tema en 3 partes. Interrogarémonos primeiramente acerca de cales son as características importantes e decisivas do capitalismo contemporáneo -non do capitalismo en xeral, senón do contemporáneo-; que ten de novo realmente; que é o que o caracteriza. En segundo lugar enfocaremos a natureza da actual crise que, máis que unha crise, eu defínoa como unha implosión do sistema capitalista contemporáneo. En terceiro lugar, neste mesmo marco, analizaremos cales son as estratexias e as forzas reaccionarias dominantes, é dicir, do capital dominante, da tríade imperialista Estados Unidos-Europa-Xapón e dos seus aliados reaccionarios no mundo enteiro. Soamente tendo comprendido isto, poderemos dimensionar o desafío ao que se enfrontan os pobos do Sur, tanto nos países emerxentes como no resto de países.

 A miña tese sobre a natureza do sistema capitalista contemporáneo -que de xeito máis modesto chamarei «hipótese» porque está aberta á discusión-, é que entramos nunha nova fase do capitalismo monopólico, trátase dunha etapa cualitativamente nova, marcada polo grao de centralización do capital, cuxa condensación chega a tal punto que, hoxe en día, o capital monopolico contrólao todo.

 Claro que o concepto “capital monopólico” non é novo, foi creado a fins do século XIX e, de feito, este desenvolveuse como tal, a través de distintas fases sucesivas, durante todo o século XX; pero é a partir dos anos 1970-1980 que despunta unha etapa cualitativamente nova, pois antes existía pero non o controlaba todo. Na actualidade, xa non existe ningunha actividade económica capitalista que sexa autónoma ou independente do capitalismo monopólico, este controla todas e cada unha das actividades, mesmo aquelas que conservan unha aparencia de autonomía. Un exemplo, de entre moitos, é o da agricultura nos países capitalistas desenvolvidos, onde é controlada polos monopolios que fornecen os insumos, as sementes seleccionadas, os pesticidas, os créditos e as cadeas de comercialización.

 Iso é decisivo, é un cambio cualitativo ao que eu chamo de «monopolio xeneralizado», é dicir, que se estende a todas as esferas. Esta característica provoca consecuencias substantivas e importantes. En primeiro lugar, desvirtuouse completamente a democracia burguesa, pois se antes se fundamentaba nunha oposición esquerda-dereita, que correspondía a alianzas sociais, máis ou menos populares, máis ou menos burguesas, pero diferenciadas polas súas concepcións da política económica, na actualidade, en Estados Unidos, por exemplo, republicanos e demócratas, ou en Francia socialistas da corrente de Hollande e a dereita de Sarkozy, son o mesmo, ou case o mesmo. É dicir que todos están aliñados en torno a un consenso que é o mandato do capital monopólico.

 Esa primeira consecuencia constitúe un cambio na vida política. A democracia, así desvirtuada, converteuse nunha farsa, como se ve nas eleccións primarias de Estados Unidos. O capital monopolista xeneralizado provocou consecuencias moi graves, converteu aos Estados Unidos nunha nación de “parvos”, é grave porque a democracia xa non se expresa.

 A segunda consecuencia é que o “capitalismo xeneralizado” é a base obxectiva da urxencia do que chamo de «imperialismo colectivo» da tríade Estados Unidos-Europa-Xapón. É un punto que afirmo con vehemencia, pois aínda sendo unha hipótese estou en capacidade de defendela: non hai maiores contradicións entre Estados Unidos-Europa-Xapón, existe unha lixeira competición no plano comercial, pero no plano político, o aliñamento coas políticas definidas por Estados Unidos como política mundial, é inmediato. O que chamamos «comunidade internacional» copia o discurso dos Estados Unidos e tres minutos despois aparecen os embaixadores europeos, con algunhas comparsas de grandes demócratas, como o emir de Catar ou o rei de Arabia Saudita. A ONU non existe, esa representación dos Estados é unha caricatura.

 É esta a transformación fundamental, a transición do capitalismo monopólico ao “capitalismo monopólico xeneralizado”, o que explica a financeirización, porque estes monopolios xeneralizados son capaces, debido ao control que posúen sobre todas as actividades económicas, de bombear unha parte cada vez máis grande da plusvalía en todo o mundo e convertela na rampla monopolista, a rampla imperialista, que constitúe a base da desigualdade e do estancamento do crecemento dos países do Norte e da triada Estados Unidos-Europa-Xapón.

 Iso lévame ao segundo punto: é este sistema o que está en crise e, máis aínda, non é soamente unha crise: é unha implosión, no sentido de que este sistema non é capaz de se reproducir desde as súas propias bases, é dicir, é vítima das súas propias contradicións internas.

 Este sistema implosiona, non porque sexa atacado polo pobo, senón por mor do seu éxito, o éxito de lograr imporse no pobo lévao a provocar un crecemento vertixinoso das desigualdades, que non soamente é escandaloso socialmente senón que é inaceptábel, pero termina sendo aceptado, e aceptado sen obxección; pero non é esa a causa da implosión, senón o feito de que non poida reproducirse desde as súas propias bases.

 Iso lévame á terceira dimensión, que ten que ver coa estratexia das forzas reaccionarias dominantes. Cando falo de forzas reaccionarias dominantes refírome ao capital monopólico xeneralizado da tríada imperialista histórica Estados Unidos-Europa-Xapón, ás que se suman todas as forzas reaccionarias ao redor do mundo que se agrupan, dunha forma ou outra, en bloques hegemónicos locais, que sosteñen e inscríbense nesta dominación reaccionaria mundial. Estas forzas reaccionarias locais son extremadamente numerosas e difiren enormemente dun país ao outro.

 A estratexia política das forzas dominantes, é dicir, do capital monopólico xeneralizado, financeirizado, da tríade imperialista colectiva histórica tradicional: Estados Unidos-Europa-Xapón, está definida pola súa identificación do inimigo. Para eles, o inimigo son os países emerxentes, é dicir, China, o resto, como India, Brasil e outros, son para eles semiemerxentes.

 Por que China? Porque a clase dirixente chinesa ten un proxecto- non vou entrar en detalles sobre a natureza socialista ou capitalista deste proxecto-, o importante é que conta cun proxecto, que consiste en non aceptar os mandatos do capital monopolista xeneralizado financeirizado da tríada, que se impón mediante as súas vantaxes: control da tecnoloxía, control do acceso aos recursos naturais do planeta, dos medios de comunicación, a propaganda, etc., control do sistema monetario e financeiro mundial integrado e das armas de destrución masiva. China vén cuestionar esta orde, sen facer ruído.

 China non é subcontratista, hai sectores en China que o son, na súa calidade de fabricantes e vendedores de xoguetes baratos e de mala calidade, só porque necesitan botar man de divisas, iso é doado, pero non é iso o que caracteriza a China, senón o seu desenvolvemento e a rápida absorción de tecnoloxía de punta, a súa reprodución e desenvolvemento propio. China non é o taller do mundo, como opinan algúns. Non é «made in China» (feito en China) senón «made by China» (feito por China), iso agora é posíbel porque eles fixeron unha revolución: o socialismo construíu paradoxalmente a vía que fixo posíbel disputar un certo capitalismo.

 Eu diría que, despois de China, o resto de países emerxentes son secundarios. Se tivese que cualificalos, cualificaría de emerxente a China con 100%, Brasil 30% e o resto de países 20%. O resto, en comparación con China, son subcontratistas, porque teñen negocios de subcontratación importantes, porque teñen unha marxe de negociación, hai un compromiso entre o capital monopolista xeneralizado financiarizado da tríada e os países emerxentes como India e Brasil e outros. Non pasa o mesmo con China.

 Por iso a guerra contra China figura como parte da estratexia da “tríade”. Hai 20 anos había xa estadounidenses tolos que defendían a idea de lle declarar a guerra, porque despois sería moi tarde.

 Os chineses tiveron éxito, e é por iso polo que a súa política exterior é tan pacífica, e agora Rusia entra a formar parte, xunto a eles, da categoría de verdadeiros países emerxentes. Vemos a Putin, propondo a modernización do exército ruso, intentando refacer o que era a armada soviética, que constituíu un verdadeiro contrapeso á potencia militar dos Estados Unidos, isto é importante. Non discuto aquí sobre o feito de que Putin sexa ou non demócrata, ou se a súa perspectiva é socialista ou non; non se trata diso, senón da posibilidade de contrapor ao poder da tríade.

 O resto do mundo, o resto do Sur, todos nós, vostedes os ecuatorianos, nós os exipcios, e moitos outros, non contamos. Ao capitalismo monopólico colectivo, os nosos países apenas lle interesan por unha soa razón: o acceso a novos recursos naturais, porque este capital monopólico non pode reproducirse sen controlar, malgastar os recursos naturais de todo o planeta. É o único que lles interesa.

 Para garantir un acceso exclusivo aos recursos naturais, os imperialistas necesitan que os nosos países non se desenvolvan. O “lumpendesenvolvemento”, como o definiu Andre Gunder Frank, deuse en circunstancias moi distintas, pero tomo prestado o termo agora en condicións diferentes, para describir como o único proxecto do imperialismo para nós é o non-desenvolvemento. Desenvolvemento do anómalo: pauperización máis petróleo, crecemento falso, ou gas, madeira, ou o que sexa, para ter acceso aos recursos naturais e é iso o que está a piques de implosionar, porque é o que se volveu intolerábel moralmente, o pobo non o acepta máis.

 É aquí onde se xeran as implosións, as primeiras ondas de implosión orixináronse en América Latina, e non é produto do azar que teñan lugar en países marxinais, como Bolivia, Ecuador, Venezuela. Non é produto do azar. Despois, a primavera árabe, xa teremos outras ondas en Nepal e outros países, porque non é algo que estea sucedendo só nunha rexión específica.

 Para o pobo que é protagonista disto, o desafío é enorme. É dicir, o desafío non se dá no marco deste sistema, no intento de transcender desde o neoliberalismo cara a un capitalismo con rostro humano, entrar na lóxica da boa gobernanza, da redución da pobreza, a democratización da vida política, etc., porque todos eses son modos de xestionar a pauperización, que é o resultado desta lóxica.

 A miña conclusión -desde unha postura enfocada principalmente no mundo árabe- é que esta non é apenas unha conxuntura senón mais ben un momento histórico, que se presenta formidábel para o pobo. Refírome á revolución, pero aínda se non quero abusar dese termo, están dadas as condicións obxectivas para construír amplos bloques sociais alternativos anticapitalistas, hai un contexto para a audacia, para propor un cambio radical.

A Implosión do capitalismo

- Como se configura a implosión do capitalismo, como se manifestan os seus síntomas?

Vítima das súas propias contradicións internas, o sistema non é capaz de se reproducir desde as súas propias bases, produce entón moito máis que unha crise, unha implosión.

 Nesta fase de capitalismo monopólico xeneralizado e financializado, o control do capital monopólico esténdese a todas as esferas económicas, a política está aliñada con eses intereses pero, asemade, o mesmo mecanismo financeiro de extracción e condensación da plusvalía mundial atopa límites inherentes ás súas propias dinámicas.

 É este sistema que implosiona, pero, infelizmente, se examinamos os movementos dos nosos pobos na actualidade, o seu grao de conciencia sobre a natureza do sistema e, nomeadamente, sobre a implosión é aínda moi débil e moi limitado, circunscríbese á esquerda histórica de tradición marxista, mentres a maioría, ao cabo de reiteradas capitulacións fronte ao neoliberalismo, non se cuestiona, nin problematiza o asunto de fondo.

 Entón, este sistema non implosiona porque é atacado polos pobos, paradoxalmente faino como resultado do seu propio éxito.

- Hai entón agora condicións propicias para o cambio, cales son esas? E como se percibe a acción do pobo que se mobiliza, pero non sempre de forma orgánica e en condicións en que xa non vemos liderados orgánicos encabezando estes procesos?

“A” condición obxectiva é unha, e dígoo en forma negativa, é o feito de que no monopolio xeneralizado o control de todas as actividades económicas e a absorción da plusvalía creada en beneficio da renda do monopolio imperialista, xera unha expansión das desigualdades, até o punto de que se volveu inmanexábel.

 É o drama europeo, do estourido da zona euro, onde o remedio proposto para a débeda dos Estados é máis austeridade, o que só poderá desembocar en máis débeda e máis descontento. Entón, esta é unha condición obxectiva, mais poderán as forzas subxectivas, todas as diferentes forzas sociais -que son todas en distintos graos, vítimas do sistema do monopolio xeneralizado- por unha banda, entender que son vítimas do mesmo adversario e, por outra, atopar as formas acaídas e eficaces para discutir entre elas e negociar unha alternativa común que teña en conta os diversos intereses involucrados?

- A diversidade é moi ampla, por exemplo, nas mobilizacións máis recentes, hai sectores que reivindican a súa inclusión no sistema e que se mobilizan porque se senten excluídos do acceso ao mercado, ao consumo, como xestar a transición cara a un posicionamento máis político?

Eu non condeno a pobre xente en Ecuador ou en Exipto que vive na miseria e coa aspiración de ter un televisor que funcione, que dereito temos de condenalos? A súa ambición é estaren dentro do sistema, seren absorbidos por el. Pero deben comprender que este non os vai absorber, que esa demanda é ineficiente. Aí vale tanto a dialéctica aprendida na longa tradición de loitas anticapitalistas, como a necesidade de contar cunha alternativa plausíbel.

- No século XX propúñase que para canalizar a revolución cara ao socialismo eran necesarias articulacións partidarias concretas; logo, veu un período marcado pola urxencia de movementos sociais que, en certa forma, se distanciaron da política para expresárense desde o social. No século XXI asistimos ao rexurdimento do suxeito pobo, como un actor político poderoso e heteroxéneo, como se visualiza a transición cara ao socialismo desde esa heteroxeneidade? Cales son as posibilidades de acción?

A través das loitas e nelas, os pobos inventan as súas formas institucionais e as súas formas de relacionarse con elas. A forma de partido relativamente centralizado correspondeu á súa época, todos os partidos obreiros, da antiga escola, mesmo aqueles da Segunda Internacional, de antes e despois de 1914, eran uns partidos moi centralizados, e mesmo piramidais. E os partidos comunistas íanda moito máis.

 Esa fórmula foi eficaz no seu momento porque respondía a determinadas estruturas sociais, a determinadas características do proletariado, principalmente á súa concentración en grandes fábricas, e a un determinado nivel de educación -o primario como media nese momento- entre outros. Naquela altura, esa fórmula era eficaz, probouno, xa fose como forzas revolucionarias, comunistas, ou como forzas social-demócratas, que impuxeron grandes concesións ao capital.

 Pero esa fórmula quedou atrás. Por unha banda, pola forza do capital monopolista xeneralizado, e pola diversidade de condicións de explotación indirecta por parte do capital, e polo tanto do estatus do traballo, hai traballadores na base do monopolio, nas industrias terceirizadas, no sector de comercialización, etc. Hai toda unha gama.

 No meu artigo sobre a audacia [1], dei exemplos de como podemos imaxinar unha xestión socializada, tomando o exemplo da agricultura, dunha asociación de campesiños, de produtores, unha organización de traballadores dunha industria que produce insumos, outra de traballadores de comercializadoras, os cidadáns como consumidores, pero tamén como cidadáns a nivel local, porque os problemas como a educación, a saúde, o transporte e a vivenda son locais e articulados, é polo tanto un repertorio composto. Entón, pódense institucionalizar varias formas de negociación, e fago unha pregunta: Por que a través das loitas, non xuntar esta multiplicidade?

- Existe a percepción de que si, hai esta posibilidade, pero a meirande parte do mundo aínda non alcanzou este punto de audacia do que vostede fala. Como encamiñar un proceso que nos leve a espertar esta audacia?

Utilizo frecuentemente a frase “a audacia, sempre a audacia e sempre máis audacia”[2], que como sabemos non é miña, pero que cadra moi ben coa situación.

 Os momentos revolucionarios son raros e curtos na historia, e se neses momentos, hai iniciativas audaces, estas gañan terreo e ábrense paso moi rapidamente. Non me molesta escoitar que, na actualidade, os comunistas en Ecuador ou en Exipto, son unha pequena minoría e en casos non logran nada nas eleccións xerais e de máis. Se teñen audacia, e non soamente unha audacia retórica, se emprenden accións, iso convértese rapidamente nunha bóla de neve.

 Podemos dar tres exemplos, ou catro ou cinco ou dez exemplos na Historia, de como a audacia rendeu froitos. Dos que foron audaces e usaron iso ao seu favor en moitas ocasións. En Francia, por exemplo, a Convención Montagnarde, que foi a transformación, da visión reformista dunha monarquía “á inglesa” nun movemento popular. Só examinemos a historia dos partidos comunistas que chegaron ao poder, alcanzaron o poder en curto tempo. O Partido Bolxevique constituíuse formalmente en 1897. En 1905, sete anos despois, houbo unha primeira revolución e sete anos despois, veu a segunda. Non pasaron nin sequera vinte anos.

 Cando o Partido Comunista Chinés se xuntaba en Shanghai, con Mao e outros, eran apenas unha vintena, moi poucos para un país da dimensión de China. Seis meses despois, foron varios centenares e uns anos despois, xa encabezaban un pequeno exército local de liberación. Similares características tivo a Revolución Cubana, liderada por Fidel Castro.

 Historicamente as vitorias foron ou rápidas ou inexistentes. Mais os partidos de esquerda que se poñen a conxelar, durante cincuenta anos, esperando o momento indicado, simplemente conxélanse e aí termina a súa historia.

- Agora, a especificidade característica deste momento é a súa mundialización extrema, como encamiñar un proceso, ou procesos como os que vostede acaba de describir, a escala mundial?

Agora existe un aliado obxectivo potencial no sentido de que o capital monopólico xeneralizado, no mesmo centro, en Estados Unidos, Europa, ou Xapón, á vez que impón a capitulación incondicional de traballadores e pobos, reduce as condicións de vida ao momento que hai un proceso de pauperización, non soamente para as clases populares senón tamén para a clase media. Existe entón un sentimento de rebeldía. A explosión da zona euro é parte diso.

 Polo tanto, existe un aliado potencial, que non existía hai 20 anos. Como tamén maiores posibilidades para que os pobos desenvolvan estratexias que lles permitan pasar á ofensiva.

 Cando evocamos os tempos dos procesos de liberación nacional, durante a Segunda Guerra Mundial, esas loitas de liberación nacional recibiron o apoio da Unión Soviética, o apoio moral do partido comunista como tal. A opinión occidental non interesaba.

- Na actualidade, é posíbel pensar unha nova Internacional, e que características podería ter? Como poñela en marcha se as condicións se desen?

Falo da Quinta Internacional, porque coido que existen as condicións obxectivas para formar un bloque hexemónico alternativo, antimonopolista no centro e anti-comprador na periferia.

 O reto está feito; o seu ritmo e formas dependerán da audacia que exprese a esquerda radical para propor unha alternativa política e estratexias integrais para saír do capitalismo e emprender unha decidida transición ao socialismo.

 Penso que o seu desenvolvemento será, como todo na Historia, moi desigual; e poderemos explicalo de forma retroactiva, pois despois dos feitos pódese analizar por que se deu en Bolivia e non en Arxentina, ou por que non se deu da mesma forma. Por que se deu en Bolivia e non en Paraguai, por exemplo, que son países máis similares. Un paso decisivo inmediato é o de identificar eixos estratéxicos comúns.

 A historia das oito horas de traballo, é un exemplo. No século XIX, cando o eixo central da reivindicación dos traballadores, sobre todo en Inglaterra e en Francia, se articulou arredor da delimitación da xornada de traballo; o propio Marx pensou que un obxectivo estratéxico común da clase obreira podía ser a xornada de oito horas. Nesa altura, a Primeira Internacional xurdiu como unha instancia onde se podía discutir. Isto foi unha gran vitoria obreira.

- Como se enuncian, nesta perspectiva, as alianzas Sur-Sur? Son viábeis?

Son viábeis, hai que as ver en todos os niveis. A nivel dos Estados, dos seus acordos, para reforzar a súa capacidade para resistir ás agresións das forzas do capitalismo monopolista xeneralizado e imperialista. Trátase de negociacións e compromisos que teñen en conta intereses diverxentes.

 Hainas que ver ao nivel do establecemento de conexións e da formulación de reivindicacións conxuntas dos sectores populares, en termos de reorganización dos sistemas produtivos, en termos de democratización da sociedade. Non se trata soamente de crear lugares de encontro para intercambiar experiencias, como no Foro Social Mundial, senón, máis aínda, de propiciar espazos onde poidan definir xuntos solucións comúns con obxectivos estratéxicos comúns.

- Finalmente, que dimensións podería adquirir a implosión do capitalismo no contexto actual?

Está a piques de adquirir dimensións titánicas. Eu tendería a pensar que dentro dalgúns meses, se cadra un par de anos, xa non falaremos do euro nin da Unión Europea; coido que de aquí a uns anos teremos unha multitude de guerras que se afundirán no caos. Teremos todo iso ao mesmo tempo, xa o estamos vivindo. Será unha longa transición dos elementos do capitalismo para producir algo novo.

Estratexias imperialistas e loitas políticas

- Vostede identificou o control militar planetario por parte de Estados Unidos e a OTAN, como o último recurso dos monopolios imperialistas para manter o seu poder no Sur e en todo o mundo. Como se expresa isto nas tensións e conflitos no medio Oriente e África do Norte?

O mundo árabe figura na primeira liña na propagación de conflitos políticos e a multiplicación de intervencións militares, que son parte da tentativa de afianzamento do dominio dos monopolios imperialistas da Tríade, porque o Medio Oriente foi elixido polos Estados Unidos como a rexión prioritaria para asestar os primeiros grandes golpes, e iso non por Bush, senón por Clinton, e antes del por Reagan, pero en fin Clinton, Bush, Obama, son todos o mesmo.

 Mais que é o que perseguen nesta rexión? Liberar a rexión das ditaduras? Non, é destruír os países. Un exemplo é o que fixeron en Iraq, onde se substituíu a ditadura de Saddam Hussein por tres ditaduras, violentas, policiais, asasinas, aínda máis horrorosas que a de Hussein, dúas en nome da relixión, unha sunita e a outra xiíta e a terceira en nome da etnicidade dos curdos.

 Que fixeron os estadounidenses nisto? Un masacre. Non se trata soamente do millón de iraquís que foron asasinados -eses son os “erros” dos bombardeos-, senón do asasinato sistemático de ducias de milleiros, todos os científicos, todos os enxeñeiros, todos os profesores de universidade, e outros. Iso é o que fixeron, é a destrución do país o plan estadounidense, e agora van aplicar o mesmo plan en Siria.

 Daquela, por que o éxito aparente desta estratexia? Son as nosas debilidades as que explican ese éxito. É dicir, se collemos o caso do réxime baasista sirio, que foi hai trinta anos un réxime autocrático pero nacional-popular -para ilustrar con algo coñecido en América Latina, podería semellarse a Vargas [3]-, é dicir, un goberno que desprega un programa importante no plano social, económico, a nivel nacional e internacional, pero que se impulsa desde o poder e non concreta as súas esferas participativas.

 Ese réxime foise esgotando e, cando iso sucedeu, para se manter no poder, debeu capitular e aceptar o neoliberalismo, ao facelo abriu a porta á monumental degradación social que creou as condicións para as revoltas que se expresan agora. Entón, é o neoliberalismo, posto en marcha polas mesmas xentes que nas orixes se opuxeron a el e que logo se renderon, o que provoca a actual situación.

 Pero fronte a isto en que se apoian os imperialistas? Afírmase que o chamado Exército Libre de Siria está conformado por desertores, pero iso é unha mentira, se cadra hai uns tres desertores, pero en realidade está composto por mercenarios, a gran maioría non son sirios, son turcos da rexión de Antioch, son mercenarios de Al Qaeda, de Afganistán, de non se onde, apoiados polos Irmáns Musulmáns locais.

 Cal é o seu programa? Proclamárono: empregaron o termo “moer” os cristiáns, os alauítas, os xiítas, aos drusos, é dicir, á metade da poboación, é esa a democracia que Occidente sostén? O obxectivo é destruír Siria.

 Agora ben, afortunadamente, esas forzas están moi illadas, porque o verdadeiro movemento de oposición, é dicir, o movemento popular espontaneamente democrático e progresista do pobo, nunca quixo solidarizarse con eles, pero segue aí, de todos os xeitos.

- Nese contexto, como vemos as forzas de resistencia locais, por unha banda, cal é o papel da institucionalidade rexional, por exemplo, a Liga Árabe? E, doutra banda, como se expresan as forzas da esquerda, visto desde fóra estas non parecen moi fortes?

A Liga Árabe xa non existe -como a ONU- puxeron a man nela. A Liga Árabe é o Emir de Catar, non ten presenza rexional, ademais, os outros países móstranse tan débiles fronte aos seus propios movementos, que xa non queren involucrarse, nin sequera, nunha política rexional.

 Doutra banda, non vemos unha presenza forte da esquerda. Vella e non, é moi difícil.

 Vou poñer o caso de Exipto. Poderiamos dicir que hai dous bloques, ou máis ben un movemento e un bloque.

 O movemento está composto de seguidores moi diversos: hai novos politizados, que teñen unha simpatía espontánea pola esquerda, porque se rebelan contra o sistema social, fundamentalmente, e contra o sistema policial, pero non soamente contra o policial non democrático, senón contra o sistema.

 Está tamén a esquerda radical tradicional local, de liña comunista -no caso exipcio non temos outra-, que foi minguada por 40 anos de represión, pero que mantivo unha autoridade moral forte, así como unha gran capacidade intelectual, e iso aínda sen contar coa máis mínima organización, nin a capacidade de impactar en termos de mobilización política.

 O novo Sindicato Obreiro Independente, que é moi forte dentro da tradición sindical exipcia, sempre foi, pola súa banda, un sindicato que chamamos pro comunista, pódese dar a definición que se queira a este último termo, quero dicir sempre tendente á esquerda.

 Coa aceleración das expropiacións a pequenos agricultores, agudizada co neoliberalismo, emerxeu tamén un Movemento de resistencia dos Pequenos Agricultores, que é un movemento pouco político, no sentido que resisten localmente, organízanse, son moi fortes, pero a súa proposta circunscríbese a propor unha lei que impida a expropiación.

 Existen igualmente unha serie de movementos sociais articulados arredor de reivindicacións de dereitos, de mulleres, de democracia, etc. Estes movementos non cuestionan necesariamente o capitalismo, nin sequera as súas manifestacións en Exipto, o seu grao de análise da natureza do sistema contra o cal se están a manifestar é moi superficial, segundo eles, é un sistema socialmente innobre e politicamente antidemocrático, pero apenas empezan a cuestionalo.

 Fronte a isto, está o bloque reaccionario, conformado, principalmente, polo alto mando do Exército, e os Irmáns Musulmáns, que contan co apoio de Estados Unidos, e cando dicimos Estados Unidos quere dicir tamén Europa, e “os grandes demócratas do golfo”, é dicir o emir de Catar e o rei de Arabia Saudita, para eles a estratexia é convocar a eleccións, o máis rápido posíbel, co fin de acadar unha maioría islámica no parlamento e proseguir coa mesma alianza fundamental, do alto comando do exército e os Irmáns Musulmáns, que xa eran aliados, na época de Saddat e de Mubarak.

 Pero en Exipto, hai dúas lexitimidades, a lexitimidade das urnas, das eleccións, que non é moi forte na conciencia política, e a lexitimidade da “rúa”. O pobo exipcio di que o parlamento electo é o parlamento do diñeiro e o parlamento do pobo é o da rúa, é dicir, son os movementos e a loita.

 Disque tamén que se vivimos 60 anos sen un parlamento, podemos vivir outros 5 anos máis sen el. O importante non é o parlamento, senón a loita social e política. Polo tanto, hai dúas lexitimidades: a pequena lexitimidade do parlamento e a lexitimidade do movemento. En Exipto, isto é moi visíbel e serao cada vez máis, no sentido de que o conflito vai agravarse, e agrávase todos os días.

 En Siria, é verdade que a esquerda é menos visíbel. É menos visíbel porque o sistema no poder segue a posuír o control aparente da rúa, entón o movemento popular non quere que o asocien nin coa intervención estranxeira nin cos Irmáns Musulmáns, pero tampouco quere ser prisioneiro do réxime, entón, é moi difuso. A iniciativa, infelizmente, téñena Bashar Al Assad e o réxime. É dicir, chegarán a comprender, nalgún momento, que non poden enfrontarse ás agresións imperialistas se non contan co apoio do seu pobo? E non poden obter o apoio do seu pobo usando a forza policial. Deben saír, senón do capitalismo, polo menos do neoliberalismo, para lograr restablecer a redistribución, a xeración de emprego, etc.

- Neste contexto, con ese monumental aparello de control instaurado no sistema mundial, hai posibilidades de desconexión?

 China desconéctase de forma sutil. No seu caso, a desconexión non está marcada por unha caída nas súas exportacións, pola contra, está asociada a un crecemento da súa parte nas exportacións a escala mundial; temos, entón, a aparencia non dunha desconexión senón dunha conexión profunda. Pero, en realidade, detrás dunha aparencia de “integración” -asociada á venda xoguetes de mala calidade, etcétera, etcétera-, está unha desconexión no ámbito tecnolóxico, é dicir, é verdade que collen doutros e aprenden, pero moi axiña desenvolven polos seus propios medios.

 Así mesmo, cales son as relacións de China co capital monopolista? Van a China buscando ganancias a curto prazo e saben que é a curto prazo porque os chineses lles impoñen tres condicións: 1) Estar asociados ao capital privado, e aínda cando é privado é controlado polo Estado. 2) Non utilizar soamente man de obra, senón tamén cadros técnicos chineses que van aprender non no ámbito administrativo senón no tecnolóxico. E 3) En canto captaron os conceptos tecnolóxicos, o capital élles reembolsado, despídenos, vanse do país, a iniciativa pasa a ser chinesa e desenvólvena eles mesmos. Iso é desconexión, pero unha nova forma de desconexión. É iso o que desconcerta ao sector monopólico

- En América Latina, fálase de desneoliberalización, hai procesos de cambio en marcha, mesmo algúns dos gobernos expresan habituais críticas ao capitalismo, á vez que se propoñen o Socialismo do Século XXI, o Sumak Kawsay, e outros. Fálase tamén de desconexión. Como percibe esta posibilidade concreta?

Non coñezo o suficiente acerca desta experiencia latinoamericana, pero todo o que estea encamiñado neste sentido, tal como acaba de expoñelo, merece que o examinemos moi de cerca e de xeito serio e optimista, porque coido que a desconexión é un proceso no que é necesario conxugar iniciativas de bases diversas, que se manifestan desde múltiples condicións concretas.

 A desconexión non provén dun ditador iluminado que impoña esta iniciativa e a poña en marcha; trátase dun cambio estratéxico, que involucra o Estado nun proceso de distanciamento cos intereses dos monopolios imperialistas, e de reorientación cara a enfoques dun desenvolvemento con autodeterminación.

 Hai que analizar os procesos latinoamericanos moi de cerca, coa máxima simpatía, pero ao mesmo tempo con moito rigor. Hai que recoñecer a importancia de propostas tales como as dos intercambios Sur/ Sur, o ALBA, a moeda común, o Sucre, pero, ao mesmo tempo, coido que temos que ser rigorosos: estámonos movendo ao mesmo ritmo que o desafío?

 Un exemplo é o da dolarización en Ecuador, onde o fracaso da xestión da moeda nacional durante o neoliberalismo foi tal que o pobo, que foi a vítima, agora prefire o dólar -que dá unha certa estabilidade aos prezos e aos salarios- antes que o retorno a unha moeda nacional. Entendo moi ben este argumento, mais non ten futuro. Sen unha moeda nacional, a marxe de xestión das opcións económicas é moi limitada;  polo tanto, débese contar cunha estratexia a máis longo prazo.

 Á vez, o Sucre, a moeda conxunta e común, non pode chegar a ser eficaz se non se fundamenta nunha xestión aceptábel de cada unha das moedas nacionais.

- Na Latinoamérica de cambio, está en curso o deseño dunha proposta de nova arquitectura financeira, tamén países como o Estado Plurinacional de Bolivia e Ecuador se definen como de “diversidade económica e produtiva”, o último propón mesmo un sistema económico popular e solidario, é viábel pensar en economías alternativas, tendo en conta, por exemplo, que podería haber ou hai certas formas de intercambio que non están articuladas ao mercado ou ao sector financeiro?

Coido que unha perspectiva económica deste tipo, con economías locais, diversas, alicerzadas, en diferentes niveis, sobre os principios de colectividade e solidariedade -máis que sobre a competencia- se fundamenta en principios moi sabios e desexo que isto progrese.

 Mais poderán prescindir dunha xestión macroeconómica nacional e polo tanto dunha moeda? Non o creo posíbel. Non acredito tampouco en que a economía sexa unha ensemblaxe, porque podería ser recuperada mediante o discurso arredor da “xestión”, eu chámoa de “xestión da pauperización”, a redución da pobreza, mediante o desenvolvemento da sociedade civil, etc. O coñecido discurso estadounidense sobre iso.

 Non podemos obviar os chanzos nacionais, os niveis do Estado. Son necesarias políticas nacionais e quen di política nacional, di, entre outras -pero non soamente-, a xestión dos instrumentos monetarios. O Estado precisa dar crédito para infraestrutura, dar apoio ás economías locais, repensar moitas das respostas que dá aos problemas sociais: educación, saúde, dereitos, vivenda, etc.

 Procuro, porén, ver isto coa máxima simpatía porque as intencións parten de visións progresistas, sabendo ademais que estas iniciativas enfrontan serias oposicións ou resistencias internas e externas, como sucede co Banco do Sur que ten atrancos polo escaso compromiso brasileiro.

- A ton coas propostas de soberanía, estanse situando o Latinoamérica propostas de descolonización, isto foi patente por exemplo na inauguración da Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños -CELAC-. Son estas unhas iniciativas de desconexión? Están presentes estas tendencias en África?

América Latina é un continente colonizado por poboacións vindas da costa ibérica e doutras partes de Europa. Houbo un masacre dos pobos indíxenas, pero afortunadamente sobreviviron, pois o xenocidio non foi “consumado” como ocorreu en Estados Unidos. Ulteriormente, na historia de América Latina houbo unha sorte de recolonización interna e os movementos independentistas no continente, mesmo cando foron glorificados no liderado de Bolívar foron, fundamentalmente, movementos de crioulos, e non de autóctonos.

 O primeiro país onde houbo un cambio cualitativo foi México coa revolución de 1910. Houbo un triunfo da masa campesiña indíxena, que obrigou o país a asimilar con gran forza a existencia dos pobos indíxenas. Houbo un proxecto análogo en Perú nos anos 20 e continuaro outros. Agora hai un renacemento de todo iso e coido que é importante e positivo. A América andina, e Brasil ao seu xeito, fixeron conciencia de que que non están en América Latina, pois o seu nome debería ser América India, Africana e Latina, é un nome un pouco longo, pero reflicte a realidade diversa dos seus compoñentes. Pero, atención, a diversidade destes compoñentes podería ser utilizada para un esfarelamento sen fin.

 A historia é diferente en África, alí non usamos o termo “indíxena”, porque ese era o termo utilizado polo adversario para designarnos. Nós dicimos que todos somos indíxenas.

 Entón, os Estados son o que son, eu non son un fanático das fronteiras-Estado, tal como foron fundados, son un produto da historia, pero xa están aí; en certos casos, fálase de nacións, mesmo cando se trate de nacións plurinacionais, como Bolivia e Ecuador, pero existen, é un feito; insistamos entón nas proximidades, e sobre todo nos intereses comúns, nas semellanzas, máis que nas especificidades.

 Salientemos, sobre todo, nas converxencias e os intereses comúns máis que na diversidade en si mesma. Porque o adversario toma a diversidade e transfórmaa en división. E nós debemos construír unha fronte común con elementos diversos. Máis que nada, facendo énfase nun futuro común.

- En América Latina a diversidade está ao centro das redefinicións actuais. O Sumak Kawsay / Bo Vivir, por exemplo, sitúa un horizonte de longo alcance, que se levanta desde concepcións de diversidade, e máis aínda de “diversidades”, desde unha perspectiva moi distinta á concepción liberal, que a concibe desde unha perspectiva mercantil?

 O capitalismo liberal, o capitalismo en xeral, socializa a través do mercado, é dicir, que tanto o pobre e orgulloso indíxena, como o pequeno burgués de orixe española, ven o mesmo programa parvo en televisión, devecen polos mesmos produtos, etc. Estamos a favor dunha socialización democrática. Este tipo de socialización enriquécese da diversidade, mentres que a socialización do mercado a empobrece e convértea en folclore sen importancia, convértea en nada; todo xira en beneficio dunha falsa individualidade.

 A socialización democrática é unha frase bonita e simpática, pero é difícil de a aplicar, pois implica o reto de articulala a obxectivos comúns, e a gran oportunidade histórica presente, neste momento, chama a unha resposta audaz, a unha radicalización das propostas, que permita aos pobos non só defendérense e pasaren á ofensiva, senón tamén construír un futuro.

 

[setembro de 2012]

cig.prensa@galizacig.com