Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
19/11/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Acerca da Cimeira de Washington

Algúns imaxinaron que a Cimeira de Washington sería un “Bretton Woods II”, a imaxe e semellanza do de 1944 cando ao final da segunda guerra se organizou a orde mundial baixo hexemonía do dólar e EEUU. O problema é que agora non existe unha potencia de substitución, sen prexuízo de que China pode rematar sendo un dos países que adquira maior protagonismo na orde multipolar.

A xuntanza en Washington sobre “Os mercados financeiros e a economía mundial” é a primeira dunha serie que se sucederá no tempo para pensar como saír da crise actual, que xa é recesión na Europa do euro e aceleradamente se achega a EEUU, e con desaceleración económica nos países emerxentes, atrasados ou dependentes, configurando un cadro recesivo da economía mundial. Existe unha importante caída das vendas nas empresas, expresado en baixas considerábeis da facturación, afectando seriamente o emprego e o consumo. A Organización Internacional do Traballo (OIT) indicou que serán 20 millóns no mundo os novos desempregados por esta crise. O desemprego e a perda de ingresos agravan a tendencia decrecente do consumo popular e iso afecta ao investimento. Esa é a razón para que na reunión do G20 se pensase en “medidas keynesianas” de reactivación do investimento e o gasto público.

En realidade é pouco o que xorde da reunión e non podería ser doutro xeito, pois até o de agora o tema foi tratado de forma “nacional” por cada país, sendo que a crise é un tema global que require respostas integrais e mundiais. Non abonda con dicir que a crise é de EEUU, ou que empezou en EEUU. É evidente que a crise é da economía mundial. Outro dos problemas pasa por concentrar o tema na dimensión financeira e é por iso polo que as principais recomendacións estiveron concentradas: a) na regulación das cualificadoras de risco; b) os derivados financeiros e o control sobre as entidades bancarias de investimento non controladas ou insuficientemente reguladas e no conxunto de instrumentos financeiros produtos da enxeñería financeira desenvolvida nos últimos anos; c) nos organismos financeiros internacionais, co intento de reflotar o FMI nas súas funcións de asistencia financeira, para o que hai que dotalo de maiores recursos (Xapón fala de contribuír con 100.000 millóns de dólares con ese fin). En rigor, o problema non é só financeiro, senón económico, e mesmo de carácter civilizatorio, afectando a orde social en conxunto.

O problema de fondo é a orde capitalista, e non chega con pensar “noutro capitalismo” tal como indicou a presidenta da Arxentina no conclave dos xefes de goberno. Non abonda con cambios cosméticos na orde capitalista, senón que fan falta profundas modificacións na orde socioeconómica vixente. Non é un problema de que a crise pasa agora do financeiro ao produtivo e polo tanto resolvendo algunhas regulacións todo se normaliza; senón de cambiar tamén o modelo de produción e en consecuencia a circulación. En definitiva, produción e circulación en conxunto. A crise non é das finanzas e a súa difusión na economía real, senón que é unha crise económica que obxectivamente cuestiona o modelo de produción capitalista.

Nada disto último foi parte do debate en Washington e por iso George W. Bush (desprestixiado internacional e localmente) insistiu na defensa do capitalismo, o libre cambio e a apertura da economía. EEUU presionou o G20 para incluír na resolución final unha apelación para un final da Rolda de Doha que se negocia na OMC. O obxectivo é a liberalización da economía mundial e que varios países entre os presentes veñen rexeitando, xa que os países capitalistas desenvolvidos piden facilitar o ingreso de bens industriais nos nosos países e protexen os seus mercados do ingreso de produtos primarios. Mentres eles demandan apertura, non dubidan en destinar xigantescos subsidios á produción e exportación, potenciando a asimetría da inserción das empresas e os países no mercado mundial.

Algúns imaxinaron que esta reunión sería un “Bretton Woods II”, a imaxe e semellanza do de 1944 cando ao final da segunda guerra se organizou a orde mundial baixo hexemonía do dólar e EEUU. O problema é que agora non existe unha potencia de substitución, sen prexuízo de que China pode rematar sendo un dos países que adquira maior protagonismo na orde multipolar que pretenden os países en desmedra da unipolaridade exercida por EEUU. Hoxe non existe esa potencia militar, económica con fortaleza suficiente para encarar un novo liderado do sistema mundial, tal como ocorreu na posta traspasada de Inglaterra a EEUU nos finais da segunda guerra.

Ao mesmo tempo que se realizaba o encontro dos presidentes realizouse en varias cidades do mundo un día de acción global. Na Arxentina, en Rosario e Bos Aires realizáronse accións dun conxunto de organizacións sociais e personalidades para difundir unha carta dirixida á Presidente da Arxentina relativa á preocupación e rexeitamento pola presenza de Cristina Fernández na Cimeira de Washington. A misiva encabezada por Adolfo Pérez Esquivel “pon en cuestión as políticas hexemónicas nos últimos trinta anos no ámbito mundial que promoveron a liberalización da economía a favor do capital transnacional”. A nota critica a quen visualiza este encontro “como unha importante oportunidade para fortalecer os alicerces do capitalismo, ao abordar como mellorar a liberalización do comercio e o investimento”. Critícase o libre comercio e os organismos internacionais para propor un conxunto de medidas que apuntan a resolver os problemas dos pobos e non dos bancos ou dos que propiciaron a crise. Susténtanse propostas de integración alternativa e de nova orde mundial sobre a base do protagonismo popular na toma de decisións. É o camiño da protesta e a constitución de suxeitos para enfrontar a estratexia do poder.

Pode verificarse entón a crise e os problemas do capitalismo para superala. Un asunto adicional a considerar é a capacidade de construír proposta alternativa ao capitalismo. Se o capitalismo está en crise, é un problema tamén a estratexia de confrontación ao capitalismo e a constitución de propostas anticapitalistas e polo socialismo. É un tema que empeza a discutirse nalgunhas das realidades sociais e políticas da rexión latinoamericana e caribeña, aínda que debe sinalarse que esas voces estiveron ausentes no debate en Washington, salvo na protesta na rúa, nesa e outras cidades do mundo. Discútese a crise, si, pero tamén a posibilidade doutra orde social para a sociedade. Non só está cuestionado o neoliberalismo, senón tamén o capitalismo.

[Artigo tirado do sitio web ‘América Latina en Movimiento’, do 17 de novembro de 2008]

cig.prensa@galizacig.com