Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
19/11/2008

Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
O tempo de traballo a debate en Lisboa

Durante dous días analizouse a pasada semana en Lisboa, nun encontro organizado pola CGTP, todo o referente ao tempo de traballo. A escolla do tema non foi casual, xa que está de actualidade por mor da proposta da Comisión Europea de aumentar até as 65 horas a xornada laboral semanal (co tempo de garda) e a 60 horas cando se trata de traballo efeitivo, en cómputo medio de tres meses.

A iniciativa non contou polo momento co respaldo da comisión do Parlamento na que se debateu, e agora queda esperar a ver que sucede no pleno do parlamentar o 17 de decembro. De se rexeitar abriríase un prazo de negociacións entre o Parlamento e a Comisión, proceso no que os máis optimistas esperan que o proxecto perda toda a súa perversidade, que o converte agora nunha arma degradadora das condicións laborais.

Tamén hai quen chama, diante deste novo ataque contra os dereitos da clase obreira, a non perder a calma, porque a lexislación do Estado español fixa a xornada máxima en 48 horas semanais (con horas extras) e en 40 horas máximas en xornada normal. Agora ben, todos sabemos que as normativas da UE terminan aplicándose en todos os estados máis cedo que tarde e a patronal fará desta lexislación comunitaria unha arma contundente en apoio das súas esixencias de conseguir reducir custos e optimizar beneficios. Lembremos asemade o que aconteceu coa directiva Bolkestein e co rexeitamento por varios estados da Constitución Europea.

Ao encontro de Lisboa asistiron uns vinte sindicatos de varios países da Unión Europea (Alemaña, Reino Unido, Polonia, Francia, Luxemburgo, Malta, Chipre, Grecia, Serbia, Hungría, Romanía, Bulgaria, España, Euscadi, Galiza), e a organización sindical internacional FSM. Ademais das intervencións dos representantes das centrais sindicais sen dúbida foi un acerto as que fixeron varios especialistas en distintos temas relacionados co tempo de traballo, desde xuristas até un médico relacionado coas enfermidades mentais producidas polo exceso de traballo. Foron voces especializadas na temática, que abundaron en datos e argumentos (Joaquim Dionísio; Fausto Leite; Carlos Silva Santos). Ademais destes especialistas houbo intervencións de varios dirixentes da CGTP así como de todas as delegacións internacionais convidadas.

Fíxose mención polos relatores a que o tempo de traballo foi, xunto co salario, o tema central das primeiras mobilizacións obreiras, e que esta era a reivindicación central dos obreiros de Chicago en 1886 (cando sucedeu o masacre que deu motivo a fixar a data do 1º de maio como Día Internacional da Clase Traballadora). Durante décadas a xornada foi diminuíndo acompañando as conquistas sindicais, porén desde os noventa do século pasado comezou a aumentar, a medida co modelo neoliberal e a globalización foise consolidando. Aumentou a xornada real, medrou a temporalidade contractual, mais tamén creceu a intensidade do traballo (o ritmo co que se realizan as tarefas).

Salientouse que, cando falamos de tempo de traballo, non podemos só analizar as medias semanais e moito menos mensuais ou anuais, porque pra persoa non ten iguais consecuencias físicas traballar oito horas cinco días á semana, que dez e doce horas durante tres días e despois descansar varios días até conseguir a media. Como tampouco son o mesmo os efectos pra a conciliación da vida familiar. É verdade que a flexibilidade pode ser un beneficio en moitos casos pra o traballador e traballadora, porén no contexto actual, coa correlación de forzas existente, farase normalmente a prol das necesidades empresariais e non daquelas que sexan importantes pra os asalariados. Ademais, engaden, malia as proteccións que fixa o proxecto, o traballador non está en condicións obxectivas de se opoñer individualmente ás imposicións patronais (tal como permite a directiva).

Sobre este último aspecto afirmaron varios dos xuristas que non se pode esquecer que a lexislación laboral nace coa finalidade de protexer o traballador asalariado, porque se entende que está indefenso fronte á patronal. Pensar que existe calquera posibilidade de que individualmente un operario poda negociar en igualdade de condicións co empresario é unha falacia, e bota ao lixo os alicerces da lexislación laboral construída ate hoxe. Este é un dos aspectos máis perversos da proposta da Comisión Europea, que co argumento de favorecer a conciliación da vida laboral e familiar (nomeada reiteradamente na proposta) na practica precariza ao máximo as condicións laborais e desarma ao movemento sindical da súa principal arma, a unidade. Indicaron que de vagar vaise inserindo o falso conceito da liberdade persoal pra escoller millores condicións laborais en cada caso, esquecendo a desigualdades de partida nas que se realizan os acordos individuais, e coa finalidade real de eliminar os mecanismos de proteción tan duramente conquistados durante décadas de loita obreira.

Outro dos aspectos que se tratou foi a incidencia sobre a saúde do asalariado, tanto física como mental, por mor do aumento da xornada laboral, así como que isto implica na practica un pulo negativo na conciliación da vida laboral e familiar. Xa que, como se preguntaba un dos relatores ¿que traballador se vai opoñer cando o patrón lle diga a última hora da tarde que ten que ficar varias horas máis pra completar un pedido urxente?...

O exceso de horas traballadas no día e na semana aumentaran o cansazo, polo que creceran os acidentes laborais, especialmente os graves. Porén asemade as xornadas laborais excesivas teñen consecuencias sobre a saúde mental das persoas, xa que están sometidas a tensións moi prolongadas, moitas veces en condicións laborais e tipos de traballos que se consideran abafantes polo empregado, e no que se sinte literalmente esmagado. Asemade, afirmaba un investigador medico, a saúde mental non ten unha doada recuperación como a física, polo que normalmente deixa pegadas irrecuperábeis.

A respeito desta normativa reacionaria que se pretende impoñer desde a Comisión da Unión Europea compre dicir que na practica, ademais de axustar ao limite o tempo efeitivo de traballo do operario ás necesidades da produción (co que isto implica de falta de tempos de recuperación física e mental), é un aforro de salarios porque lle permitirá ao empresario pagar como normais moitas das horas extras actuais.

As organizacións alí presentes manifestáronse a prol de apoiar a mobilización convocada pola Confederación Europea de Sindicatos (CES) pra o vindeiro 16 de decembro en Estrasburgo. Agora ben pra alén do expositivo dos aspectos negativos do proxecto de directiva sobre as 65 horas, así como da evolución regresiva das condicións laborais nos últimos anos, houbo en moitas intervencións posturas derrotistas, que todo o vinculaban a esperar que o dialogo e o debate parlamentar remate bloqueando a iniciativa. Outros sindicatos, entre eles a CGTP, ELA, FSM, CIG, e varios máis, apostaron pola mobilización e ver na crise actual, malia a dureza dos efeitos que vai ter pra o mundo do traballo, tamén un intre de división das clases dominantes e polo tanto unha oportunidade pra acumular forzas e gañar un maior apoio na sociedade. Pasos estes que son necesarios pra mudar a correlación de forzas e abrir un novo período de ascenso das conquistas obreiras e democráticas.

Coido que foi unha iniciativa interesante, da que se tiraron conclusións sobre os efeitos do aumento da xornada en moitos ámbitos, expuxéronse máis argumentos cos que combater o proxecto da Comisión, e que permitiu socializar o que cada organización sindical da Unión Europea pensa do momento e está a facer. Compre felicitar polo tanto á CGTP pola realización do encontro. Máxime, tendo en conta que a central sindical e os militantes están metidos moi a fondo na confrontación e mobilización, contra varias medidas retrogradas do actual governo “socialista”, así como o medre da presión da patronal en cada centro de traballo querendo botar nos ombreiros dos traballadores todos os custes de crise.

[Artigo tirado do sitio web ‘GZnacion’, 16 de novembro de 2008]

cig.prensa@galizacig.com