Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
19/2/2010
Militante nacionalista de esquerdas. Naceu na barrio de Coia (Vigo) en 1984. É licenciado en Filoloxía Galega. Na actualidade está a preparar a súa tese e é colaborador de diferentes publicacións.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A doenza de Feijoo: o poder público

Un informe de psicoloxía clínica revela que Alberto Núñez Feijoo (Habichuela para contentar aos separatistas bilingües) padece dunha doenza crónica: o poder público. O diagnóstico constata que foi transmitida xeracionalmente dende o patrucio Manuel Fraga Iribarne, fundador do PP.

O poder público xerou no paciente Núñez Feijoo alteracións e inestabilidades emocionais, así como modificacións negativas actitudinais e comportamentais. A exposición dende a infancia aos organismos públicos provocaron un troco psicofisiolóxico, acelerado ao entrar en contacto coa dereita española.

Observarmos no paciente unha serie de comportamentos autodestrutivos na procura dunha inmediata negación da súa identidade. Segundo todas as probas o paciente padece trastornos catatónicos (posición catatónica) ante a comunicación con axentes alleos á súa intimidade. Adopta posturas de xordeira e de mutismo selectivo.

Obsérvanse indicios de trastorno esquizoide da personalidade: non desexa nin goza das relacións interpersoais, realiza actividades solitarias, goza facendo poucas ou ningunha actividade, ten poucos amigos íntimos ou de confianza e amosa unha indiferenza ante os afagos como ante as críticas. O equipo médico solicitou unha prórroga nesta diagnose para confirmar a presenza de todos estes criterios no paciente.

A última reacción desta diagnose é a pretensión de privatizar a sanidade pública. O goce por poñer en perigo o futuro laboral de 1.500 persoas (coas súas respectivas familias) aconsella unha revisión do cadro psíquico do paciente por apuntar síntomas de sociopatía ou trastorno de personalidade antisocial (TPA): visión da autoestima distorsionada, ausencia de remorsos, deshumanización da vítima e falta de preocupación polas consecuencias dos seus actos.

Acompañado dunha conselleira, cunha patoloxía de afasia de Broca (que afecta no hemisferio cerebral relacionado coa produción da fala en galego), o paciente Núñez Feijoo arela precarizar o servizo público e os dereitos do persoal laboral tratando de garantir que os petos do sector privado estean cheos malia significar un retroceso na calidade e a cantidade do emprego.

A conclusión do cadro clínico é que o paciente Núñez Feijoo reacciona fronte ao poder público promovendo privatizacións. Son actitudes de distorsión infantil de cando unha persoa non ten identidade ou non a quere recoñecer.

Fronte a isto recoméndase primeiramente vacinarse contra o PP participando nas mobilizacións da CIG-Saúde e protestando en calquera lugar contra as políticas privatizadoras da dereita que nos segue mirando coma números do mercado e non como persoas que somos.

[Galiza, 19 de febreiro de 2010]

cig.prensa@galizacig.com