Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
19/5/2010
Sociólogo e politólogo arxentino. Actualmente é director de PLED, o Programa Latinoamericano de Educación a Distancia en Ciencias Sociais. Durante varios anos foi o secretario executivo de CLACSO, o Consello Latinoamericano de Ciencias Sociais. É autor de ducias de artigos e de libros; entre estes últimos salientan títulos como Imperio e imperialismo (2002) e Estado, capitalismo y democracia en América Latina (2003).
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Europa no espello arxentino

Despois de facer estragos na súa patria de orixe, Estados Unidos, o “virus neoliberal”, empregando a atinada expresión de Samir Amin, contaxiou Europa. Ante os síntomas inagachábeis da crise, os mercados reaccionan coa súa explosiva mestura de voracidade e irracionalidade e evidencian o seu escepticismo ante as receitas de saída da crises elaboradas polo G-20, o FMI ou o BM.

Aínda por riba, esta fin de semana, Jean-Claude Trichet, presidente do Banco Central Europeo, declarou que “o rescate dun billón de dólares aprobado pola UE e o FMI é só para gañar un pouco de tempo”. Esta opinión foi secundada polo economista-xefe do BCE, Jürgen Stark, quen ademais dixo que “cando os mercados tolean, ninguén pode prever as consecuencias”.

O carácter estrutural e de longa duración da crise é evidente, e as súas dimensións son impresionantes: en Grecia o déficit fiscal en relación co PIB está por volta do 14 por cento; en Irlanda, case o 15; no Estado español, está a centésimos do 12; en Portugal supera xa o 9 e en Gran Bretaña, da cal poucos falan, o déficit fiscal é apenas unha centésima inferior á incendiada Grecia: 13 por cento. Estas cifras apártanse brutalmente das estipuladas no xa defunto Tratado de Maastricht, polo cal os países europeos deron en se comprometer a manter o seu déficit fiscal por baixo do 3 por cento do PIB. Todo isto ocorre porque, ante o estourido da crise no verán boreal de 2008, os gobernos ordenaron ao Banco Central Europeo e aos seus propios bancos rescatar as grandes empresas afectadas pola crise; tal como fixeron en Estados Unidos Bush e Obama, demostrando, pola vía do exemplo, que a doutrina da “autonomía do Banco Central” é un engano só destinado ao consumo dos submisos gobernos da periferia.

O problema con estes rescates é que máis cedo que tarde os fenomenais desembolsos realizados polos gobernos convértense nunha débeda de proporcións xigantescas, orixinando un incontido crecemento do déficit fiscal. Dado que até hai poucas semanas o FMI se abstivo de sequera lanzar unha advertencia aos países do mundo desenvolvido (cando por déficits moitísimo menores envía as súas letais misións a calquera país do Terceiro Mundo), o problema non suscitou maior atención agás entre os poucos que son realmente sabedores da situación e non acreditaban nas enxeñosas metáforas utilizadas polos gurús do capitalismo que había un ano viñan falando dos “abrollos verdes” que anunciaban a fin da crise. Falabaratos irresponsábeis (do mesmo xeito que os que na Arxentina prognosticaban en marzo do 2002 que para fins dese ano o dólar cotizaría entre 12 e 14 pesos por unidade), senten agora que o mundo se lles vén abaixo: o euro esborralla, a Eurozona está a piques de se desintegrar, e como os gobernos capitalistas só conciben a saída da crise facendo que a paguen os traballadores, o clima social cárgase dunha conflitividade non vista desde os sucesos de 1968, aínda que algúns se remontan até os finais da Primeira Guerra Mundial.

A proposta para gregos e españois é unha copia das que o FMI impulsara en América latina e que só serviron para acelerar o derrubamento, sendo o caso arxentino o espello máis fiel do que probabelmente espere a moitos países da Unión Europea que aínda se aferran ao catecismo neoliberal. O Wall Street Journal do 12 de maio sinalaba que “na Eurozona e en menos dun mes o FMI deixou de ser un paria para se converter nunha institución esencial cuxa bendición é necesaria para os países que necesitan paquetes de rescate”. Este verdadeiro Dr. Mengele das economías -que segue sendo o mesmo de antes, malia as declaracións públicas en contra- foi o que as autoridades da Unión Europea elixiron para que administre os remedios que resolverán a crise. Por iso non sorprende ver a unha Europa en pé de guerra social, como resposta a un programa de axuste tan brutal como os que padecemos en América latina.

Do mesmo xeito que en Grecia, o axuste recesivo de Rodríguez Zapatero no Estado español ten como un dos seus puntais a redución salarial do 5 por cento para a maioría dos traballadores e a conxelación para os de menor ingreso, os chamados ‘mileuristas’ (por ser aproximadamente esa a suma que gañan mensualmente). Para demostrar que haberá austeridade para todos, e que esta será progresiva, o goberno español decidiu que desde o cargo de secretario de Estado para arriba, a redución sería do 15 por cento. O único detalle é que mentres o presidente do goberno español gana 91.982,40 euros por ano (preto de 8.000 euros mensuais, a máis diso diversos gastos que corren por conta do erario), o recorte do 15 por cento dificilmente lle ha producir algunha diminución na súa capacidade de aforro e consumo. Pero para os sectores inferiores da administración pública -cuns ingresos que andan, con premios, complementos e pagas extraordinarias, polos 2-000 euros mensuais-, os 100 euros que lles serán reducidos incidirán negativamente no seu nivel de vida.

David Cameron, o novo premier británico, foi máis flemático e ordenou unha redución do 5 por cento dos seus emolumentos, a pesar de que o seu soldo anual de 207.500 libras esterlinas (sumando o que lle corresponde como premier e como membro do Parlamento) máis que duplica o do seu colega español. Con estes dous exemplos abonda para caracterizar a filosofía que inspira estes programas de axuste. Engádase a iso que en ningún país da UE esta redución do gasto afecta ao voluminoso orzamento militar, parte do cal se destina a financiar guerras inmorais e infames como as que se están librando en Iraq e Afganistán. O que si se reducirá será a suma destinada á cooperación internacional. Só no caso español isto significa unha baixa de 600 millóns de euros, un 8 por cento en relación co previamente orzamentado.

Neste contexto, non deixa de ser rechamante a conversa telefónica que sostiveron o 11 de maio Obama e Rodríguez Zapatero, sobre todo cando o primeiro lle aconsellou que tomase medidas resolutivas “para acougar os mercados”. Esta frase é máis que semellante á que no seu momento pronunciara o ex presidente Fernando de la Rúa en vésperas da derruba da convertibilidade, cando tamén el -como Obama agora- cría que era imprescindíbel e factíbel “levar tranquilidade aos mercados”. En realidade, os mercados son unha institución na cal a crispación, o desenfreo e a irracionalidade son a norma; ademais, sen importar canto se faga ao seu favor, son insaciábeis e sempre quererán máis, como llo fixeron saber a De la Rúa e Cavallo en decembro do 2001. Nas páxinas finais do primeiro tomo do Capital, Marx describiu con vívidos carácteres a natureza dos capitalistas e os mercados ao dicir que “o capital experimenta horror pola ausencia de ganancia... Se a ganancia é acaída, o capital vólvese audaz (...) Ao 20 por cento, porase impulsivo; ao 50 por cento vólvese temerario; por 100 por cento, tripará todas as leis humanas; e por 300 por cento non hai crime que o amodeñe, aínda que corra o risco de que o aforquen”. A experiencia dos dous últimos anos danlle a razón, e a crise apenas está comezando a se manifestar.

 

[Artigo tirado do xornal arxentino ‘Página 12’, do 18 de maio de 2010]

cig.prensa@galizacig.com