Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
19/7/2010

Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: crise : : Galiza : : soberanía :
Atrancos da dependencia

O vindeiro 25 de xullo, Día da Patria Galega, seguramente estará marcado polos dous grandes problemas aos que se enfronta hoxe a nosa sociedade: a crise económica e as medidas de axuste do Goberno e a Xunta; os ataques á lingua galega e a sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatuto Catalán.

Máis unha vez, a loita de clases e a cuestión nacional amosan que están fortemente entrelazadas, que son parte dunha mesma contradición, e que non se resolve unha sen solucionar a outra. Pasa deste xeito porque temos todas as características dunha colonia, dun país que non só carece de soberanía plena, senón que sofre a perda de control sobre a súa economía e unha intensa alienación cultural. Mesmo hai dirixentes elixidos por voto popular que actúan de ariete contra a lingua, signos de identidade, e intereses do país.

Esta conmemoración, festiva e reivindicativa, dáse días despois do debate do Estado no Parlamento de Madrid, no que o PSOE intentou defender o indefendíbel, ou sexa unhas medidas que botan todos os custes da crise enriba das costas da clase traballadora e outros sectores populares.

O PP pediu máis neoliberalismo. Pola súa banda, o BNG expresou moi ben as inquedanzas populares. Jorquera pediu máis autogoberno, criticou a sentenza do Estatuto catalán, polo que ademais implica para Galiza, rexeitou as medidas de axuste contra a maioría social. O deputado do BNG acusou o Goberno de pregarse aos grandes grupos económicos, facendo o traballo sucio da dereita e pediu que se apoiara os sectores produtivos. Foi contundente, porén ser rachar a cortesía parlamentar.

Esta celebración dáse nun contexto previo á convocatoria de folga xeral do 29 de setembro. Nun escenario complexo, no que desde o Goberno anúncianse novas medidas de axuste, neste caso para rebaixar a contía e demorar a prestación de xubilación. Un paro que hai que divulgalo, xustificalo e organizalo, porque desde os grupos do poder económico, desde os principais partidos do sistema e desde os medios de información de masas que controlan, fíxose e farase todo o posíbel para restar argumentos ou inducir á pasividade (“porque é un problema mundial, e polo tanto non hai nada que facer...”).

Conseguir que o paro sexa un éxito é fundamental para o movemento obreiro organizado, porque o mantén como interlocutor necesario, porén tamén para a clase traballadora, porque aínda que non se bote abaixo a contrarreforma axudará a que a súa aplicación teña un límite. Ademais dá pulo para que a negociación colectiva sexa escenario de recuperación de dereitos, e freará novas medidas negativas. Polo tanto, a folga xeral non trata só do axuste que tomou o Goberno e a conseguir botalo abaixo, aínda que este obxectivo sexa moi importante.

Neste Día Nacional de Galiza, asemade, celebraranse os aniversarios de dúas figuras egrexias: Rosalía de Castro e Castelao.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Xornal’, do 18 de xullo de 2010]

cig.prensa@galizacig.com