Vivemos unha fase de agudos cámbios no sistema económico neoliberal e na sua expresión política. A chamada “crise económica” está-se a substanciar na perda de capacidade de decisión por parte dos estados e unha enorme merma democrática nos mesmos. Evidencia-se agora con claridade, que quen realmente governan non son os representantes do povo eleitos nas urnas, senón que estes funcionan ao ditado dos intereses do capital financeiro e das clases poderosas do planeta.
Nas últimas décadas os estados fóron-se endevedando cos bancos e privatizando moitos dos servizos básicos que prestan à cidadania, pondo en mans da empresa privada a xestión e os recursos próprios para estes se enriqueceren con eles, sen que esa riqueza fose en nengun momento redistribuida nen servise ao ben comun. Asi pois, os ricos cada vez se fan máis ricos e as clases populares cada volta somos máis pobres, producindo-se unha enorme concentración do capital nunhas poucas mans. O empobrecimento da clase traballadora fixo con que o consumo caíse e como consecuencia a oferta se disparase provocando o peche de centenas de empresas e a perda de millares de empregos.
Os governos dos estados, coas suas servis organizacións políticas à cabeza non duvidaron en saquear as arcas públicas, os cartos de todas e todos nós para llos entregar aos bancos, ao mesmo tempo que nunha nova vaga privatizadora puxeron en mans das empresas privadas algunhas das poucas empresas públicas que daban benefícios como as lotarias do estado ou certos aeroportos tremendamente rendíbeis.
Ao tempo, iniciou-se unha funda ofensiva no corte dos gastos sociais básicos: na saúde, ensino, dependéncia, etc. ofensiva na que estamos imersos e que se vai agudizar nos vindeiros meses. Deste modo, trata-se de reducir o défice do estado a base de diminuir o gasto público social en vez de subir os impostos aos que máis teñen que son aqueles mesmos que defraudan fiscalmente ao estado. Paralelamente, procedeu-se tamén a reformar a lexislación laboral con medidas que precarizan e empobrecen os traballadores e traballadoras. Debilitar o sindicalismo de clase e pó-lo contra a parede supón destruir as escasas ferramentas de resisténcia ideolóxica da clase obreira que ficaban activas. Neste proceso, o papel entreguista e submiso dos sindicatos CC.OO e UGT deron cabo a décadas de organización e loita obreira. Neste contexto, só o sindicalismo nacionalista periférico foi quen de dar resposta, na medida das suas posibilidades, a estas agresións.
A capacidade de decisión política, como foi referido, non se exerce pois en benefício das clases populares, senón en benefício da alianza das clases endiñeiradas e da banca, herdeiros da ditadura franquista. Basea-se o seu proceder en laminar o estado, apropriar-se del, dos seus recursos e da sua soberania apuntalando a desigualdade social e a supremacía das elites económicas. Feito este, no que o papel dos meios de comunicación é fundamental à hora de lexitimaren estas fraudulentas accións e a sua xustificación, nun planificado panorama mediático para infundir terror na sociedade e fomentar o conformismo e o derrotismo.
É vital pois, a organización imediata e non sectária da maioria social para recuperarmos o poder político, o poder do povo sobre as institucións e pór estas ao servizo dos nosos intereses, freando o intervencionismo e desmantelamento do estado e dos seus bens que está a levar a cabo a oligarquia e a banca.
É mais que evidente que a incapacidade do povo galego de decidirmos sobre o seu futuro e sobre o seu presente: políticas económicas, sociais, etc. está a nos condenar à pobreza e à submisión perante intereses foráneos. É preciso que teñamos a capacidade de dirixirmos a nosa economia, os nosos sectores produtivos, que podamos desenvolver as enormes potencialidades da nosa nación, que podamos governar para os intereses da maioria social, sen limitacións impostas polo estado español ou pola unión económica europeia. A soberania política é pois unha necesidade urxente. Que da maioria social posua o poder de decisión depende o noso futuro como povo e como clase.
Portanto, é máis fundamental do que nunca que o nacionalismo galego de esquerdas que pretenda representar os intereses da maioria social, avance na unidade, na coeréncia e aprofunde nunha prática de enfrontamento que o actual estado crítico da loita de clases e nacional está a reclamar. O contrário seria perdermos a oportunidade histórica de exercermos ese papel fundamental na loita pola emancipación social e nacional do noso povo.
Eis o reto que temos por diante nestes anos, obra na que non sobra ninguén e na que toda persoa consciente é precisa.
(Na Terra, xullo de 2011)