
Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.
As achegas aos medios de comunicación, outorgadas pola Xunta de Galiza, son un verdadeiro escándalo. Os criterios pra conceder estas axudas foron, segundo o Diario Oficial de Galiza, do pasado 2 de decembro, os seguintes: valoración de difusión, número de exemplares e ouvintes; o emprego regular do galego, e por último a porcentaxe de publicacións, informacións ou emisións encamiñadas á normalización da lingua galega e á difusión da identidade e cultura de Galiza. Evidentemente non se respetaron porque os dous xornais máis beneficiados (La Voz de Galicia e Faro de Vigo) adican porcentaxes mínimas aos textos en lingua galega ou á promoción da mesma, e a defender e potenciar a identidade nacional do país. E mesmo as veces estes xornais salientan, especialmente o primeiro, por dar folgos a todo tipo de campañas contra o noso idioma e contra todo aquilo que afortale a identidade nacional de Galiza. Poucos medios contribúen tan teimosamente á colonización do país.
Semella que pouco lle importou cales eran os criterios que figuraban na convocatoria á equipa do actual governo presidido por Feijóo que, utilizando unha vara de medir totalmente partidista e marcada polo seu perfil ideolóxico, premiou a Voz de Galicia con 996.195 euros e ao Faro de Vigo con 397.257. Así como ao madrileño El País, que insire no interior unhas páxinas sobre Galiza, acadou 158.336 euros, se cadra pra escenificar o pluralismo político, por suposto... sempre que sexa nun contexto españolízante. Todos estes medios recibiron moito máis que, por exemplo, La Región (109.357) ou o Diario de Pontevedra (84.835 euros), por non falar da subvención que se lle concedeu ao Xornal de Galicia ¡nada menos que 1.739 euros!. Este parece ser o xeito practico como entende a actual Xunta de Galiza que se debe aplicar equitativamente os criterios de apoio a lingua e identidade nacional galega, seguramente a mesma balanza que pensa utilizar pra "harmonizar o ensino bilingüe" nas escolas (por iso afirma Feijóo discurso tras discurso que apoia ao idioma galego, mentres na practica decote desfai e esmaga).
Vendo as subvencións aprobadas calquera pode chegar á conclusión que se está a premiar aos medios de información que fixeron unha especial campaña a prol do Partido Popular nas pasadas eleccións autonómicas, e que alentaron a oposición a algunhas medidas do anterior governo, como: o plano de normalización lingüística no ensino, as galescolas, a aprobación do plano eólico, as limitacións urbanísticas na costa, etc. Feijóo non debería esquecer que os partidos do bipartito conseguiron máis votos que os conservadores, aínda que menos deputados, e que unha parte importante dos galegos e galegas non votou, polo que non ten un cheque en branco da xente deste país.