
Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.
Neste mes de setembro as centrais sindicais e a patronal, con presenza no sector naval veñen amosando a súa preocupación pola perda de carga de traballo, por mor da supresión da Tax Lease. Xa nos mes de xullo, o día 21, fixérase unha manifestación en Vigo á que acudiron 35.000 persoas convocada pola CIG, CC OO e UGT.
As consecuencias que causa esta grave situación son: despedimentos masivos de obreiros (a esta altura uns 6.000) e as suspensións de pago de estaleiros e auxiliares.
Lembremos que historicamente o medre do sector foi parello coa expansión da actividade pesqueira a niveis industriais, especialmente nas Rías Baixas, e asemade aproveitou a experiencia de dous séculos de construción naval militar no Arsenal de Ferrol. Concretamente, é impensábel analizar o desenvolvemento de cidades como Vigo sen relacionalo coa pesca e a construción naval.
Malia que apareceron novos sectores que teñen moito peso na conformación do PIB, a construción naval segue aportando unha parte importante do mesmo e do emprego cualificado. Segundo o xerente de Asime (Asociación de Empresas Metalúrxicas de Galicia) o sector ocupaba 14.000 persoas hai dous anos, das que unhas 10.000 na bisbarra de Vigo. Agora, a maioría destes están no desemprego. Ademais, non se pode esquecer, que ao ser unha actividade finalista merca unha inmensa cantidade de produtos e servizos a terceiras empresas. Por exemplo, ferro, material eléctrico, madeira, etcétera. Polo tanto non é un atranco menor. Podemos afirmar, que o sector naval ten unha importancia transcendental para Galiza
Máis unha vez, como na década dos oitenta, a construción naval está en entredito, incapaz de competir con China, Xapón e Corea do Sul que constrúen un 85% dos barcos de gran tonelaxe. China xa produce un 35% do total mundial, sendo o primeiro país no ranking. Un novo mérito para a segunda potencia mundial, que agora vaise abrindo paso en actividades máis complexas e de alta tecnoloxía. A perda de carga de traballo non é un problema exclusivamente noso, nin polo tanto consecuencia dos salarios ou da conflitividade laboral (como algúns din), xa que os tres países asiáticos compiten en calidade e están nunha zona en expansión. Este é outro novo sector sacrificado á globalización, que causa enormes custes sociais, en beneficio da concentración e centralización do beneficio, ou sexa, das clases dominantes e dos territorios máis poderosos.
Agora ben, o que agravou a situación en Galiza é a eliminación pola UE da Tax Lease, que permitía rebaixar custes, e canear en parte as diferenzas competitivas artificiosas, especialmente con estados europeos que teñen outro tipo de compensacións, coa mesma finalidade. Bruxelas non cuestiona esas axudas porén si a Tax Lease, o que parece querer favorecer, máis unha vez, a territorios e grupos hexemónicos. Malia que este atranco xa se coñecía, o goberno central deixou pasar o tempo, e agora o sector está xogando o seu futuro fóra de partido. Baralla unha alternativa ao Tax Lease, que a patronal e os sindicatos piden sexa efectiva nos vindeiros 30 días, xa que despois pode ser tarde. Para o cal compre un acordo con Bruxelas, polo que urxe premer a Unión Europea para acelerar as negociacións.
A información a día de hoxe apunta a que a alternativa á Tax Lease será aceptada por Bruxelas e comezará a ser efectiva a primeiros de outubro. Se non fora deste xeito, desde a CIG-metal proponse como saída transitoria que “o Goberno central avale un procedemento técnico e un incentivo fiscal para a contratacións de barcos durante este período” (unha solución idéntica tomou no seu día o Goberno francés). Entendese asemade, que diante da quebra de PIMAR, debese crear a nivel galego unha entidade de dominio público e privado (capital misto). Esta entidade estaría participada pola Xunta de Galiza, o Estado, estaleiros, empresas auxiliares, concellos afectados e entidades financeiras. Coidase que debería estar controlada pola Xunta, e xestionada por unha comisión reitora na que participaran cada unha das partes antes nomeadas.
Na grave situación pola que pasa a construción naval, como outros sectores da economía galega, ademais do desprazamento polo dinamismo económico da China e da súa contorna, (seica proximamente tomará o relevo América Latina), incidiu ademais moi fortemente a moeda única. O euro non permite que a moeda sexa un mecanismo de regulación para manter a competitividade do comercio exterior que, como é lóxico no capitalismo, está en función dos estados e grupos económicos máis poderosos, neste caso o eixo franco-alemán. Por este motivo, o euro subiu un 40% desde que existe a moeda única. Isto ten algunhas vantaxes, malia para o conxunto da economía galega axe como un contrapeso que resulta moi difícil de superar. Rebaixar salarios (e lucros empresariais) dá máis competitividade exterior, porén deprime o mercado interno, destrúe emprego e aumenta a precariedade social e marxinalidade, polo que termina afectando o negativamente o conxunto da economía.
Para conseguir unha solución non transitoria a este grave problema económico e social (que se suma a moitos outros) compre a presión sindical e política, e solucións sistémicas. Aínda que, non se pode ignorar, que malia que a saída dunha alternativa á Tax Lease é parcial e non resolve as cuestións de fondo, será beneficiosa xa que dá un respiro. Por iso, para alén das reunións institucionais e das esixencias feitas por un abano moi amplo de organizacións, que son necesarias sen dúbida, teñen moita importancia as protestas sociais e laborais que vaian máis alá da conxuntura e do atranco concreto, procurando saídas estratéxicas. Asemade, o complexo do momento, as moitas frontes abertas e a dureza do reaxuste, sacrificando sen miramentos os países e clases sociais máis débiles, demostran que neste contexto as mobilizacións deben ser máis persistentes, e poñer o acento na información na procura de conseguir a complicidade da maioría social.
[Artigo tirado do sitio web ‘Xornal’ do 18 de setembro de 2011]