Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
19/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A banca como problema e os referendos como parte da solución

O que se require con gran urxencia para saír da crise é que se desenvolvan políticas públicas expansivas orientándoas a crear emprego e aumentar a demanda doméstica. O maior problema económico (ademais de humano e social) na Eurozona é o desemprego, realidade ignorada polas autoridades públicas da Eurozona.

 É importante que a cidadanía sexa informada (e os maiores medios de información non o están a facer) de que o poder do capital financeiro e a súa excesiva influencia no Consello Europeo, na Comisión Europea e no Banco Central Europeo (BCE), así como no Fondo Monetario Internacional (FMI) (o que se coñece como a troika), está atrasando enormemente a recuperación económica. Tal poder está ditando as prioridades da Unión Europea, en xeral, e da Eurozona, en particular, no desenvolvemento de políticas públicas destinadas a resolver a crise enorme que os seus países están sufrindo. Vexamos a evidencia do que digo.

 As decisións máis importantes que se tomaron polas autoridades da Eurozona foron as que foron aprobadas na reunión do 28 de xuño deste ano 2012 en Bruxelas. Fronte á enorme crise que a Eurozona está sufrindo, con escaso, ou mesmo negativo crecemento económico (que disparou o nivel de desemprego a niveis non coñecidos antes nos últimos trinta anos), tales autoridades puxeron como prioridade da súa acción colectiva salvar os bancos e o sistema bancario europeo. Por iso é polo que se fixeron propostas, aínda non aprobadas, de que houbese un sistema bancario único, cun Banco Central que o supervisase.

 Tal Banco Central será o Banco Central Europeo (BCE), que terá tamén a responsabilidade de prover liquidez aos bancos en dificultades. En realidade, tal BCE xa forneceu dun billón de euros desde decembro de 2011 aos bancos europeos. A metade desta cantidade foi aos bancos españois e italianos. Por iso é polo que os bancos europeos, incluíndo os españois, non teñen -en contra do que se di- falta de liquidez, é dicir, de diñeiro. En realidade, os bancos europeos teñen moito, moito diñeiro. O que ocorre é que gran parte deste diñeiro téñeno depositado, é dicir, gardado nas arcas do propio BCE. Aí está, gardado baixo chave, beneficiándose da seguridade que ofrece o BCE e as súas unidades satélites, os Bancos Centrais de cada país.

 A cidadanía tería que ser informada (e os maiores medios de información tampouco o están facendo) de que o problema da falta de crédito non é que os bancos non teñan diñeiro. Téñeno. Están ateigados de diñeiro. O problema é que non o prestan, nin o circulan. Está depositado ou está investido en actividades especulativas. Nun interesante artigo, Paul de Grauwe analiza as enormes consecuencias negativas que ten tal comportamento bancario (“The ECB, the OMT and Austerity”. Social Europe Journal. 14.09.12). Os bancos estiveron consentidos polos poderes públicos todos estes anos. Recibiron millóns de euros. Repito, os españois e os italianos medio billón desde decembro de 2011.

 Pero, por se iso non fose suficiente, agora creouse un fondo común, chamado European Financial Stability Facility (EFSF), que prestará diñeiro aos bancos que estean en dificultades, diñeiro que terá que avalar e garantir o Estado onde estea situado o banco axudado. En realidade, o diñeiro daráselle ao banco a través do Estado, de maneira que será tal Estado o que se responsabilice de lles pagar aos bancos e devolver o diñeiro ao EFSF aumentando con iso a débeda pública. O Estado español xa pediu axuda e están á súa disposición 100.000 millóns de euros para iso, cantidade prestada ao Estado co obxectivo de que este se o preste á banca.

 Estas decisións, porén, terán pouco impacto sobre a crise. E a proba diso é contundente. EEUU ten xa un Banco Central (a Federal Reserve Board -a Reserva Federal (FRB)-) que está facendo todo (e moito máis) o que agora as autoridades da Eurozona están propondo que faga o BCE. A Federal Reserve Board en EEUU supervisa aos bancos en EEUU e axúdalles en caso de dificultades. E deu empréstitos a xuros baixísimos aos bancos, fornecéndoos de moito diñeiro. É menos permisivo, porén, que o BCE cos depósitos dos bancos. A FRB facilita a circulación do diñeiro, desincentivando que os bancos o depositen na FRB, como agora os bancos europeos están facendo no BCE.

 Pero, a pesar de que o sistema financeiro estadounidense xa ten un modus operandi semellante ás propostas que se están agora facendo referente á axuda do Banco Central aos bancos supervisados por el, a economía estadounidense, aínda que non tan estancada como a europea, ten unha taxa de crecemento menor do esperado. E iso a pesar de que os xuros bancarios son xa moi baixos, máis baixos que os xuros bancarios europeos.

Que é o que se debería facer?

 O que debería ser prioritario non é axudar os bancos privados (que até o de agora non están provendo crédito, a pesar de ter moito diñeiro), senón axudar os Estados e as persoas e empresas endebedadas. Un paso positivo sería que o BCE comprase débeda pública dos seus Estados no mercado primario e a longo prazo (dez anos), tal como xa fai a FRB en EEUU, unha intervención de gran importancia e que o BCE non fai. Tal compra protexería a débeda pública dos Estados da Eurozona (incluído o Estado español) da especulación por parte dos mercados financeiros. Os pasos que o BCE acaba de indicar que estaría disposto a facer (comprar débeda pública a curto prazo, a un máximo de 3 anos, e no mercado secundario) son pasos insuficientes para saír da recesión (...). Pero ademais de insuficientes, as condicións que o BCE pon para que compren os bonos curtos é que se sigan as condicións que impoñan os talibáns neoliberais da Comisión Europea e o FMI, os mesmos personaxes institucionais que acaban de impor a Grecia medidas extremas, como que a semana laboral sexa de seis días, ademais de máis recortes, tanto de salarios como de gasto público. Non hai dúbida de que estas últimas medidas acentuarán aínda máis a recesión.

 O que se require con gran urxencia para saír da crise é precisamente o oposto, é dicir, que se desenvolvan políticas públicas expansivas orientándoas a crear emprego e aumentar a demanda doméstica. O maior problema económico (ademais de humano e social) na Eurozona é o desemprego, realidade ignorada polas autoridades públicas da Eurozona. O maior crecemento de EEUU débese precisamente ao estímulo expansivo que, aínda sendo insuficiente para cubrir o enorme buraco creado pola explosión da burbulla inmobiliaria daquel país, facilitou un maior crecemento económico e maior produción de emprego. E precisamente esta énfase en políticas expansivas, de creación de emprego, é o que se necesita (tal como está propondo a Confederación Europea de Sindicatos), propostas marxinadas nas estruturas de poder da Eurozona, consecuencia do excesivo dominio da banca na gobernanza de tal grupo de países.

A necesidade de se rebelar

 Unha última observación. Coma se non fose suficiente a enorme cantidade de axuda pública que recibiu o sistema financeiro español, influída a banca, a terceira reforma financeira aprobada polo PP, co apoio de CiU, reforza esta axuda co consecuente argumento “de que tal axuda dará confianza aos mercados financeiros”, o argumento que se utilizou por ambas as formacións políticas para aprobar toda unha serie de leis que beneficiaron aos poderes financeiros á conta dos intereses das clases populares. En tal reforma non hai ningunha provisión directa que axude aos usuarios da banca endebedados até os miolos nin aos medianos e pequenos empresarios, tamén profundamente endebedados.

 Unha vez máis, os nacionalistas conservadores e neoliberais a ambos os dous lados do Estado (os españois e os cataláns) que argumentan enfrontarse en defensa das súas nacións, coinciden na defensa dos intereses de clase, que a axitación de bandeiras intenta ocultar. Nin que dicir ten que en Catalunya os medios de información e persuasión públicos, controlados, e abusivamente instrumentalizados por CiU, manterán un silencio enxordecedor sobre tal alianza.

 Como tamén está gardando un silencio enxordecedor sobre a enorme contradición do Presidente Mas cando pide, por unha banda, que se respecte a demanda popular de facer un referendo sobre a independencia de Catalunya, baseado nun principio democrático, indicando que o que diga o pobo catalán debe facerse, e por outra banda, leva a cabo políticas totalmente opostas ao que prometeu na súa oferta electoral, tal como tamén estivo facendo o goberno PP.

 Paréceme ben (e así o pedín antes de que CiU así o pedise) que o pobo catalán poida exercer o dereito de autodeterminación. Pero paréceme moi mal que os gobernantes fagan o contrario ao que prometeron, desouvindo o electorado que os elixiu. As críticas que se están facendo ao goberno Rajoy por faltar ás súas promesas aplican tamén ao goberno Mas.

 Sería interesante que o referendo que se estaba pedindo no Estado español nas mobilizacións de Madrid tamén se pedise en Catalunya: un referendo que consultase o pobo catalán se está ou non de acordo en que leven a cabo tales recortes, recortes para os cales non hai ningún mandato. E podería engadirse neste referendo se están tamén de acordo cos votos de CiU nas Cortes Españolas de apoio ás políticas económicas e sociais do PP (que tampouco non estaban no seu programa electoral) e a reforma fiscal do PP (que tampouco estaba no seu programa electoral), medidas todas elas que afectarán negativamente á calidade de vida e benestar das clases populares de Catalunya e de España.

 

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 18 de setembro de 2012]

cig.prensa@galizacig.com