Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
19/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Grecia: O tripartito renuncia ao seu programa electoral

Recortes nas pensións, a creación dun banco malo, novas privatizacións e o aumento da presión sobre os salarios son os fitos do novo recorte aprobado polo Executivo de Samaras.

 O Goberno que resultou das eleccións do 17 de xuño en Grecia segue con dedicación o rumbo de austeridade e recortes. As promesas preelectorais dos tres partidos que forman o goberno (Nova Democracia [ND], PASOK e Esquerda Democrática) de negociar de novo o plan de axuste asinado coa troika e facer unha pausa coas medidas de austeridade esquecéronse axiña. No seu lugar, o primeiro ministro Antonis Samaras, de ND, anunciou en xullo a nova estratexia: “Primeiro recuperamos a nosa credibilidade e despois negociamos”, é dicir, o Goberno imporá todo o que pide a troika, coa esperanza de optar á súa indulxencia.

 A primeiros de setembro fixouse este plan, que comprende novos recortes de case 12.000 millóns de euros para o bienio 2013-14. Os máis afectados serán os xubilados, xa que as pensións se van recortar uns 4.500 millóns, mesmo nos tramos máis baixos. Os funcionarios públicos verán totalmente eliminadas as súas pagas de Nadal e vacacións, e quen traballe en sectores “especiais” (policías, bombeiros, xuíces, profesores de universidade e doutores) sufrirá unha redución adicional nos seus soldos do 20% de media. Ademais, prevense máis recortes nos gastos para a educación, a saúde e o investimento público, e a eliminación da axuda económica a gran parte dos sectores sociais máis débiles, ata ás persoas con discapacidade.

 O ministro de Economía, o tecnócrata ultra-neoliberal Gianis Sturnaras, prometeu á troika acabar cos atrasos no plan de privatizacións, que inclúe a venda de todas as empresas públicas, mesmo as de electricidade e auga, edificios e terras públicas, infraestruturas como portos, estradas e aeroportos, así como dereitos para extraer minerais e hidrocarburos. O primeiro paso foi a venda rápida do Banco Agrícola a outro banco privado grego, o 27 de xullo. Nunha soa noite executouse unha operación de división deste banco público en dúas partes, unha “sa” e outra “mala”, vender a primeira por só 95 millóns de euros (cando o banco dispuña de 14.500 millóns en depósitos), e pasar os 6.000 millóns da parte mala á débeda pública. Para moitos analistas, esta présa do Goberno non foi casual, dado que na parte mala inclúense centos de miles de millóns de euros de empréstitos aos partidos políticos Nova Democracia e PASOK.

Muro entre Grecia e Turquía

 Man a man coa súa política económica, o Goberno promove o discurso de orde pública, centrado na inmigración. Implementando unha política de man dura, o Goberno acelera a construción dun muro nas fronteiras con Turquía e a conversión de antigos campos militares en campos de detención para migrantes sen papeis. En agosto comezou unha operación policial masiva, chamada Zeus Hospitalario, co obxectivo de deter a sen papeis en toda Grecia e encarceralos nos campos de detención. A pesar de que só o 10% das decenas de miles de detidos están indocumentados, parece que, segundo as enquisas, a maioría apoia estas medidas. Este auxe da xenofobia na sociedade grega coincide coa intensificación dos ataques racistas por parte dos neonazis de Amencer Dourado. Aínda máis preocupante é que este partido, que entrou no parlamento grego co 7% do voto nas últimas eleccións, empezou a executar operacións mediatizadas contra os inmigrantes, coa participación dos seus deputados, sen ningunha resposta por parte da policía.

 

[Artigo tirado da publicación ‘Diagonal’, do 17 de setembro de 2012]

cig.prensa@galizacig.com