Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
2/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A troika reparte consellos á outra periferia europea

Europa e o FMI piden “reformas estruturais” tamén a países como Eslovaquia e Malta, que non teñen graves problemas económicos. Algúns estados, como Chipre, optan por pedir axudas fóra da UE.

 Na Europa da crise non hai só “porcos” (os PIIGS do acrónimo inglés que indica os países cos maiores problemas de débeda, é dicir, Portugal, Italia, Irlanda, Grecia e o Estado español) e “falcóns” do rigor financeiro (Alemaña e os seus países satélites como Austria, Bélxica, Países Baixos, Luxemburgo ou a nórdica Finlandia). As demais economías non son tan ricas para estaren ao carón de quen defende a austeridade nin tan grandes para poder contratar as axudas. Así que cada unha atopou o seu xeito de sobrevivir á crise.

 O último expediente vén de Chipre, a illa do Mediterráneo cuxa parte sur entrou no euro en 2008 (na República Turca do Norte de Chipre úsase a lira turca). Tras pescudar que os bancos estaban en creba, a illa converteuse no quinto país da zona euro en pedir o rescate.

 As entidades financeiras de Nicosia, inzadas de débeda soberana grega, necesitan 10.000 millóns de euros para seguir adiante: unha pinga no mar dos rescates europeos pero unha suma insostíbel para un país tan pequeno, sobre todo se vai acompañada polas peticións da troika. O trío de institucións internacionais (Comisión Europea, Banco Central Europeo e Fondo Monetario Internacional) volveuse famoso pola práctica da “condicionalidade”, a mesma que os homes de negro do Fondo aplicaron a Latinoamérica na “década perdida” dos ?80: outórganse empréstitos só a cambio de recortes -sangue, suor e bágoas-, privatizacións, venda do patrimonio público; en fin, unha perda total de soberanía por parte do país intervido.

 Por isto o presidente de Chipre, Demestris Christofias, decidiu buscar un alternativa: foi mirar no seu pasado (no que hai unha carreira de Filosofía en Moscova) e empezou a tratar con Rusia. O interese do presidente ruso Vladimir Putin no rescate está directamente relacionado cos xacementos de gas situados ao redor da illa, pero para Europa o feito de que un país membro -e ademais agora presidente de quenda da UE- rexeite as axudas para acudir a Moscova é unha humillación sen igual que fixo soar máis dunha alarma: que pasa se tamén os demais países deciden librarse do control de Bruxelas, de Francfort e Washington?

Máis España, menos Suíza

 O próximo país en acabar nos brazos da troika pode ser Eslovenia. O pequeno Estado da antiga Iugoslavia tiña até hai algúns anos a aparencia dunha segunda Suíza: montañas verdes, economía dinámica e alta calidade de vida. En poucos meses a situación cambiou e Liubliana resultou parecerse máis a Madrid que a Berna: por mor da exposición ao ladrillo os bancos eslovenos están a piques de crebar. O sistema financeiro necesita ao redor de 5.000 millóns de euros, e un empréstito coas condicións da troika podería resultar fatal para unha economía que leva ano e medio en recesión. Eslovenia parece encamiñada a pedir axuda a Bruxelas, pero no país xa medran as dúbidas: “Temos que acabar como España?” pregúntase Dnevnik, o principal xornal do país.

 Percorrendo o continente cara ao norte, as preocupacións financeiras, porén, diminúen: Eslovaquia, por exemplo, estase mantendo lonxe do rescate: a súa economía segue medrando (este ano case un 2%mentres a media europea queda no -0,3%) e estanse creando postos de traballo sobre todo no sector automobilístico, que representa máis do 30% da economía nacional (e polo seu baixo custo compite cos países máis ricos de Europa). Porén, aínda que todo vai ben, os homes de negro do FMI non se abstiveron de dar os seus consellos: a prioridade de Eslovaquia, segundo a institución de Washington, serían unhas “reformas estruturais” para aumentar o emprego e o “ambiente de negocios”.

 Algo semellante pasa coa pequena illa de Malta, que recibiu na primavera unha das visitas rutineiras do FMI: a economía vai ben pero hai que facer máis recortes estruturais, repetiron unha vez máis os homes de negro.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Diagonal’, do 28 de setembro de 2012]

cig.prensa@galizacig.com