Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
2/11/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Francia: O primeiro gran conflito social do século XXI?

E se este fose o primeiro gran conflito social francés do século XXI? Polo seu contexto, a súa importancia, as súas formas e as aspiracións que pon de relevo, o movemento contra a reforma das pensións escapa a todos os antigos clixés. As formas inéditas do movemento das pensións. Decodificación en dez puntos.

1. O goberno perdeu a batalla das ideas.

O goberno non chegou a convencer. O desacordo principal incumbe a cerna mesma da súa reforma: o adiamento da idade legal de xubilación aos 62 anos e ata os 67 para unha pensión plena. Esta opinión vén acompañada por un forte apoio ao movemento social, até un 71% de opinións favorábeis. A última enquisa BVA, realizada o 20 e 21 de outubro, fala dun “apoio aínda masivo”, do 69%. “A Francia en idade de traballar móstrase favoraábel ao movemento social en todas as súas dimensións (74%). Os mozos apóiano de forma esmagadora (73%)”, analiza Gaël Sliman, director adxunto do instituto de opinión. E, unha enquisa Ifop para Ouest-France, mostraba que a continuación da mobilización está xustificada para o 63% mesmo despois da aprobación de devandita lei polo Senado.

 

2. Un sentimento de inxustiza que se reborda.

 Os asalariados fixeron as contas rapidamente: o incremento brutal da idade de xubilación a 62 e 67 anos é unha aposta perdedora en calquera caso. Ademais a reforma penaliza os que comezaron a traballar novos ou os que suspenderon as súas carreiras, ou sexa, os máis fráxiles. Mentres o goberno atopou billóns de euros para salvar os bancos durante a crise, fai pesar a carga do 80% de financiamento da súa reforma de pensións sobre os asalariados. A contestación social afiánzase neste sentimento de inxustiza e engádese a unha toma de consciencia de que si hai diñeiro. “Os cartos está en L’Oréal” forma parte dos eslóganes favoritos nas manifestacións. Un ferrollo saltou.

3. Asalariados que falan das condicións e do sentido do traballo?

“Ganas de repousar antes de finar”, este slogan coreado nas manifestacións resume a cuestión: detrás do rexeitamento a traballar máis aló dos 60 anos os traballadores cuestionan o sentido do traballo. A carreira pola rendibilidade e o dogma do “curto prazo” desenvolveron novas penalidades, físicas e morais. A semana laboral de 35 horas levou a espazos de liberdade pero moitas veces foi necesario facer a mesma tarefa en menos tempo. Nicolás Sarkozy non cesou de fustigar este “erro”, pero esquece precisar que Francia mantén unha das taxas de produtividade horaria máis altas do mundo. Sen contar con que, desde hai 20 anos, a flexibilización dos horarios, a explosión da precariedade, os tempos parciais impostos, van comendo aos poucos o dominio do “tempo para un mesmo”. Neste marco, a xubilación significa para moitos un espazo de liberdade desligado da relación salarial, un tempo onde un pode facer o que antes non puido.

4. As mulleres e a xubilación, todo un símbolo!

Decote invisíbeis, aí están na primeira fileira. A reforma das pensións revélase como particularmente regresiva para as mulleres. Esta é sen dúbida unha das razóns que fai das desigualdades home/muller un punto de crispación contra o texto gobernamental. Hoxe en día, menos da metade das mulleres validan unha carreira completa aos 65 anos. Para non sufrir a “rebaixa” da súa pensión, moitas non terán outra alternativa que continuar até os 67 anos, moito máis alá da esperanza de vida con boa saúde, calculada para elas nos 64 anos. A reforma penalízaas en primeiro lugar, elas que ocupan o 83% dos empregos a tempo parcial. Peor aínda, isto engádese a reformas precedentes (1993 e 2003) que xa ampliaron a diferenza nas pensións (826 euros de media para elas contra 1.455 euros para os homes). Neste sentido, o dereito á xubilación mostra que manter o statu quo para as mulleres xeraría un afondamento das desigualdades de xénero. Abordar a cuestión a partir destas leva inevitabelmente á necesidade “doutra reforma das pensións”.

5. Un movemento de solidariedade interxeracional.

Despois do contrato de inserción profesional (CIP) do que Edouard Balladour debeu dar marcha atrás en 1993, até o contrato de primeiro emprego de Dominique de Villepin en 2006, que tamén este tivo que aparcar, os mozos mobilízanse polos temas que tocan o seu futuro inmediato, en termos de estudos (reforma escolar) ou de inserción profesional. Por primeira vez os estudantes entraron no movemento levando a idea do reparto do traballo entre as xeracións. A unión cos traballadores amosa unha gran ansiedade acerca do seu porvir profesional. Mentres o desemprego alcanza o 25% dos mozos e a idade do primeiro emprego estábel está ao redor dos 28 anos, o adiamento da idade de xubilación “bloquea” os postos de traballo. O desdén co que o goberno trata o seu compromiso, considerando que están sendo manipulados polos adultos, non fai máis que encirrar a súa carraxe. Ademais os estudantes manifestan cada vez máis a súa oposición a Nicolás Sarkozy. A ruptura cos mozos de 15 a 24 anos é profunda. Entre un 70 e un 80% desaproba a reforma das pensións e, na mesma proporción, a acción do xefe de Estado.

6. Os asalariados do sector privado incorporáronse masivamente ao movemento.

Certos comentaristas continúan sen velo pero os traballadores do sector privado están tan fortemente mobilizados como os do sector público. A locomotora do movemento encárnase mesmo na figura do obreiro xa que son os asalariados das refinarías francesas os que encabezan a folga. A diferenza do conflito contra a reforma Juppé de 1995, os traballadores do sector privado tamén participan activamente da folga. Deciden un paro de traballo cando poden, como poden, a miúdo por períodos de entre unha a catro horas para saír a manifestar ou a participar nunha iniciativa. Maniféstanse masivamente, utilizando as xornadas programadas os sábados para facer sentir a súa voz. Os obreiros apoian con firmeza o movemento social: o 84% di aprobar as folgas e as manifestacións, segundo unha sondaxe BVA para a canle Plus publicada hai uns días

7. As fronteiras do público e o privado esvaecen

Vaise facendo cada vez maior o número de manifestacións, até 260 durante as xornadas de acción nacional. Maniféstanse nas grandes cidades pero tamén, por exemplo, na illa de Ouessant ou en Belle-Île, fronte ás costas bretoas. Desde principios de outubro, o conflito arraiga nas cidades, os departamentos, onde cada día levan a cabo múltiples manifestacións de carácter interprofesional. Persoal ferroviario, funcionarios e traballadores de refinarías e da metalurxia atópanse na entrada dos depósitos de petróleo, nas estacións, nas prazas públicas. As horas de folga aprovéitanse para saír, exteriorizar a loita, darlle visibilidade. O venres por exemplo, 200 traballadores do metal de Bas-Rhin foron a ocupar a sede da UIMM, patronal do sector, mentres que os de STX Lorient daban un “paseo nocturno” ao mencer até o lugar de traballo.

8. Un movemento que se organiza para durar.

Desde o 7 de setembro, cada xornada de mobilización conta entre 2 e 3 millóns de manifestantes, algo nunca visto! Tense consciencia de que fará falta máis para facer ceder ao goberno. Son moitos os que din “iremos ata o final !”. Pero é necesario aprender a durar cunhas novas condicións xa que a crise fai máis difícil unha folga longa mentres o poder do estado xoga a baza da tensión para intentar converter o movemento en minoritario. Trátase pois de conseguir agarrotar a maquinaria económica sen perder o apoio popular. De aí veñen as operacións de bloqueo de “puntos estratéxicos” da economía a miúdo vacilantes, que non resisten fronte á intervención da policía, nunca duran demasiado tempo e sempre botan a culpa da radicalización do movemento ao goberno. Nas empresas, o debate continúa para convencer os indecisos. Organízase para estar nun movemento que sexa permanente sen perder demasiado diñeiro.

9. A unidade sindical, un elemento de confianza.

Alicerce do movemento, a Intersindical non se dobrega, aínda que moitos predigan divisións cada vez que se reúnen. De entrada, as oito organizacións traballaron xuntas. Unidas polo carácter inxusto da reforma, gárdanse as diferenzas de enfoque sobre a cuestión das pensións partindo do que lles é común. Aínda que a reforma da representatividade sindical continúa á espreita, as súas relacións maduraron. Mentres que, durante decenios, os grandes movementos sociais foron esencialmente defensivos, esta vez lograron impor a idea de que existen alternativas e que é necesario negociar outra reforma.

10. A democracia é escoitar o que se expresa na rúa.

Desde a súa chegada ao Elíseo, Nicolás Sarkozy considera que a súa lexitimidade política xurdida das urnas LLE permite impor un conxunto de reformas socialmente regresivas. Salvo que a reforma das pensións non estaba inscrita no programa do presidente. Non foi, polo tanto, “mandatado” para liquidar a xubilación aos 60 anos. Que el se atribúa esa autoridade, teimando en apelar á mesma lexitimidade electoral, acelera a crise de confianza. A saída de ton do xefe de Estado, durante o consello nacional do UMP en xullo de 2008, declarando que “agora, cando hai unha folga, ninguén o advirte”, quedou na memoria de todos. Desde aquela, non deixa de aceptar de mala gana a convición, moi arraigada en Francia, de que a expresión da rúa é tamén un exercicio da democracia. O Goberno impuxo un calendario moi xusto. Desbotou tomar o tempo necesario para negociar. Os asalariados veñen de lle lembrar que o dereito de folga e de manifestación expresan a opinión maioritaria de que a súa reforma non é a boa.

 

[Artigo tirado do sitio web de ‘l’Humanité’, do 27 de outubro de 2010]

cig.prensa@galizacig.com