
Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.
A información aparecida nos xornais, que puñan as verbas nos beizos do embaixador de Venezuela, de visita en Galiza, indica que o Governo deste país xa tomou a decisión política pra realizar en estaleiros de Vigo dúas naves oceanográficas (pra procurar petróleo e gas) por un valor de mil millóns de euros. Trátase dunha noticia que de se confirmar sería fundamental pra comarca xa que un contrato desta dimensión permitiría manter e mesmo ampliar o emprego e consolidar as empresas (máxime nun intre tan complexo). Este tipo de negociacións polo xeral son longas, xa que comprenden aspectos técnicos e de financiación, polo que seguramente aínda levará un tempo ver asinados os contratos e confirmada a construción destas naves. Ademais non podemos esquecer que o sector naval dinamiza outras actividades complementarias da industria e dos servizos e polo tanto beneficiará a outras comarcas do país.
Esta noticia chama a atención se temos en conta o cativos que son os troques comerciais entre Venezuela e Galiza. No ano 2008 só importamos por 4 millóns de euros e exportamos por un valor de 45 millóns. Son polo tanto unhas relacións favorábeis pra Galiza, xa que temos un resultado positivo que nos xera emprego. Porén tratase dun comercio mínimo tendo en consideración que no ano 2008 Galiza importou e exportou en total por un valor un chisco superior aos 15 mil millóns de euros en ambos os casos. Asemade, con América Latina temos un saldo moi negativo, xa que importamos por valor de 1.642 millóns de euros e exportamos por 592 millóns. Sendo México o noso primeiro socio comercial (a metade das importacións son produtos enerxéticos), moi por riba da Arxentina, ou dun xigante como Brasil co que temos tanta afinidade lingüística. O embaixador manifestaba a súa preocupación pola mínima relación económica entre os dous países, argumentando que en boa medida se debía a que se estaba instalando na sociedade unha idea trabucada da realidade venezolana. En realidade ten moita razón sobre está afirmación, aínda que compre dicir que vendo os dados históricos, as relacións comerciais xa eran moi baixas no ano 2000 (por exemplo).
Agora ben, desde o ascenso de Chávez ao Governo deste país o certo é que se están facendo investimentos importantes en distintas áreas que os empresarios galegos non están aproveitando acaidamente por evidentes motivos ideolóxicos e unha información sesgada. Venezuela, como outros países latinoamericanos, debe ser mercado preferente, especialmente se temos en conta a importante presenza de emigrantes, e por motivos históricos e culturais. Aínda máis, pode que estados tan dinámicos como China sexan máis un espellismo que unha oportunidade, se temos en consideración o déficit comercial que existe hoxe con esta potencia emerxente.
A Xunta de Galiza debería seguir de perto estas negociacións, que segundo parece están na fase da concreción técnica, darlle o seu apoio e sobre todo garantir que non existan atrancos na financiación da construción (unha das eivas máis comúns neste intre). As relacións comerciais, culturais, e non só nas deportivas, deben ficar á marxe da cor política de quen governe nun país, máxime se o fai co apoio da ampla maioría da povoación, como é o caso de Venezuela. O noso sector industrial perdeu moito emprego nos últimos meses, a construción de novos barcos é unha oportunidade que non se pode perder.