marco
2/4/2009
Secretario confederal de Formación Sindical e Comunicación da Confederación Intersindical Galega (CIG).
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Impor a razón

Sete xornadas de folga, máis unha mobilización que contou co apoio dun milleiro de veciños, e outros actos de protesta, protagonizados polos operarios e operarias de Vidriera del Atlántico de Xinzo de Limia, chantaron a esta vila ourensá na primeira plana dos xornais. O conflito xurde co cambio de propietario, xa que desde fai uns meses ten o 100% do capital un empresario portugués (B-A Glass), dono de tres fábricas naquel país irmau e doutras dúas máis no Estado español. O novo dono quere modificar os métodos de traballo o que implica unha perda importante de salarios, nalgúns casos de ate 6.000 euros ao ano denuncia o Comité (non é unha pequena cousa, máxime cando os salarios son baixos).

A factoría conta cun cadro de persoal de 130 traballadores, ou sexa que, nesta vila é unha empresa fundamental na xeración de emprego. Lembremos que Xinzo ten 6.500 habitantes no núcleo e dez mil no concello, e que os ocupados na industria só son medio milleiro.

O novo patrón quere suprimir os pluses de actividade e antigüidade (algo que non se pode aceptar, segundo o Comité e as centrais sindicais), así como eliminar a realización de horas extras. A direción utiliza como argumento a falta de rendibilidade (entón porque a mercou) e ameaza aos operarios dicindo que a empresa está en risco, practicamente en suspensión de pagos, e aos sindicatos de falta de sentido común. O novo patrón di que atopou unha empresa sen tesourería, vale, pode ser certo, porén esta situación formaría parte do prezo de venda, suponse,... non a mercaría a cegas. O certo é que todo cheira a que o que se busca realmente é rebaixar as condicións laborais, e aumentar a taxa de beneficios a costa dos operarios (e non da millora técnica e comercial), por iso non hai interese en chegar a un acordo, marease a perdiz; ás reunións cos representantes dos traballadores asisten persoas sen poderes abondo (como denuncian as centrais sindicais); e procúranse negociacións individuais pra rachar a unidade dos traballadores e traballadoras.

Nun conflito laboral como este de vagar avanzase deica un problema social e comarcal, non esquezamos que estamos nunha época de crise e polo tanto explosiva, polo que, ademais da mediación das autoridades locais, coido debería intervir decididamente a Consellería de Traballo. A súa presión seria importante pra evitar un novo atropelo aos dereitos dos asalariados, nunha época na que hai tantos, e na que as veces semella que valen de moi pouco leis e convenios. Nun tempo no que só se entende a razón da forza, do poder, e na que a finalidade social do traballo resulta esmagada a cotío polo peso mortífero do beneficio privado e a pasividade dos governantes.

Todo reflicte que os operarios e operarias limiaus seguiran firmes, fan ben, só así se consegue manter e gañar dereitos, mentres non esquezan que as acións sempre deben contar co respaldo de todo o colectivo e a complicidade da sociedade. Mesmo acaban de informar que se van manifestar en Portugal, internacionalizando a loita, supoño que pra dar publicidade no veciño país ao conflito, dado que o empresario vive daquela beira da raia (a parte divulgativa tamén ten a súa forza). Tampouco deixan de buscar milloras pra empresa: esixindo a venda de terreos no polígono e a chegada do gasoduto (amosando unha visión máis ampla que a estreitamente gremial).

Todo conflito ten dúas partes, e analizalo sen dúbida sempre depende do cristal que se utilice pra velo, mesmo así nunca se pode esquecer ou ignorar de que banda está a maioría social, e isto debe rexer mesmo pra aqueles que queren casar intereses ou dar por validas (acriticamente) normas e criterios que sacralizan o individualismo, contribuíndo moitas veces (sen querelo?) a centralizar e concentrar a riqueza. Un acordo rápido, sen retrocesos nos dereitos, seria o triunfo pra todos,... impor a razón é entender e gañar o futuro.